Posts tagged: denuncia

Cada semana un recurso: como facer denuncias lingüísticas

Para aproveitar que xa rematamos coas FotoTrabadas, esta semana ímosvos dar unhas indicacións sobre como facer denuncias lingüísticas. Mais, primeiro de nada, hai que saber que se pode denunciar e que non: só se pode denunciar aquilo que viola a lexislación; o resto poderá ser motivo de queixa.

Para quen non teña clara a lexislación que afecta o galego, recomendámosvos le-la Lei de normalización lingüística e tamén vos animamos a consulta-la páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde se recollen as ligazóns a tódolos documentos lexislativos aplicables ó galego.

Pois ben, a primeira recomendación que vos podemos dar é que presentedes unha queixa formal no momento e lugar en que teñades/vexades problemas. Isto podédelo facer, por exemplo, se vedes erros na cartelaría en galego dunha empresa ou dunha administración pública.

E que pasa cando os desleixos ocorren na documentación que emite a administración? Tódolos documentos lexislativos deben estar escritos en galego e castelán e, os públicos e os dirixidos ao cidadán, se non hai un acordo entre as partes, deben estar escritos tamén en ámbalas linguas. É dicir, que se acaso vos atopades cun documento da administración que estea só en castelán, podedes esixir que volo dean en galego.

Na páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística, na sección da Mediateca, hai un apartado denominado Actívate! Defende os teus dereitos en que se recollen diversos modelos de reclamacións para estes efectos. Non está de máis que lles botedes unha ollada, pois pode haber algún que coincida coa vosa queixa. Tamén podedes remitir as queixas sobre os casos en que se violen os nosos dereitos lingüísticos ó Valedor do Pobo.

Con todo, sabemos que, a pesar das nosas indicacións, haberá moitos casos en que non saibades como proceder. Debedes saber, entón, que a Mesa pon a disposición do cidadán o servizo a Liña do galego a través do que facer consultas sobre os dereitos lingüísticos, canalizar queixas contra quen os incumpra e dar parabéns a quen os respecte. Podedes participar nesta iniciativa a través do enderezo electrónico (linhadogalego@amesanl.org) ou do teléfono 902 106 474.

Por último, quédanos dicirvos como proceder dentro da Universidade de Vigo. Á parte de presenta-la vosa queixa no mesmo momento e lugar, podedes enviar unha mostra á Área de Normalización Lingüística (anl@uvigo.es) e eles encárganse de canalizalas e informar a quen corresponda.

Esperamos que esta información vos fose de axuda. Entre todos podemos facer que a situación do galego vaia a mellor!

Ti informas, Trabalingua denuncia.

Seguro que máis de un de vós xa está canso de ver letreiros que deberían estar en galego e non o están (ou intentan estalo pero ó único que se achegan é ó castrapismo).

En Trabalingua non queremos pasar isto por alto e propoñémonos denuncialo. Como? Pois mediante esta pegatina:

Cada vez que atopemos algún cartaz, letreiro ou documento que non estea en galego, alí irá a nosa pegatina para reclamar “E EN GALEGO?”.

Por iso precisámo-la túa colaboración! Cada vez que vexas algo que non debería ser e inda non estea denunciado por nós, avísanos e farémolo de inmediato! Anímate!

Podes contactar connosco a través das redes sociais, comentando no blogue ou  a través do correo electrónico (asociaciontrabalingua@gmail.com).

 

Algunhas das denuncias que xa fixemos son:

 

WordPress Themes