Posts tagged: ortografía

Cada semana un recurso: a corrixir!

Xa a semana pasada vos recomendabamos usar un corrector para vos axudar a detectar aqueles erros que ás veces o ollo non ve. Aquí van as nosas propostas:

  • OrtoGal é un corrector en liña no que só tedes que introduci-lo voso texto e premer en Comprobar ortografía. Se tedes erros, apareceravos unha ventá cunha lista de solucións posibles a cada erro. Escolléde-la opción correcta, premedes sobre Substituír, pecháde-la ventá e o voso texto xa está perfecto!

Interface do Ortogal

  • Galgo é un corrector que se pode integrar nos procesadores de texto. Está dispoñible tanto para Windows como para Mac. Ten un dicionario incorparado e permite engadirlle outros dicionarios externos, que podedes descargar na sección de Dicionarios externos da páxina web do Galgo.
  • Golfiño é un corrector específico para OpenOffice.org. A súa particularidade é que non só permite detectar erros ortográficos, senón tamén sintácticos, de estilo e de concordancia. Ademais, cabe dicir que o galego é a única lingua do Estado que conta cun corrector deste tipo! Está dispoñible tanto para GNU/Linux e Windows.
  • Microsoft Office tamén ten dispoñible un corrector propio, o Corrector imaxin 2.mil3. O malo desta extensión é que só é compatible co Office 2003 ou anteriores, así que se o voso programa é unha versión posterior, o mellor será que utilicéde-lo Galgo.

Escollede o que mellor encaixe coas vosas necesidades, deixade os erros a un lado e seducide coa vosa escrita perfecta!

Ata a próxima!

Cada semana un recurso: vai de ortografía!

Escribir correctamente non é ningún misterio se sabemos que fontes consultar, así que esta semana, vai de ortografía!

A biblia da ortografía galega son as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, ese libriño azul tan bonito editado no 2003 pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua galega que tamén podedes consultar en liña. É un compendio de normas bastante completo que vos servirá de referencia para cando non saibades, por exemplo, se ó policía lle deu unha cambra no ou no *pe mentres o ladrón *fuxe ou foxe cos cartos.

Os que inda non coñezáde-la normativa do 2003 e esteades familiarizados coa anterior, só tedes que botarlle un ollo a este resumo dos cambios que se introduciron na nova para seguirdes actualizados.

E se o que queredes é consultar dúbidas puntuais con respecto á ortografía dunha palabra concreta ou saber se o seu uso está aceptado, tedes á vosa disposición o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG). Ten unha interface moi sinxela na que podedes consultar palabras enteiras ou, valéndovos dos símbolos * e ?, comprobar se unha palabra se escribe con b ou v, ou acaba en -cia ou -za:

Interface do VOLG

Como podedes ver, tedes por un lado as palabras incorrectas e, polo outro, as formas recomendadas. Tamén podedes buscar por categorías gramaticais, o que vos pode ser de utilidade se queredes saber, por exemplo, se a palabra xove está aceptada como substantivo (menos mal que non!). Neste caso recomendámosvos premer na pestana Axuda, onde vos aparecen recollidas as abreviaturas usadas, un pouco opacas para os usuarios de a pé, todo hai que dicilo!

Falamos antes de verbos. Se estades nun apuro e non lembradé-los paradigmas verbais que tan ben se explican nas citadas Normas, non temades! Cilenis é a vosa salvación! É un conxugador moi sinxelo no que só tedes que introduci-lo infinitivo e inmediatamente aparecen despregadas tódalas súas formas verbais. Ademais, podedes escolle-la opción Conxugar verbos só presentes no VOLG para estardes seguros de que o verbo que buscades está aceptado pola RAG.

Ó igual que o Dicionario da Real Academia Galega, este conxugador tamén ten dispoñible unha aplicación para móbiles que podedes buscar coa denominación ConxuGalego no voso xestor de descargas (Google Play e iTunes Store). Cómpre dicir que este conxugador non cerra as portas a nada, xa que ademais de estar dispoñible para o teléfono móbil, ten unha versión en portugués e castelán.

Por último, conviría que falásemos de correctores ortográficos, verdade? Mais o certo é que ese é un tema que dá para moito e xa hoxe nos estendemos bastante, non credes? Ata a próxima!

WordPress Themes