Posts tagged: gramática

Cada semana un recurso: as posibilidades de Google Libros

Bo día! Hoxe desviámonos un chisco do propósito desta sección para falarvos de recursos en papel, xa que na actualidade (e especialmente en galego) son moito máis numerosos cós recursos en liña. Por fortuna, nalgúns casos podémolos chegar a consultar na rede grazas a ferramentas como Google Libros.

Google Libros está destinado principalmente a axudar a descubrir libros e a localizalos, posto que indica onde se poden comprar ou coller emprestados, pero tamén pode chegar a ser unha fonte de consulta inesgotable. Facede a proba: buscade aquilo que máis vos interese e xa veredes cantos resultados obtedes.

Ben é certo que non tódolos libros que vos aparecerán se poderán ver, pero non son poucos os que permiten facer unha vista previa, ler só algúns fragmentos ou, con sorte, le-los completos. Podedes afina-la busca coas opcións que se vos ofrece a barra de ferramentas da cima para que se vos mostren, por exemplo, só os libros que permiten unha previsualización ou os dunha determinada época.

Barra de ferramentas de Google Libros

A gran vantaxe adicional desta ferramenta non é que se poden facer buscas automáticas dentro do libro (cousa que non poderiamos facer de ningunha maneira coa versión en papel). Só tedes que introducir na caixa de busca da esquerda o que procuredes e apareceránvos á dereita as páxinas nas que aparecen os resultados. Preme para ver un exemplo.

Cómpre dicir estas buscas non sempre se poden facer en tódolos libros, pois hai algúns que simplemente deben estar escaneados e non recoñecen o texto como tal. Con todo, sempre que poidades consulta-lo índice, podedes ir máis ou menos á parte do libro que vos interesa.

Despois deste rollo todo, imos ó que de verdade importa: recursos, recursos! Deixámosvos aquí tres gramáticas de lingua galega que atopamos en Google Libros que permiten facer unha vista previa, inda que só a segunda permite facer buscas:

Ollo! Esta última é unha reedición exacta da que se editou en 1931, polo que non se axusta á actual normativa. Permite a vista completa.

Por último, deixámosvos esta ligazón a un artigo de Galinus no que se explica como optimiza-las buscas en Google (que nunca está de máis!). A semana que vén descubrirémosvos máis segredos. A fedellar!

WordPress Themes