FotoTrabadas

Unhas semaniñas despois de que finalizase o noso concurso FotoTrabadas a través das redes sociais, imos darlle un repaso tamén no blogue, para que aquí tamén quede constancia de todas esas «perlas» que nos foron chegando. E, de paso, damos unha clase pequena de galego, que nunca vén mal.

Antes de nada, gustaríanos agradecervos a tódolos concursantes a vosa participación e a todos aqueles que falastes do concurso, a difusión desta actividade. Sen todos vós, o éxito das FotoTrabadas non sería posible.

Coas FotoTrabadas tratamos de concienciar da falta do galego tanto no sector público coma no privado e de facer visible o farta que está a sociedade galega de que a nosa propia administración, as empresas que tratan de vendernos produtos e mailos medios de comunicación que nos informan, entre outros, non empreguen o noso idioma ou usen un galego castrapeiro e sen moito sentido para se dirixir a nós. Sabemos que a nosa lingua hai que coidala igual cás demais e dedicarlle o mesmo tempo e atención para que a da cartelería sexa unha lingua de calidade.

Foi o pasado 6 de novembro do 2013 cando botou a andar o concurso, no que vos pediamos que fósedes vós mesmos, a través das redes sociais, os que buscásedes esas «trabadas» á lingua que se estenden coma unha praga na cartelería galega. Así, amosastes coas vosas fotos o malestar que vos provoca que non se respecten os vosos dereitos lingüísticos.

As FotoTrabadas, que analizaremos a continuación, non teñen perda ningunha e dende logo, cumpriron o seu obxectivo principal: serviron para darlle visibilidade ó problema da falta ou do mal uso do galego na cartelería e nos medios. Pero a cousa non pode quedar aí: para conseguirmos un cambio real, todos temos que seguir adiante denunciando este desleixo lingüístico, como lle chaman os compañeiros composteláns da Gentalha do Pichel. Eles tamén levaron a cabo a súa correspondente campaña, consistente en denunciar a través de fotografías ese feísmo lingüístico que, por desgraza, tanto abunda en Galicia. Podedes seguir denunciando a través de campañas semellantes ou realizando directamente unha queixa formal na que reivindiquedes os vosos dereitos como galegos. Dentro duns días, publicaremos na nosa sección de recursos un artigo no que explicaremos como podedes realizar estas queixas tanto na administración coma nas empresas privadas. Estade atentos!

A seguir, imos dar unha voltiña polas FotoTrabadas que nos fixestes chegar, que foron moitas e do máis diversas. Pero antes de deixarvos con elas, lembrade: isto non é cousa dun só. Só entre todos podemos facer visible a verdadeira situación do galego. ENTRE TODOS, PODEMOS FACER QUE ESTA CAMBIE!

Other Links to this Post

  1. Trabalingua » Blog Archives » Cada semana un recurso: como facer denuncias lingüísticas — 17 Marzo 2014 @ 2:43 p.m.

WordPress Themes