Category: II Quintal Literario

II Quintal literario -XLV- Testemuño dun esquecido.

O tempo fuxía das presas, afogando co tictac do reloxo.

Namorara da quietude tan pouco presente no cotío. Loitaba nunha gaiola invisíbel, pedía socorro sen resposta. En van.

O tempo era demasiado efímero para que alguén se decatase da súa súplica. “Acougade!”, berraba con mágoa.

Pero era inútil.

Ninguén tiña tempo para o tempo.

Zvarri

II Quintal literario -XLIV- Grazas, poesía

Se fose máis sinxelo ordenar os pensamentos, se o amor e a tristeza carecesen de palabras, non existirían os poetas cheos de folgo, nin a arte, que ata en outono combate as treboadas.

Grafito que transcribes o meu pensar, sexa pranto, saudade ou paixón: eu sigo fiel á terra, aire e mar, albiscando horizontes sempre cheo de ilusión.

Dani

II Quintal literario -XLIII- Soliño e Lúa

– A noite é o mellor que lle pode pasar ao día – pensou Soliño mentres ollaba unha fotografía de Lúa.

Soliño era un rapaz loiro, moi brillante e alegre que alumeaba coa súa presenza.

Lúa era diferente. Ela, era de face esbrancuxada e máis reservada e misteriosa, mais tamén irradiaba unha luz lene.

E quedaban ao luscofusco.

Kike Estévez

II Quintal literario -XLII- Magnetismo

O contacto entre os nosos ollos era violento, como una descarga de electricidade que provoca un fogo imposible de apagar. Como se un lazo invisible aparecese da nada cando as nosas pupilas conectaban desde a distancia. E nós, receosos pero, aínda así, conscientes do poder das nosas miradas entrelazadas, intentabámolo evitar.

Remi

II Quintal literario -XLI- Tímidos declarados

Un cruce de miradas o primeiro día que ti chegaches xa o dicho todo. Os días sucedíanse co noso particular xogo de olladas. Unhas mirabas para min disimuladamente, ou iso crías. Outras, eu deixábame distraer para che botar de cando en cando olladas, estudándote. Unha batalla de dous tímidos declarados.

Remi

II Quintal literario -XL- O espertar

Ó espertar, o dinosauro xa non estaba alí. Buscou algo recoñecible naquela paraxe mais xa non quedaba nada de Nunca Xamais ou da planta das fabas máxicas. Ó seu arredor todo estaba ermo.

Ó lonxe escoitou voces:

– Bautista, teña o Rolls Royce aceso, vou espertar á miña Bela Durminte.

Despois do bico, finxiu que seguía a durmir.

Ciúmes

II Quintal literario -XXXIX- A caverna

O Ser amenceu canso, movido polo absurdo da rutina. Farto de ser e non ser nada sentiuse sen forzas conforme pasaban por el imaxes espelladas dunha parcial realidade. Un ollar ó outro lado, unha pulsión, un arrebato. Regresar ó territorio do intersticio da súa episteme e dar o paso. Deixar de cargar co peso da imposta existencia; non- sendo, ceibe.

Iacovous

II Quintal literario -XXXVIII- Sen comezar, sen rematar.

Non podo contarvos cando nos atopamos, o noso non tivo inicio, simplemente estivemos xuntos dende o principio das nosas vidas. Tal era a forza que nos mantiña unidos, aquel magnetismo, superior a todo aquilo que puiden coñecer, que todo evocaba a que non iamos ter un final feliz.

E así foi, porque, maila perdurar a felicidade, nunca tivemos un final.

Billie Spalding

II Quintal literario -XXXVII- 65 anos

“Ti crees saber que é o amor?. Estiven 65 anos xunto ela. 65 anos durmindo na mesma cama. 65 solsticios de verán observando o solpor da nosa vida en común. E aínda non tiven tempo de coñecela o suficiente. Agora dime, crees saber que é o amor?” Dixo mentres contemplaba o rostro da súa esposa antes de pechar o ataúde.

Billie Spalding

II Quintal literario -XXXVI- A paradóxica historia dos reencontros fortuítos

Querías ser libre, querías revelarte, facerte notar, sentir que tes voz, que vives, por e para algún fin, grandioso. Quixeron coartarte, domesticarte, que non sentiras, que ignoraras aquilo que se axitaba no teu peito e facía ás túas meixelas brillar.

Querías romper barreiras. Avanzar e nunca retornar, mais decatácheste tarde, pequena inxenua, de que a Terra é redonda, e finita.

Billie Spalding

WordPress Themes