Posts tagged: regueifa

Xenerais do Ulla nos próximos micros abertos

Mañá terá lugar un acontecemento único en Vigo. Os Xenerais da Ulla da parroquia de San Vicenzo de Bama (Touro) cruzarán o río Ulla e levarán consigo unha mostra do noso Entroido tradicional rural á cidade de Vigo.

Tomas Duro Valiño, David Suarez e máis Anxo Tato (membro de Trabalingua) farán un alto ou atranco, un tipo concreto de regueifa, para abrir os micros abertos. Despois, coma sempre, o escenario e o micro estará agardando por quen queira compartir algo connosco: poesía, música, maxia, danza, rap, teatro, reflexións… Non quedes calado, o último xoves de cada mes tes a oportunidade de falar e de que te escoiten!

Será mañá, xoves 23 de febreiro, no Café de Catro a Catro ás 20.00 nos Micros abertos mensuais que organizamos dende hai tempo a Asociación Trabalingua.

Queremos agradecer á Área de Normalización Lingüística da UVigo o seu apoio nesta actividade por facer que estes mozos xenerais non teñan que pagar do seu peto o desprazamento ata Vigo.

Veña, deixade o Celta e vinde ver algo diferente e único!

Obradoiro de regueifa e concerto de Espido

Mañá, mércores, pola tarde o mundo da música tradicional, do pop e do hip-hop fusionaranse no CUVI.

No marco das Xornadas sobre a música e o audiovisual galegos que organiza a Asociación Trabalingua, a tarde do mércores estará cargada de música, de tradición e de modernidade.

Ás 16.00 os regueifeiros Bieito Lobariñas e Pinto d’Herbón da Asociación ORAL levarán a todos os asistentes ao mundo da improvisación oral en verso, a regueifa, a través dun obradoiro-actuación. Estarán acompañados de Aíd (Aida Alonso Iglesias, estudante da Uvigo, e popular rapeira de Valladares-Vigo).

A tarde rematará co concerto de Guadi Galego (voz) e Guillerme Fernández (guitarra) que traerán o proxecto ESPIDO á Universidade de Vigo. ESPIDO, unha caste de fusión por roce melódico-armónico de dous músicos, unha mestura de creatividade que da lugar a un traballo, como o seu nome suxire, que se ispe de abalorios: tan só unha guitarra e unha voz dan forma a dez temas de composición propia, e dúas adaptacións tradicionais.

O obradoiro e o concerto serán na sala I do Edificio Miralles. A entrada será de balde (terán prioridade os incritos nas Xornadas).

Mércores 6 de abril
16:00 Obradoiro de regueifa: Bieito Lobariñas, Pinto d’Herbón, Aíd
17.45 Concerto: Guadi Galego e Guillerme Fernández (ESPIDO)
LUGAR: Sala I do Edificio Miralles. CUVI
ORGANIZA: Asociación Trabalingua
COLABORAN: Universidade de Vigo (Extesnión Universitaria) e Concello de Vigo (Concellería de Xuventude e Igualdade)

WordPress Themes