Posts tagged: xornadas

Certificados de asistencia ás Xornadas

Xa están listos os certificados acreditativos de asistencia ás Xornadas sobre música e o audiovisual galegos organizadas por Trabalingua.

Podedes pasar a recollelos esta próxima semana en:

Luns 23, de 13:00-14:00h xunto á fotocopiadora de Teleco (biblioteca de Minas)

Martes 24, de 12:00-13:00h na Facultade de Filoloxía e Tradución, no pavillón central (ao lado da copistaría)

Entrega de Diplomas das Xornadas

Ola!
Queriamos informar aos que viñestes ás Xornadas que os diplomas están na vicerreitoría. Tan pronto como estean firmados xa vos confirmamos dúas datas para ir a recoller o voso diploma.
Saúdos

El Puto Coke – Gal-Ego

Unha semana despois da súa estrea Trabalingua levou ás Xornadas sobrea a música e o audiovisual gelgos o videoclip de El Puto Coke.

El Puto Coke, un dos referentes do hip-hop galego, dá un xiro tingido de galeguismo á súa música no seu último tema:

GgAaL-EGO. Esta é unha experiencia músical e un proxecto audiovisual dirixido por Juan Salegueiro, onde se integran distintas disciplinas como fotografía, vídeo-creación, animación en 2D e 3D, graffiti, deseño gráfico e stop motion.

O videoclip presentouse en primicia en vigo fai hoxe oito días, foi no Auditorio Rosalia de Castro do Centro Cultural Novacaixagalicia.

Os que alí estiveron tiveron a oportunidade de desfrutara dun serán único, con ese videoclip impactante, directo, de calidade, unha xoia. Sen palabras quedamos os que aló estivemos e vimos o espectáculo que montaron Anxo Lorenzo coa gaita. Quedamos abraiados cando a moza que estivo nas Xornadas de Trabalingua pola mañá na mesa do Xabarín, Wöyza, se puxo a cantar en clave de soul un poema de Rosalía, e en estado de shock nos deixaron coa versión rapeada do himno galego.

Galego é o título desta canción, deste videoclip. Ogallá máis artistas, Ogallá máis mozos se unan a ese canto GgAaLEGO. Galego sen adxectivo, porque “galego” xa o di todo.

Esperemos que este traballo conxunto de El Puto Coke, Wöyza e unha enorme cantidade de artistas que colaboraron con el, contribúa ao renacer do galego nas urbes. Fixeron o traballo sen subvencións, por amor á arte e por amor ao país e aquí vos deixamos xa co videoclip.



Obradoiro de regueifa e concerto de Espido

Mañá, mércores, pola tarde o mundo da música tradicional, do pop e do hip-hop fusionaranse no CUVI.

No marco das Xornadas sobre a música e o audiovisual galegos que organiza a Asociación Trabalingua, a tarde do mércores estará cargada de música, de tradición e de modernidade.

Ás 16.00 os regueifeiros Bieito Lobariñas e Pinto d’Herbón da Asociación ORAL levarán a todos os asistentes ao mundo da improvisación oral en verso, a regueifa, a través dun obradoiro-actuación. Estarán acompañados de Aíd (Aida Alonso Iglesias, estudante da Uvigo, e popular rapeira de Valladares-Vigo).

A tarde rematará co concerto de Guadi Galego (voz) e Guillerme Fernández (guitarra) que traerán o proxecto ESPIDO á Universidade de Vigo. ESPIDO, unha caste de fusión por roce melódico-armónico de dous músicos, unha mestura de creatividade que da lugar a un traballo, como o seu nome suxire, que se ispe de abalorios: tan só unha guitarra e unha voz dan forma a dez temas de composición propia, e dúas adaptacións tradicionais.

O obradoiro e o concerto serán na sala I do Edificio Miralles. A entrada será de balde (terán prioridade os incritos nas Xornadas).

Mércores 6 de abril
16:00 Obradoiro de regueifa: Bieito Lobariñas, Pinto d’Herbón, Aíd
17.45 Concerto: Guadi Galego e Guillerme Fernández (ESPIDO)
LUGAR: Sala I do Edificio Miralles. CUVI
ORGANIZA: Asociación Trabalingua
COLABORAN: Universidade de Vigo (Extesnión Universitaria) e Concello de Vigo (Concellería de Xuventude e Igualdade)

De Matalobos a Xabarín

Dende este mércores ata o 7 de abril no Edificio Miralles

De Matalobos a Xabarín, Trabalingua trae ao campus o máis representativo da música e audiovisual galegos

Iolanda Veloso destaca na inauguración a relevancia destes eidos para acadar a normalización da lingua

De Mareas Vivas a Matalobos, da xeración Xabarín a Os Herdeiros da Crus ou os Diplomáticos de Monte Alto… toda unha volta pola música e o audivisual galegos. Este é o obxectivo dunhas xornadas organizadas pola asociación Trabalingua que se iniciaron hoxe e que ata o vindeiro 7 de abril reunirán no campus algúns dos persoeiros que fan posible a presenza galega nestes ámbitos e a mocidade que converte en éxito este tipo de iniciativas.

Arroupado polo técnico da Actividades Culturais, Alfonso Caride, que acudiu en representación do vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, e pola concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, o presidenta da asociación Anxo Tato, explicou que se trata “de analizar o momento actual da nosa música e do audiovisual, botándolle cadansúa ollada ás diferentes vertentes”, apuntou ao tempo que destacou a importancia de “ revisar os produtos de consumo cultural da mocidade como son a música e o audiovisual”.

Tamén neste aspecto coincidiron Alfonso Caride e Iolanda Veloso que destacou a súa satisfacción “porque a xuventude da Universidade organice este tipo de actividades sobre cuestión fundamentais para o futuro da nosa lingua”, resaltou a concelleira, que quixo tamén afondar na forte relevancia de realizar actividades dirixidas “á mocidade e aos cativos e cativas, eixe fundamental do futuro dunha sociedade”. Precisamente neste senso, o responsable de Actividades Culturais agradeceulle á asociación o traballo que están a levar a cabo para dinamizar a situación da lingua galega “e de todo o que ten que ver coa cultura do noso país”.

Xeración Xabarín

Para abrir boca nesta primeira xornada, os asistentes visionaron un capítulo de Matalobos, un exemplo de proposta arriscada nas series de fición galegas e, xa despois, a oportunidade de debater as claves do éxito deste tipo de productos co produtor Pepe Coira, o presidente da Asociación Galega de Guionistas, Carlos Ares, e o coñecido actor Luis Iglesia, Carmelo, na serie Matalobos.

E se algo se caracteriza por marcar a toda unha xeración foi o Xabarín Club e, quen mellor para recordalo que o propio director do programa Alberto Casal, que estivo acompañado polos músicos Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza, Puto Coke e Woiza. Salientando que se “vai reciclando o panorama” subliñaron que hai productos que nacen con vocación de iconos e que “a día de hoxe son moitos os exsocios que xa nos mandan os seus propios videoclips”.

Este xoves: cine, animación e curtametraxes

Se esta primeira xornada estivo protagonizada pola ficción televisiva, este xoves a mirada dirixirase ao cine e ao sector da animación. A análise da historia do cinema en Galicia, as súas trabas e vías de futuro, os videoclips, os festivais… serán algún dos temas a abordar polo profesor Miguel Anxo Fernández, que estará acompañado por Manuel Sande ou Xosé Nogueira, entre outros.

Ligazón á nova no Diario da Universidade de Vigo

Unha semana para as Xornadas de Música e Audivisual!

Xa só queda unha semana para as Xornadas de Música e Audiovisual galegos que organizamos en Trabalingua. Estas Xornadas terán lugar no Edificio Miralles os días 30 e 31 de marzo e 6 e 7 de abril de 2011 e poderán ser validadas con DOUS CREDITOS de libre elección ou un CREDITO ECTS. Lembra que para te inscribires só tes que mandar un correo electrónico indicando nome, apelidos, DI, titulación, correo e teléfono ao enderezo: xornadastrabalingua@gmail.com

Consulta o programa completo e máis información na sección deste blogue dedicada ás xornadas

http://trabalingua.blogaliza.org/xornadas/

Vémonos a semana que vén!

WordPress Themes