Posts tagged: Homenaxe

Homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O pasado 4 de marzo celebrouse na Universidade de Vigo o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, o seu 1.º Doutor Honoris Causa. A Asociación Trabalingua, xunto co presidente da Fundación Penzol, Zulueta de Haz, coa irmá do homenaxeado, Ana M.ª Fernández del Riego, co vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas e mais cos Comités, participamos nunha homenaxe na que se descubriu unha placa conmemorativa a carón do pradairo que se plantara hai dous anos, cando finou Don Paco.

O presidente da Asociación Trabalingua, Anxo Tato Arias, pronunciou durante o acto estas acertadas e emotivas palabras:

Benqueridas amigas e amigos:

Hai dous anos, un gran home, Don Francisco Fernández Del Riego, deixaba este mundo e un pradairo na súa honra comezaba a botar raíces no CUVI. Raíces que, como hoxe vemos, son tan fondas como a pegada que Don Paco, deixou no noso pobo.

O estudantado da Universidade de Vigo, non quere esquecer a súa persoa e todo que fixo pola nosa nación. Así, as persoas que formamos a asociación Trabalingua, igual que aquel mércores 23 de marzo axudabamos cunha pa a transplantar a este pradairo, aquí estamos outra vez para render homenaxe a este ilustre galeguista, a este bo e xeneroso.

E aínda que non o coñecemos persoalmente, dirémoslle Don Paco. Porque coa semblanza que Malores Villanueva fixo deste home naquela homenaxe, púxolle rostro coñecido e alma a aquel nome e fixo que Del Riego formase parte de todos nós.

Don Paco pertenceu aos intelectuais do grupo Nós, traballou no Seminario de Estudos Galegos e foi membro do Partido Galeguista. Despois da guerra xunto con outros, como Xaime Illa e Ramón Piñeiro, fundou a Editorial Galaxia. El foi tamén o inventor de algo tan noso como o Día Das Letras Galegas, e ocupou o cargo de presidente da Real Academia Galega ata finais de 2001.

Nesta data tan emotiva quixera destacar de Don Paco a súa ilusión, o seu entusiasmo e optimismo, e a súa vontade de conciliación e o seu exemplo galeguizador.

Don Paco é exemplo dese entusiasmo que nunca se debe abandonar. Que grande sería a ilusión deste home da xeración Nós para mantela viva aínda despois da guerra civil!

Don Paco é exemplo de esperanza. Así, cando o golpe fascista do 36 lles segou a vida e soños a tantos amigos seus, non perdeu a esperanza e con optimismo axudou a prender un facho. Naquela longa noite de pedra, uns poucos valentes e visionarios prenderon un facho de luz e lume, que deu en chamarse Galaxia. Alí se xuntaron os vellos galeguistas e, baixo o seu paraugas, conseguiron transmitirlle aos máis novos o vello soño de Galiza. Desta maneira, eles lograron que o galeguismo non esmorecese.

E por último, Don Paco é tamén exemplo de conciliación. De unión entre todos os que levamos a Galicia no corazón, de unión para participar xuntos na construción do noso país.

Para rematar, igual que seguramente diría o noso estimado Francisco, queremos lembrarvos a todos vós o que nos une. Nestes tempos de incerteza, de descomposición social, hai tantas e tan variadas ideoloxías e posturas ante o momento que nos tocou vivir, que a veces semella que non temos nada en común e así é que se ven nalgúns escenarios loitas fratricidas. E iso non é certo. Lembremos que aínda con ideas distintas, ti e máis eu somos galegas e galegos, somos herdeiros dunha longa tradición, dunha cultura con séculos de historia. Só tendo claro eses lazos, o noso pobo poderá afrontar con éxito os avatares deste novo século.

Que quede nos nosos corazóns a memoria de Francisco Fernańdez del Riego, e a de toda esa romaría infinda de homes e mulleres que axudaron a construír este país.

Saúde.

Recital de Rosalía

Este ano cúmprense 150 anos da publicación da obra “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Ademais, o domingo día 24 de febreiro celébrase o aniversario do nacemento desta importante escritora da nosa lingua.

Os Comités e Trabalingua coa colaboración da Universidade de Vigo convidámosvos a un recital de Rosalía o próximo 28 de febreiro ás 20:30. Será no bar Cabiria (rúa Afonso XII, 32) (http://goo.gl/maps/9vGpv).

Animádevos a recitar e homenaxear a Rosalía!

Homenaxe a Francisco Fernández del Riego

No marco das Xornadas sobre Mocidades galeguistas organizadas pola Asociación Trabalingua, fixemos unha homenaxe a Paco del Riego, plantando un pradairo no seu nome.

No acto participaron Malores Villanueva, Salustiano Mato (reitor da Universidade de Vigo), Henrique Costas (vicerreitor de Extensión Universitaria) e Antón Vidal Andión (secretario da Fundación Penzol). Tamén estaban presentes Xusto Beramendi e Uxío Diéguez Breogán. Con este pequeno acto Trabalingua quixo lembrar a un home que tanto fixo por Galicia e polo galego no século XX.

Palabras que Malores lle adicou a Don Paco. Ler.

VÍDEO DA HOMENAXE. Trabalingua agradécelle a todos eles, e ao clarinetista Pablo a súa desinteresada colaboración.

Homenaxe Paco del Riego from trabalingua on Vimeo.

O alumnado rende a súa particular homenaxe a Don Paco

Un pradairo autóctono lembra nos xardíns do Cacti a figura de Fernández del Riego

Nunha xornada sobre as mocidades galeguistas organizada pola Asociación Trabalingua


ImageUn pradairo nos xardíns do CACTI lembrará desde este mércores a figura de Francisco Fernández Del Riego, Don Paco, tras o seu falecemento hai apenas uns meses. Un símbolo co que o alumnado quere renderlle homenaxe a “un firme defensor da cultura do país”, como salientaron diferentes membros de Trabalingua, a asociación estudantil que organizou o acto, encadrado nunhas xornadas de conferencias sobre as Mocidades Galeguistas. O reitor, Salustiano Mato; o secretario da Fundación Penzol, Antón Vidal, e a testamenteira de Fernández del Riego, Malores Villanueva, foron algúns dos convidados ao acto.

Un pradairo nos xardíns do CACTI lembrará desde este mércores a figura de Francisco Fernández Del Riego, Don Paco, tras o seu falecemento hai apenas uns meses. Un símbolo co que o alumnado quere renderlle homenaxe a “un firme defensor da cultura do país”, como salientaron diferentes membros de Trabalingua, a asociación estudantil que organizou o acto, encadrado nunhas xornadas de conferencias sobre as Mocidades Galeguistas.

O reitor, Salustiano Mato; o secretario da Fundación Penzol e asesor xurídico da Universidade, Antón Vidal; o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas e a testamenteira de Fernández del Riego, Malores Villanueva, foron algúns dos convidados ao acto. Subliñando todos o compromiso do galeguista coas súas ideas, o secretario da Fundación Penzol, que Fernández del Riego dirixiu durante 47 anos, lembrou a “un amigo co que compartín moitos anos e do que me gustaría que lembrásedes o seu carácter vitalista, que mantivo dende que era un mozo ata os seus últimos días”. Tamén a este carácter vitalista, fixo referencia o reitor, que manifestou a honra que supuxo para a Universidade nomealo primeiro doutor Honoris Causa “dunha institución que só pode ser universal desde a máis clara identificación coa nosa contorna”.

Co son das gaitas de fondo interpretando o himno galego, Malores Villanueva lembrou brevemente a vida dun “home honrado e intelixente, un auténtico virtuoso, que sentía especial predilección polos máis novos e que hoxe estaría fachendoso de estar aquí”, ao tempo que retou aos presentes “ao que o seu exemplo sexa luz para non rendernos”.

Coa participación de Xusto Beramendi e Uxío Breogán

Ademais da homenaxe a xornada incluíu varios relatorios sobre as Mocidades Galeguistas, “unha actividade pensada para difundir o coñecemento sobre un movemento político e cultural, formado por mozos e mozas galegos durante os anos da II República Española”, explicou Xurxo López, un dos organizadores, que insistiu na importancia de transmitir os valores e métodos destas mocidades galeguistas para fornecer os movementos culturais galegos actuais “de folgos e novas perspectivas”.
O historiador e director da revista Murguía, Uxío Breogán, e o experto na historia das ideoloxías e dos nacionalismos, Xusto Beramendi, impartiron sendo relatorios nunha xornada na que tamén houbo unha mesa redonda con representantes de diferentes movementos políticos e culturais.

Noticia tirada do duvi

WordPress Themes