Posts tagged: Kraków

Kraków, a 2 de febreiro de 2010

Kraków, a 2 de febreiro de 2010

Did you know that this region is also called Galicja (a pronuncia é galicia) ??

Yes, yes, I know.

Despois de que iso sexa o primeiro que me di cada polaco/polaca que coñezo de novo, claro que o sei. Malditas (ou benditas) casualidades (ou eran coincidencias?) que ten a vida, marcho da terra para acabar noutro sitio que se chama igual, e non só por iso, se non tamén pola paisaxe que tiñamos no outono. Os arredores de Kraków son moi semellantes á vexetación galega, até podía debullar os ourizos dos castañeiros… pero xa vai que foi outono, o inverno cedo chegou, e vaia se o notamos. Tivemos sorte e da primeira vaga de frío salimos ilesas, estabamos xa na casa polo nadal, pero non libramos da segunda. Sufrimos os -18º, os -19º, os -22º … pero se hai algo que comprendes é que isto é normal aquí. Aquí con -20º as clases non se suspenden, as rapazas seguen levando minifaldas e as cabezas sen cubrir mentres ti levas tres camisetas e medias baixo os pantalóns.

E agora imos co atranco máis grande que podiamos atopar aquí. Intentar aprender polaco. E cando digo intentar, digo estudar máis para polaco que para outra materia. En primeiro lugar, a escrita non se parece a nada que vira antes, a nada. A pronuncia, as letras, as declinacións, as conxugacións verbais, as excepcións (que son case todas, polo que, entón, a excepción debería ser a norma e a norma a excepción, pero non nos imos poñer a discutir con polacos). Por todo isto podería parecer que non me gusta, pois non. Encántame o polaco. Encántame, e é moi gratificante que te entendan na carnicería.

Con respecto á vida erasmus, vou ser sincera. Si, non traballas todo o que traballarías ese ano na túa universidade, hai festas todos os días e coñeces un montón de xente nova, o que me leva á imaxe que teñen dos españois aquí e supoño que no resto de Europa. Todos coñecemos a España mítica: sol, tortilla, paella, tinto de verano/sangría, flamenco, fermosas e ardorosas mulleres bronceadas de ollos verdes e longo pelo negro e ondulado. Si, esa é a imaxe que teñen dos españois por toda europa, e si, esa é a imaxe que se segue exportando e siguen exportando (xa van dúas “Spanish party” e en ámbalas dúas a imaxe era o toro de osborne cunha bandeira española de fondo). Xa entendo porqué me tomaban por alemana. Pero, ai! Non todo é tan bonito no paraíso, hai dous sitios no que a xente é mala e causa problemas: por unha parte, a xente que non quere ser española: os cataláns; e por outra, os malvados terroristas: os vascos.

So you’re spanish, wow, I though you were german… And where are you from in Spain?

I’m from Galicia, just up Portugal

Mmm, nice…but what about Catalonia, are they independent? ( Neste diálogo podes substituir Catalonia por “the vascs” e terás o mesmo resultado)

Aaahm… it’s more complicated than just that

Unha das cousas que intento facer dende que estou aquí é situar Galicia no mapa desta xente. Moitos polacos saben que existe unha Galicia por aí perdida, pero non teñen nin idea de onde está, e non falemos dos estudantes doutras nacionalidades, e todos se quedan abraiados cando lles dicimos que temos lingua propia. E teño reaccións para tódolos gustos, dende un rapaz que me abrazou cando lle dixen que usaba o galego con normalidade, xente que descoñecía a súa existencia, xente que case me chama terrorista por dicir que son de Galicia e non de España, xente que me dixo, máis ou menos “ non sei porqué insistides en utilizar e defender ese dialecto medio español medio portugués” (e ese día case me boto a chorar, non podía falar do mal que me estaba a sentir), xente que me dixo que algo así non servía para nada e algún outro que se interesou pola existencia del.

A pesar de todo o anterior, a estadía aquí vale máis que todas as discusións que puiden ter. E descubrir que hai bolsas de lectorado de galego (si si si, volverei) aquí compénsame a rabia que sentín algunhas veces.

Esta é a primeira misiva dende centro-europa, prometo escribir máis e pido perdón por non facelo antes.

Dende Polonia con amor

Buziaki

Iria

Nova sección no blogue

Este é un lugar de encontro,  encontro dos que estamos cos que marcharon. Está sección está ao par da lareira, e ao par da lareira nos sentamos e imos falando da vida, do que foi, do que é e do que será. Ao pé da lareira falamos das nosas cousas. Sen présa, coma galegos que somos, pero sen pausa. Ao pé da lareira e quentando as mans no lume ímonos enterando do que foi dos nosos compañeiros que se foron de Erasmus ou que simplemente están alá lonxe pero co corazón acá.

Este é o lugar no que abriremos as cartas que nos mandan os Trabalinguos e Trabalinguas que por cousas da vida están vivindo en Barcelona, Polonia, Inglaterra, Italia…

Cunha carta de Iria inauguramos esta nova sección no blogue desexando que cheguen moitas máis dela e de todas as compañeiras e compañeiros que arrastran os zocos por outras terras.

WordPress Themes