Category: I Quintal Literario

Presentación das postais do Quintal literario

PRESENTACIÓN DAS POSTAIS DO QUINTAL LITERARIO

Trabalingua presenta en público os microrrelatos gañadores do concurso o Quintal literario e as postais que o ilustran na Facultade de Filoloxía e Tradución. Ademais impartirase unha conferencia sobre a creación literaria onde se ofrecera a perspectiva dun antropólogo e dunha escritora.

A Asociación Trabalingua celebrará un acto de presentación dos gañadores do Quintal Literario. O Quintal literario é un concurso de microrrelatos cuxos gañadores e gañadoras foron agasallados cun premio en metálico e a creación dunha postal inspirada no seu relato grazas á colaboración do estudantado da Facultade de Belas Artes do Campus de Pontevedra.

O próximo mércores 22 de Outubro ás 12.00 presentaranse as postais e os gañadores e gañadoras nun acto no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. A presentación será encetada polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. O acto ten un carácter multidisciplinar, pois acompañarase dunha conferencia-coloquio na que o antropólogo Manuel Mandianes e a escritora Carme Blanco ofrecerán dúas perspectivas diferentes do fenómeno da creación literaria. Todo isto será acompañado por un un recital con música en directo.

Cartaz quintal literario Trabalingua

Xa temos os gañadores do I Quintal Literario!

Foi o ano pasado nunha das asembleas de Trabalingua cando xurdiu a idea dun concurso de microrrelatos chamado Quintal Literario. A idea puido materializarse este curso e grazas a todos os participantes podemos dicir que foi todo un éxito. Chegáronnos máis de cen microrrelatos, a maioría dunha gran calidade, o que demostra o talento e a creatividade da mocidade galega.

Despois da reunión do xurado, que tivo lugar o martes 10 de xuño, temos o pracer de anunciarvos os gañadores do concurso.

1º premio para “Carrapuchiña liberada” de Ana Belén Rodríguez Rodríguez (Gala da Fraga).

1º accésit para “Que se lixe a Troika” de Antom Labranha (Tresenraia).

2º accésit para “Trío” de Marina Fernández Vigo (Eu Ter Per).

 

Velaquí reproducimos outra vez os textos:

 

Carrapuchiña liberada

Víronse nun bar. Ela levaba un móbil de carrapucha vermella. El faloulle do atallo á felicidade encamiñándoa pola calexa de firmes adoquís detrás do GADIS.

Feroz comeulle a carne e chuchoulle os xugos mentres o cazador ficaba prendado dun partido de fútbol.

Carrapuchiña, esquecida por sempre a encarga coa bruxa do asilo, ouveou de pracer.

Ana Belén Rodríguez Rodríguez (Gala da Fraga)

 

 

Que se lixe a Troika

Circunferencia viu un sombreiro acoirazado enriba dun suadoiro. Debaixo había un home. Deu un chimpo onda el e díxolle: Se non é moito preguntar…, vostede que radio ten?

Eu? _respondeulle fachendoso_ o da cabeza deste que me carreta polo mundo.

Entón faloulle ao home: Que radio ten a súa cabeza?

O malpocado respondeu: o que don Sombreiro precise para asentar!

Antón Labranha (Tresenraia)

 

 

Trío

Tres corpos. Trinta dedos áxiles percorrendo rectas e curvas, pulsando lugares que fan vibrar o corpo. Molla os beizos, no comezo dun berro de ledicia que remata nun xemido agudo, agonizante; os ollos pechados para non perder ningunha sensación mentres o corazón quere saír do peito, desbordado pola mestura de sentimentos.

Trinta dedos, un trío: contrabaixo, piano e saxo.

Marina Fernández Vigo (Eu Ter Pe)

 

Noraboa aos gañadores!

 

Tamén nos gustaría recoñecer aos escritores dos seguintes microrrelatos, pois formaron parte das preferencias dos membros do xurado e do xurado popular.

 

Doctrina XXI de Marina Fernández Vigo (Ana Crónica)

Fala de Monica Places Torrado (Chucha)

Esculca de Daniel Pereira Fernández (Dan Grushenko)

Queiros de azucre e limón de Marisol Fernández Valado (Demetrio)

Estatuas de Andrés López Blanco (Anvidos)

Esperanza de Fabián Salgueiro Barcia (Fucy)

Laio de María Rosa Fiuza Lago (Esparadrapo)

O patrón de Ana Belén Rodríguez Rodríguez (Ismael Figueirido)

Princesa de Andres Gonzalez Sanchez (Big Muff)

Un cadro familiar de Uxío Pérez Santos (Literuxío)

Soidade de Marcial Ramón Rodríguez Quintana (Svhên)

Terra de Raquel Mejuto González (Luarada)

Sen tradución de Sofía Lorenzo Paramos (Axóuxere)

Pandora de Marcial Ramón Rodríguez Quintana (Pedra)

Gaivotas de Marina Fernández Vigo (Charrán)

Os dous de sempre de Eloy Coto Alfonso (Will Williams Jones)

Soños e castelurismos de Carme Otero (OrtoGal)

Vive, ama, chora, loita de Fabián Salgueiro Barcia (Fucy)

Crack de Antonio Castroagudín Campos (decatroacatro)

Penso, logo desisto de Lara Boubeta Bamio (Magali Xiz)

As cousas cambian, eso non quere dicir que melloren de Nuria Pereira Pinto (Mónica)

As portas da catedral de Nuria Vilán Prado (Ene UvePé)

Sentimentos consentidos de Lara Boubeta Bamio (Magali Xiz)

Os paxaros do Edén de Nuria Vilán Prado (Ene UvePé)

Lóstrego de Raquel Mejuto González (Luarada)

 

A comezos do próximo curso contamos con que estean xa dispoñibles as postais coas ilustracións dos tres microrrelatos gañadores. Poderedes atopalas nas vosas facultades da Universidade de Vigo.

 

Por último, grazas a todas as persoas que contribuístes a que o Quintal Literario fose posible, ben compartindo con nosoutros os vosos pequenos relatos, ben seguindo as actualizacións do blogue para ler os textos participantes, ben dándoo a coñecer entre as vosas amizades. Moitas grazas a todos.

 

Votación do Quintal Literario

Queda aberta a votación popular para elixir os gañadores do Quintal Literario!

Tedes desde este momento ata o próximo domingo, 25 de maio, ás 23.59. Premede nesta ligazón e accederedes directamente ao cuestionario en liña.

Lembrade que podedes ler todos os textos na categoría Quintal Literario para dar o voso veredito. (Si, sabemos que non é nada fácil). Logo, a vosa opinión unirase a do xurado físico do xeito que se indica nas nosas bases.

Por último, só nos queda dicirvos que podedes votar cantos textos queirades, pero recomendamos que non votedes o mesmo quintal varias veces para que a votación sexa máis xusta. Moitas grazas por participardes!

Boa lectura e sorte a todos os concursantes!

Quintal Literario – CII – Os paxaros do Edén

Os paxaros do Edén

Coma o paxaro que regresa ao xardín que abandonara un día e pregunta ao tempo se hibernara na súa ausencia. Se deixara as ramas espidas, envoltas na caduca nudez do outono. Se as follas agardaran, murchas e alfombradas, musitando o seu nome.

Coma o paxaro, volvín ao Edén da nosa lembranza, debullando baixo as árbores o amor que soterrara.

Ene Uvepé

Quintal Literario – CI – Ás portas da catedral

Ás portas da catedral

De un tempo a esta parte non pido máis que devir en pedra e asentarme entre eses muros que ao teu arredor alzaches. Quixese ser tempo e clausura na catedral de quimera que habitas, ollar o mundo tras as vidreiras da túa soidade e xogar, silente, coas túas tebras.

Se puidese, sería pórtico nesas cinzas que o teu porvir abafan.

Ene Uvepé

Quintal Literario – C – A matanza dun limón

A matanza dun limón

Con cada pinga do meu zume que caía no vaso sentíame máis seco, máis arruinado, máis débil, máis desesperanzado, máis desesperado, máis frustrado, máis vengativo,  máis enfadado, mentres o meu asasino exprimía todo o meu ser e o mesturaba con azucre e auga. Morrín a mans dun depravado que nin sequera rematou de beber as miñas entrañas.

SaraCenoria

Quintal Literario – XCIX – Onde vai o que perdemos

Onde vai o que perdemos

Atopábame mergullado en todos aqueles calcetíns e esperanzas perdidas, nas chaves e o tempo que alguén deixou marchar, nas bufandas e as palabras que nunca volverán. Estaba a piques ir polo sangue nutrindo o corpo do monstro que nos comera a tódolos perdidos.

Pero había no estómago un coitelo preto do corazón que cun último impulso podía rematar con todo…

SaraCenoria

 

Quintal Literario – XCVIII – Terra

Terra

Pecho os ollos e respiro, encho os pulmóns de morriña. Ule a sal, chuvia e monte.

Soan as badaladas dunha fermosa catedral, ó norte un faro ilumina aos mariñeiros; percorro no maxín a muralla e as pontes doutra civilización; o meu corpo é acariciado pola area dunhas máxicas illas.

Pecho os ollos e respiro, encho os pulmóns de ti, Galicia.

Luarada

Quintal Literario – XCVII – Lóstrego

Lóstrego

Chove intensamente no canal. O caudal crece con forza. E entón, o comprendo.

Non son eu quen debe caer, senón ti. A auga levarase a túa rabia, lavará as miñas feridas, borrará os teus golpes e enxordecerá a túa voz. A última das miñas bágoas queda naquel recuncho de inverno.

Os meus ollos nunca máis che regalarán gotas de chuvia.

Luarada

Quintal Literario – XCVI – Punto final

Punto final

Noite. Silencio. O ruído do casco dunha bala; a última bala.

Un río de sangue vermello sobre as lastras. Unha rosa branca ao lado do corpo, unha mofa da flor ca vítima acostumaba agasallar.

Eran tempos difíciles. Crime político, dirían.

A verdade agochada: rematar ca vida do dono do seu único anhelo, o corazón dunha muller, tan bela como republicana.

Luarada

WordPress Themes