Posts tagged: Acto

Homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O pasado 4 de marzo celebrouse na Universidade de Vigo o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, o seu 1.º Doutor Honoris Causa. A Asociación Trabalingua, xunto co presidente da Fundación Penzol, Zulueta de Haz, coa irmá do homenaxeado, Ana M.ª Fernández del Riego, co vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas e mais cos Comités, participamos nunha homenaxe na que se descubriu unha placa conmemorativa a carón do pradairo que se plantara hai dous anos, cando finou Don Paco.

O presidente da Asociación Trabalingua, Anxo Tato Arias, pronunciou durante o acto estas acertadas e emotivas palabras:

Benqueridas amigas e amigos:

Hai dous anos, un gran home, Don Francisco Fernández Del Riego, deixaba este mundo e un pradairo na súa honra comezaba a botar raíces no CUVI. Raíces que, como hoxe vemos, son tan fondas como a pegada que Don Paco, deixou no noso pobo.

O estudantado da Universidade de Vigo, non quere esquecer a súa persoa e todo que fixo pola nosa nación. Así, as persoas que formamos a asociación Trabalingua, igual que aquel mércores 23 de marzo axudabamos cunha pa a transplantar a este pradairo, aquí estamos outra vez para render homenaxe a este ilustre galeguista, a este bo e xeneroso.

E aínda que non o coñecemos persoalmente, dirémoslle Don Paco. Porque coa semblanza que Malores Villanueva fixo deste home naquela homenaxe, púxolle rostro coñecido e alma a aquel nome e fixo que Del Riego formase parte de todos nós.

Don Paco pertenceu aos intelectuais do grupo Nós, traballou no Seminario de Estudos Galegos e foi membro do Partido Galeguista. Despois da guerra xunto con outros, como Xaime Illa e Ramón Piñeiro, fundou a Editorial Galaxia. El foi tamén o inventor de algo tan noso como o Día Das Letras Galegas, e ocupou o cargo de presidente da Real Academia Galega ata finais de 2001.

Nesta data tan emotiva quixera destacar de Don Paco a súa ilusión, o seu entusiasmo e optimismo, e a súa vontade de conciliación e o seu exemplo galeguizador.

Don Paco é exemplo dese entusiasmo que nunca se debe abandonar. Que grande sería a ilusión deste home da xeración Nós para mantela viva aínda despois da guerra civil!

Don Paco é exemplo de esperanza. Así, cando o golpe fascista do 36 lles segou a vida e soños a tantos amigos seus, non perdeu a esperanza e con optimismo axudou a prender un facho. Naquela longa noite de pedra, uns poucos valentes e visionarios prenderon un facho de luz e lume, que deu en chamarse Galaxia. Alí se xuntaron os vellos galeguistas e, baixo o seu paraugas, conseguiron transmitirlle aos máis novos o vello soño de Galiza. Desta maneira, eles lograron que o galeguismo non esmorecese.

E por último, Don Paco é tamén exemplo de conciliación. De unión entre todos os que levamos a Galicia no corazón, de unión para participar xuntos na construción do noso país.

Para rematar, igual que seguramente diría o noso estimado Francisco, queremos lembrarvos a todos vós o que nos une. Nestes tempos de incerteza, de descomposición social, hai tantas e tan variadas ideoloxías e posturas ante o momento que nos tocou vivir, que a veces semella que non temos nada en común e así é que se ven nalgúns escenarios loitas fratricidas. E iso non é certo. Lembremos que aínda con ideas distintas, ti e máis eu somos galegas e galegos, somos herdeiros dunha longa tradición, dunha cultura con séculos de historia. Só tendo claro eses lazos, o noso pobo poderá afrontar con éxito os avatares deste novo século.

Que quede nos nosos corazóns a memoria de Francisco Fernańdez del Riego, e a de toda esa romaría infinda de homes e mulleres que axudaron a construír este país.

Saúde.

WordPress Themes