Posts tagged: billarda

San Teleco 2013

Dende a Asociación Trabalingua gustaríanos informarvos de que o vindeiro 2 de outubro e coincidindo coa celebración de san Teleco, imos colaborar coa Delegación de alumnos de Teleco e realizaremos xogos tradicionais galegos: billarda e tres en raia humano. Para realizar a actividade de billarda contaremos coa presenza da Liga Sur, que desenvolverá un obradoiro e despois un aberto de billarda onde calquera poderá participar. Ademáis, o xogo do tres en raia humano terá premios para aqueles que resistan máis dun número determinado de partidas, e serán premios acordes á festividade que nos ocupará!

Animádevos a participar!

Cartaz San Teleco

Trabalingua no duvi

A Asociación Trabalingua traballa pola normalización do idioma en todo o eido universitario

Literatura ou billarda, todo vale na promoción e defensa do galego!

Este mércores organizaron no campus un campionato deste xogo tradicional

Naceron co obxectivo de defender e promover o uso da lingua galega en todo o eido universitario e niso están, organizando todo tipo de actividades que axuden a conseguir a normalización do idioma en todos os ámbitos sociais e culturais. Dende un concurso literario ata un campionato de billarda, todo vale para fomentar o galego. Son a Asociación Trabalingua, mozos e mozas de Tradución e Interpretación, de Telecomunicación, de Empresas… “de todo un pouco, xente de todas as facultades que estamos convencidos de que o futuro da lingua está na man da mocidade, independentemente das ideoloxías propias que teña cada un”, subliña Anxo Tato, alumno de 4º de Enxeñaría de Telecomunicación e presidente da asociación.

Xurdidos en abril de 2009 ao abeiro das Xeiras sobre a Lingua Galega, Trabalingua ten posto en marcha múltiples actividades “normalizadoras”, como subliña Rosa Varela, unha das vogais da asociación, entre elas algunha que xa lle valeu o Premio Luisa Villalta por toda unha serie de accións levadas a cabo durante o San Teleco. Pero o abano é amplo e este curso ampliárono coa realización de obradoiros de deportes tradicionais galegos e para comezar, un dos máis tradicionais: a billarda, “un xogo popular recuperado e posto en valor nos últimos anos”, engade Tato, ao tempo que explica que para esta actividade contan coa colaboración de dous membros da Liga Nacional de Billarda “que son os que explican as principais regras e formas de xogar”.

Primavera chea de actividades: xornadas, concursos…

Esta primavera será especialmente activa para os membros de Trabalingua, pois, ademais dos xogos tradicionais están preparando un concerto dun grupo de música galega actual “que aínda non podemos adiantar”, indicou o presidente. Ademais, ultiman tamén unha conferencia sobre as mocidades galeguistas “na que incluiremos unha pequena homenaxe a Francisco Fernández Del Riego”, subliñan. A isto engadiranse unhas xornadas sobre música e audiovisual galegos “e o segundo concurso literario, cuxos premios se entregarán coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, que este ano se dedica a Lois Pereiro”, subliña Anxo Tato.

“O curso pasado chegáronnos relatos desde toda Galicia”, engaden desde Trabalingua. Nesta ocasión o prazo de presentación está aberto ata o próximo 10 de abril e poden participar persoas de calquera nacionalidade ou idade que escriban un relato curto e ou un poema “que sexan orixinais e que non fosen premiados noutros concursos”. Concederase un único premio en metálico de 50 euros por cada unha das dúas categorías e “se o xurado así o aconsella poderá outorgar accésits, con diploma pero sen premio en metálico”, subliña o presidente.

Abertos á incorporación de novos socios “dispostos a traballar para non deixarmos que o galego chegue a ter nunca un derradeiro falante” desde a asociación animan aos interesados a visitar o seu blog, a contactar con eles vía mail (asociaciontrabalingua@gmail.com) “ou a seguirnos nas redes sociais como facebook”, recalca o presidente.

Escrito por D. Besadío

Ligazón á noticia do duvi.

BILLARDA

Os membros da asociación Trabalingua, coa finalidade de difundir este xogo tradicional, organizamos a presente exhibición e campionato de billarada no CUVI.

A billarda é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos.  Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible

Podedes atopar máis información aquí:

DÍA: Mércores 2 de marzo de 2011

LUGAR: Pistas de tenis (CUVI), ao lado do pavillón

HORA: De 16:00 a 19:00

INSCRICIÓN: 0 €  (non ten trampa)

PREMIO CAMPIONATO: 50 €

PROGRAMA DA ACTIVIDADE

-Explicación por parte de dous membros da LNB (Liga Nacional de Billarda) das regras e forma de xogar á billlarda.

-Xogos amistosos entre os asistentes.

-Campionato entre os asistentes (o gañador levará 50 €).

Se se pode deixar aquí un comentario confirmando asistencia (para facernos unha idea da xente que irá):

ACTIVIDADE SUBVENCIONADA POLA UNIVERSIDADE DE VIGO – EXTENSIÓN UNIVERSITARIA

ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN TRABALINGUA

COLABORAN: DEPORTES-UVIGO. LNB (O VARAL)

WordPress Themes