Category: Sen clasificar

II CONCURSO LITERARIO -19- RECOÑECEMENTO

PSEUDÓNIMO: Sopra nordés

CATEGORÍA: relato

TÍTULO: Recoñecemento

Á volta de trinta anos a cidade seguía con aquela enfeitizante enxebreza, coma sempre, con sabor antigo de seu. Mesmo semellaba que non houbera unha longa paréntese entre os seus tempos de estudante en Compostela e aquel venres outonal. Eran as doce da mañá e principiara a caer un feble orballo, mais el non fixo por  protexerse e deixou compracido que aquela auga maina o mollase. Paseaba agora devagar pola engaiolante rúa do Vilar, lembrando aquelas inesquecibles noites de troula e libros da súa mocidade. De socate ficou inmóbil, engoumado. “Non, non pode ser”. Cara a el camiñaba un home vello; ía apoiado nun caxato e os seus pasos curtos amosaban o cansazo da idade. Malia que aínda se atopaba lonxe del, decatouse axiña, a figura imitábase moito á de alguén que coñecera. “Non, isto ten de ser un soño, serían case cen anos… e non creo eu que estea vivo”. Comezou de novo a andar sen deixar de ollar ao ancián, que aos poucos ía chegando onda el. De cabaleira e barba branquísimas, miúdo de corpo e agora un pouco corcovado, vestía gabardina gris e uns anteollos grosos e escuros agochábanlle a mirada. “Pois vai ser que si, aí o está… o mesmiño!”, exclamou malia estar só. Mais acreditou sen dubidar que si o era cando viu o que levaba suxeito coa man debaixo do sobrazo esquerdo. “Un libro e mais un diario de prensa, coma sempre”. Non daba creto, mais si, era don Xosé, o eterno catedrático de “dereito natural”, con aquela aura de sabedoría de seu que parecía arrodealo.

-Un bo avogado xamais se rende e loita… malia dificultades e atrancos, por moi duros que estes parezan –espetoulle sen dubidar non ben estivo onda el, facendo súa aquela frase que lle escoitara unha chea de veces.

O profesor sacou os anteollos e os seus ollos espelidos estudaron axexantes a face do outro, mais ao facelo non amosaron estrañeza ningunha.

-Vaites! Vostede, meu, ten de ser alumno dos anos… setenta, non si? –case afirmou, na vez de preguntar.

-Licenciatura de 1980, Lois Iglesias. É un pracer atopalo –dixo con aceno ledo, e estendeu a man dereita, que o outro aceptou satisfeito.

-Iglesias Ventureira Lois Antón. Era moi intelixente… mais non tan estudoso segundo a miña acordanza. Se non estou nun erro, matinaba decote brincadeiras na aula. É ou non é? –ditou sentenza o mestre.

-Déixame vostede verdadeiramente abraiado. Ben, cabaleiro, convídoo a un café e falamos un anaquiño. Fai?

O egrexio xurista pousou a man engurrada e tremente no ombreiro do seu discípulo e as bágoas abrollaron dos seus ollos.

-Desculpa, é a emoción, alédame moito o teu detalle de saudarme. Respóndeme a isto, fai o favor. Cando cres ti que acredita de verdade un docente que soubo facer ben o seu traballo? –agora atuouno, xovial.

-Vostede ten a quenda de palabra, cabaleiro, que á fin e ao cabo é o ensinante… –díxolle Lois cheo de interese.

-Pois cando ao cabo dos anos alguén é quen de recoñocelo na rúa… e ten a atención de falarlle como ti o fixeches hoxe.

-É merecente diso, don Xosé, e de moito máis. Lémbroo a vostede como mestre de tantas e tantas cousas…

-Grazas. Eu sabía do meu, é certo… –dixo o catedrático.

-Abofé que sabía de todo! Eu propio fun testemuña diso, era un libro aberto rebordante de coñecementos –retrucou o alumno.

-Non tal!

-E máis aínda… Non todo era “dereito”. Falábanos tamén de Castelao, Rosalía, Dieste, Cunqueiro, Fole e… tantos outros. Ten vostede moita culpa de que a miña maior afección sexa a literatura galega.

-Apráceme de vez nesta altura da vida… escoitar iso dos beizos dun meu discípulo de antano –ao dicir isto, don Xosé xa non foi quen de conter o pranto.

-Acougue, home. Vai logo o café?

-Vai. Tomo decote macela e poexo por consello dos doutores, mais hoxe que sexa café, que por mor do noso encontro é este un día fermoso de seu… mais de verdade. En calquera caso, Lois, acepto a túa invitación… mais ten de ser cunha condición –respondeu o ancián con xesto retranqueiro.

-Vostede dirá…

-Que me atúes o mesmo que estou a facelo eu contigo, pois o noso pode ser… unha boa amizade, non si? –propuxo o xurista.

-Se é o seu desexo, perdoa… o teu desexo, para min é un verdadeiro honor e un afago –afirmou compracido o máis novo.

-Imos logo ao Derby?

-Imos…. Xosé.

E colleron pola praza do Toural, a aquela hora ateigada de xente, cara á rúa das Orfas e camiño do vello café compostelán. Ían paseniño, sen présa, ambos os dous satisfeitos de terse atopado… E parolaban rebordantes de ledicia, botando man da acordanza, verbo dos tempos antigos mentres deixaban, ai non, que a ingrávida poalla de Santiago, cómplice testemuña, os mollase de xeito agarimoso…

IIConcurso Literario -4- Mar Atlántico

PSEUDÓNIMO: Natural
CATEGORÍA: Poesía
TÍTULO:
MAR ATLÁNTICO

(En mención a tódolos escritores galegos que palabra a palabra edifican a nosa cultura.)

Un aviso espido, mensaxeiro

cando as axitas moi dentro:

herdanzas simbólicas, ¡libro!

teu agasallo de non tan neno

como areas para mariñeiro.

Un medo ao lonxe, pasaxeiro

que virá no momento incerto

de cándo votar raíces, ¡redes!

escuálida é a espuma en negro

sobre tormentas en tinteiros.

Un silencio enfermizo, menciñeiro:

palabra, coma, espazo devanceiro

peca sempre de inocente ¿segredo?

palabra, coma, espazo farturento

que de novo, sen ti… un silencio.

IIConcurso Literario -2- Inspiración

PSEUDÓNIMO: Natural
CATEGORÍA: Poesía
TÍTULO:
INSPIRACIÓN


Sentimento de tempero

enarborado nas fatigas,

cos froitos das vendimas

máis o esforzo do centeo.

Somnámbula ilusión

nesa, a noite realista

estreita, algo encollida,

como estrelas sen razón.

Con apoplexía na catarse

conséguese perdoar ó ceo,

as veces, se fai suar o xeo,

o que non parece decatarse.

E agora, desprovisto de fadas

enfádase a ágora pecaminosa

cando ensina linguas ruinosas.

Pero ó lonxe, un verso fala.

III Xeiras dos Comités

Noticia de    duvi.uvigo.es

Por terceiro ano consecutivo, as Xeiras sobre a Lingua Galega ofrecen a partir de mañá mércores un foro de debate e discusión no campus de Vigo arredor da situación do galego en eidos tan diversos como as artes, os medios de comunicación ou a cultura en xeral. Con esta iniciativa, a organziación estudantil Comités trata de denunciar as eivas dos procesos de normalización e demandar o dereito a vivir e estudar na lingua propia do país. “A idea é debate arredor á normalización da lingua galega, promovendo o seu emprego como idioma oficial da Galiza e da Universidade de Vigo”. Iago Varela, responsable dos Comités en Vigo, explica que “reivindicamos o dereito a vivirmos e galego e, como estudantes que somos, demandamos un ensino en galego”.

Ao longo de tres xornadas, dende o mércores e ata o venres, os máis de 200 inscritos, que esgotaron as prazas de matrícula nesta terceira edición, poderán asistir a máis de dez mesas redondas coa participación de destacados persoeiros como a eurodeputada Ana Miranda, “un exemplo de conciliación da vida laboral e familiar en Bruxelas e principal canalizadora de todas as reivindicacións lingüísticas a nivel europeo”. Varela destaca tamén a actuación de Cándido Pazó, “un dos monologuistas máis aclamados a día de hoxe do panorama galego”.

A resposta que esta actividade está a acadar entre a comunidade universitaria demostra que “as Xeiras se teñen consolidado como un evento destacado do calendario da Universidade de Vigo e amosa que o galego ten futuro e coñecer experiencias positivas animará a que cada vez máis xente o empregue”.

Un programa aberto ao debate

O programa fai un repaso pola situación lingüística en diversos eidos mantendo a estrutura de edicións anteriores, “pero procuramos ano a ano introducir novas temáticas” apunta o responsable dos Comités. Entre os relatorios, os organizadores subliñan principalmente tres mesas redondas, unha centrada no galego no exterior, na que participa a propia Ana Miranda, “porque entendemos que as comunidades galegas no exterior están a desenvolver un traballo interesante a prol da lingua e da cultura galega, algo que asemella complicado estando lonxe da Galiza”.

Outra das mesas destacadas estará centrada no teatro, un dos eidos culturais nos que o galego está máis presente. “Con esta mesa queremos dar a coñecer o feito de que a meirande parte das compañías de teatro galegas profesionais fan exclusivamente obras en galego”, apunta Iago Varela. O terceiro dos foros de debate que subliña o responsable dos Comités afondará na aposta do galego como marca de identidade, unha mesa coa que queremos pór fin á crenza de que co galego non se vai a ningún sitio”. Para isto contarán con empresas tan destacadas como R, Terras Gauda e Caramuxo, “para amosar que o noso idioma vende e pode se sinónimo de calidade”.

O programa complétase con mesas de debate sobre a literatura galega contemporánea, sobre o galego nos movementos sociais, un debate sobre o sector audiovisual, outro sobre a música do país, un sobre o deporte galego e outro sobre a ciencia feita en galego, así como un debate sobre as experiencias dos neofalantes.

As xornadas poderán seguirse a través de internet na web das Xeiras, grazas á colaboración de UVigoTv, tras o bo resultado que esta iniciativa audiovisual recolleu na pasada edición e que permite multiplicar a difusión da mensaxe.

Galeoke: a música que levas dentro

Aínda non sabes que agasallar polo Nadal? Trabalingua faiche unha suxerencia: regala o GALEOKE! O Galeoke é un xogo de karoke onde acumulas puntos emulando o cantar dos teus artistas galegos favoritos.

Máis información: http://galeoke.com/

Puntos de venda: toupa.net

Derradeiro falante de galego

Procuro na miña ansia

o leite materno

do meu idioma

xa que o sangue solidifícanse

polo frio dun idioma alleo

e xa non sinto a linuga na miña boca

poda que estea morta.

Penúltimo Acto (Acción Poética)

Cruz Martinez Vales

Presentación do libro “Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüismo”

Mañá terá lugar o seguinte acto de presentación do libro “Estudos xurídicos sobre o decreto par o plurilingüismo”:
NA UNIVERSIDADE DE VIGO:
Lugar: Salón de Graos da Facultade de Filoloxía
Modera: Xosé Henrique Costas (vicerreitor)
Interveñen: Luís Villares (maxistrado), Alba Nogueira (profesora de Dereito Administrativo da USC) e Héctor López de Castro (avogado)

Un curso máis, un curso máis con Trabalingua

Outra vez máis comeza un curso novo e outra vez máis estamos as mozas e mozos de Trabalingua aquí para defender e promover a lingua galega na Universidade de Vigo.
Axiña avisaremos das actividades que levaremos a cabo en breve.
Saúdos!

Chamamento á “rebelión cívica” fronte ás cancelas ao galego en Infantil

Chamamento á “rebelión cívica” fronte ás cancelas ao galego en Infantil

Xa temos os videos!

Velaquí podedes ver os videos da entrega de premios do pasado 18 de maio e a homenaxe a Uxío Novoneyra.

http://vimeo.com/trabalingua

WordPress Themes