Posts tagged: TIC

Cada semana un recurso: o DigaTIC

Bo día! Hoxe traémosvos un novo dicionario terminolóxico que se centra nas tecnoloxías da información. Así, o obxectivo do DigaTIC non é máis que proporcionar unha fonte na que consultar léxico técnico en galego sobre esta área de especialización.

As buscas fanse dun xeito moi sinxelo: só hai que introduci-la palabra que nos interesa e especificar ou non a área de especialidade. Isto último recomendamos facelo, xa que se non o facemos a ferramenta pódenos chegar a devolver demasiados resultados de entre os que non saibamos cal escoller.

Dicimos que nos pode chegar a ofrecer “demasiados” resultados porque nos dá todas aquelas entradas que conteñen a palabra en cuestión, independentemente de se esta figura como acepción ou non.

Isto, lonxe de ser un inconveniente como a simple vista poida parecer, é de gran utilidade por dous motivos:

  • Podemos buscar na lingua en que queiramos e obteremos como resultado a acepción principal na que esa palabra aparece recollida como equivalencia.
  • Podemos ver como se relaciona o noso termo con outros, é dicir, se garda relacións de sinonimia, xerarquía etc.

O que non recomendamos é a busca por inicial, que na práctica non é nada útil. Así, accédese a unha pantalla na que van aparecendo un determinado número de acepcións páxina tras páxina (moi numerosas nalgunhas letras).

Na ficha terminolóxica, a acepción determina a opción preferida para denomina-lo termo, mentres que as demais opcións aparecen como sinónimos. Adóitase incluír unha definición e marcar cal é a categoría gramatical. Así mesmo, indícanse as equivalencias da expresión noutras linguas e, de se-lo caso, a súa abreviatura. Opcionalmente dá algún exemplo ou información complementaria sobre o termo e remítenos a outra entrada que poida ter relación con el.

Por último, cómpre dicir que tamén podedes contribuír a ampliar este dicionario con termos que non estean recollidos mediante o formulario que se abre ó pinchar en Suxerir. Tamén podedes botarlles un ollo ós Enlaces de interese, onde se recollen recursos e páxinas que vos poden ser moi útiles! Fedellade canto queirades! Abur!

 

WordPress Themes