Posts tagged: ligar

Actividade “Ligar en San Teleco”

Esta idea xurdiu da busca que andabamos a facer dun xeito orixinal de promover o uso do galego na Universidade. Como se achegaba a festa universitaria de San Teleco decidimos  participar de forma activa nela, ao mesmo tempo que aproveitabamos a ocasión para darnos a coñecer como asociación. Decatámonos de que, se queriamos chamar a atención dos nosos compañeiros e compañeiras en tal ambiente festivo, debiamos levar a cabo algunha actividade divertida e dinámica. Aí están as orixes de ” Ligar en San Teleco”. Esta acción estivo dirixida á  mocidade que asistiu a romaría do San Teleco, principalmente estudantes da Universidade de Vigo, ademais de algúnns mozos e mozas que se achegaron dende algúns institutos de ensino medio e doutros campus e universidades.

Como se desenvolveu a actividade?

Fixéronse unhas 200 pulseiras de cartolina, dun lado apareca un refrán, e polo outro o seu significado. As pulseiras construíanse de xeito que houbese sempre dúas co mesmo refrán. Tamén se creou un evento no Tuenti chamado “Ligar en San Teleco” para que a xente que fose á festa soubese da existencia da campaña. A pesar de crearse con só  dous días de antelación foron 151 as persoas que confirmaron a súa asistencia e 206 as que elixiron a opción de quizais .

No desenvolvemento da acción o  tempo axudou e  puidemos realizar a actividade con soltura. O xogo consistía en ir repartindo pulseiras á xente que estaba a festexar o San Teleco,unhas para os mozos e outras máis clariñas para as mozas, á vez que repartiamos tamen chapas de “Busco Amante Galego-Falante” signo que identificaba aos participantes do xogo.

Con isto aproveitamos tamén para repartir uns pasquins con información sobre a nosa recente   asociación para darnos a coñecer e conseguir novos membros. A comitiva contaba tamén con un gaiteiro para chamar a atención e amenizar a festa, ao que axiña se sumaron outros músicos próximos.

A xente poñía a chapa, gardaba o pasquín  e coa pulseira xa no pulso buscaba en galego o descoñecido ou descoñecida que tiña a pulseira co mesmo refrán, ao mesmo tempo aprendía o significado do seu dito popular se non o coñecía anteriormente.

A aceptación da xente foi moi boa, e para Trabalingua a actividade resultou ser todo un éxito. Chegamos a moreas de xente, intentamos que estas se comunicaran en galego durante a festa e a ao mesmo tempo demos a coñecer a nosa fraseoloxía popular.

WordPress Themes