Posts tagged: en liña

Cada semana, un recurso: Dicionario da Real Academia Galega en liña

Inauguramos sección no blog de Trabalingua! E que mellor que recompilando os múltiples recursos que nos ofrece a lingua galega? Velaí vamos!

Esta semana comezamos cun básico: o Dicionario da Real Academia Galega en liña. Seguro que moitos de vós xa coñecedes esta ferramenta gratuíta, pero non está de máis descubri-los segredos que agocha este dicionario, non é?

A verdade é que esta versión é bastante recente. Inda lembraréde-la anterior versión que, á parte de ser pouco práctica, non estaba adaptada á normativa do 2003. Agora a interface é moi intuitiva e sinxela de usar.

Interface

Unha das novidades que achega esta versión é a incorporación do Dicionario de pronuncia da lingua galega, o que nos permite escoita-la palabra buscada con só premer na icona do altofalante que está ó lado do paxariño do Twitter (Si, do Twitter!). Escoitade, escoitade, que inda botades unhas risas!

Outra novidade importante que se integrou recentemente na interface é a procura de sinónimos ou a busca avanzada. E para os que vos gusta descubrir palabras novas, tedes á dereita palabras á toa, pero tede coidado, que poden ser adictivas!

Ademais, tamén existe a posibilidade de engadi-lo dicionario á vosa propia páxina web e, o que é mellor aínda, instalalo no teléfono móbil. Só tedes que acceder ó xestor de descarga de aplicacións (como Google play), buscalo, descargalo e listo!

Por último, cómpre dicir que o dicionario está sendo constantemente actualizado, inda que é certo que lle queda un bo camiño por andar. Vós mesmos podedes colaborar a través da caixa de suxestións cando vexades que hai cousas que mellorar. Non quededes calados, que a lingua facémola todos!

WordPress Themes