II Concurso Literario -28- Namoramento
PSEUDÓNIMO: Ceibe
CATEGORÍA: poesía
TÍTULO: Namoramento
Cando fico sen ti,
os recordos fanse soños
e a dúbida da túa existencia
entristece a miña ialma.
PSEUDÓNIMO: Ceibe
CATEGORÍA: poesía
TÍTULO: Namoramento
Cando fico sen ti,
os recordos fanse soños
e a dúbida da túa existencia
entristece a miña ialma.
PSEUDÓNIMO: Inefábel
CATEGORÍA: relato
TÍTULO: Sen dentes…
– Sen dentes non poden mordernos
– A hostias!
PSEUDÓNIMO: Quen Tiqueiras
CATEGORÍA: Relato
TÍTULO: Quérote
Quero que, ante todo, teñas iso claro. Non quixen deixarte, non vou a esquecerte e nunca te abandonei. Quizais nin sequera saibas quen son, quizais esta carta se perda no tempo antes de chegar a ti.
Quero que saibas que me gustaría moito poder estar aí para ti. Compartir contigo o teu primeiro aniversario, a túa primeira bicicleta, ou o teu primeiro amor.
Pero as estrelas están sempre no ceo. Aínda que a noite non sexa clara e ti non as poidas ver, están aí. Sempre. E eu tamén. Gustaríame que pensases en min como nunha estrela, como o que sempre fun e sempre serei. Túa.
Pode que alguén che falara xa de min, e pode que me odies, pensando que te deixei porque non te quería. Pensar nisto desgárrame por dentro, e a dor é insoportable.
Por iso escribo esta carta, porque non soportaría pensar que non me queres, que me odias por algo que nin sequera ocorreu realmente.
Probablemente te esteas preguntando por que agora, por que non moito antes, aforrando toneladas de dor para ambos.
Simplemente quixen esperar a que puideras entendelo ben. A que puideras comprender que, cando escribín isto, ti aínda non naceras. Pero íalo a facer. Sabía que o ías a facer. Non estaba disposta a permitir que marcharas sen chegar sequera. Sen ver o mundo, sen sentilo, sen tocalo. Aínda que eu non fora a estar aí para acompañarte.
Agora que sabes isto, solo espero que o teu punto de vista cambie, e que non me odies por alimentar a túa vida dando a miña a cambio.
PSEUDÓNIMO: Dixebra
CATEGORÍA: relato
TÍTULO: Verán
Saiu dentre as árbores, un lóstrego, logo escuridade. Primeira pinga, cóxegas do ceo na area, balbordo, barullo; pasa un lucecú entre os toxos, as chorimas molladas; chuvia, logo sarabia, a calor do lar, a luz do candil, madeira de breixo queimada polo lume, borralla, cinsa; enrugas nas bochechas laianme das lembranzas, lendas nosas ciscadas no ar, cuspidas dos beizos alleas ao acougo; Lóstrego; trono, estoupido das nubes, furia do ceo; silencio. Asubían as árbores… escoitase a auga do arroio; un xabaril, un carballo, landras… Namentres, unha raiola de sol… abur nubes. Albiscase o ceo morado, achégase o solpor. Laranxa, vermello, violeta, escuridade… unha cadela ladra…
Primeiras raiolas de sol… Alborada alén do mar, buxainas arrolando, arroutadas ondas con xenreira; sons, murmurios… auga bate nas rochas… percebes, caramuxas; area engulida; refugallos, porcallada na costa. Na ría, unha batea; cunchiñas, centolas…. Agora o sol quenta, agasallo do ceo!
En terra, na herba, unha xoaniña, arume vermello con pintiñas negras; carapuchiña brincadeira, meniña inqueda, camisola de colorinchos, arco de vella, pelo louro, faísca de ledicia. Un paxariño piador, un verme de seda, bolboreta, metamorfose…
Unha aperta, marchar, até o verán (se isso…). Amoriñarse, encariñarse, terlle agarimo, engaiolarse daquel rapaz. Derradeiro día do obradoiro, biscoito de améndoa, unha cunca de cacao, o gume cortando outro anaco; ler mil e unha vez o papeliño, bágoas… despedirse do sapoconcho; no taboleiro, con xiz vermella, debuxo das derradeiras sensacións; ceibar ao ar un pardal como cada ano.
Mediodía; bágoas… olladas.. un abur silandeiro
Escribes poemas ou relatos curtos?
Se non o fixeches aínda tes tempo para eviarnos os teus textos ao concurso.
Publicarémolos no blogue e poderás optar a un premio de 50 € (hai un premio por cada categoría).
Máis inforamación en trabalingua.blogaliza.org/concurso
PSEUDÓNIMO: Inefábel
CATEGORÍA: relato
TÍTULO: Ascenso e caída
Chegou o momento de miráreste ao espello, ollar se es quen de cumprir coa máxima oracular: “coñécete a ti mesmo”, dicía.
É agora cando te das conta de que mellor era non sabela, ou incluso, mellor era morrer, mellor era tan sequera ter nacido: consello do sabio Sileno.
A que conclusión chegas? Non che abondou con matar a Deus, non ficaches quedo aí; agora es o home que desexa perecer. Non tes folgos para crear como ti pensabas, segues a carrexar aínda que non queiras. Nin neno nin nada, para ti non hai superhome. Pensabas que se equivocara niso e que estaba destinada a ti a misión de traelo, crear ao que ten por labor crear: enganácheste.
A túa coherencia pérdete e agora estás profundamente dividido, gostarías de transvalorar todo, mais non podes, non é esa a túa natureza. O teu é ser un ser decadente, un ser destinado a rexerse por momias petrificadas que ti elevas ao rango de máximas, aínda que agora dubidas delas e sentes polo tanto as gañas de perecer. Volvícheste un nihilista.
Anhelabas chegar aquí para coñecerte a ti mesmo, e, agora que te coñeces, mellor che fora non sabelo. Deberás guiarte eternamente polo ben, pois ti non estás preparado para confrontarte a toda a sociedade, á moralidade; aínda que ti ben preferirías outra cousa… porque a cheiraches, porque a intuíches, porque a contemplaches acaso.
Non deberas ter lido nunca a Nietzsche, pois para camiñar por enriba das montañas é preciso posuír longas pernas.
PSEUDÓNIMO: Dixebra
CATEGORÍA: poesía
TÍTULO: a auga bate
A auga bate na praia.
Veñen e van.
A auga bate nas rochas.
Ondas besbellas.
A auga bate na area.
Mecendo as cunchas.
A auga bate na gamela.
Adiante e atrás.
A auga bate na proa.
Vai e vén.
A auga bate nas boias.
Vaivén.
A auga bate na praia.
Pasiño a pasiño,
vai subindo a marea.
Outra vez.
PSEUDÓNIMO: Inefábel
CATEGORÍA: relato
TÍTULO: Chove por nós e dicimos que mexan
Chove, sempre chove e a auga apodérase dos nosos soños. Cada vez que as diminutas pingueiras se precipitan contra o chan levan consigo un soño dunha persoa anónima de todo ese grupo que conforma a humanidade.
De nada serve que se protexan con paraugas, chuvasqueiros ou calquera outro utensilio. A molécula endiañada sempre furta de algures a ocasión para apresar o noso máis valioso tesouro.
Quizais por iso Galiza, terra na que chove tanto, ou canto menos no pasado era así, ficou sen folgos para resistir ao ataque daqueles que lle querían negar a identidade e a liberdade. Quizais por iso pariu a aquela criatura de tamaño dun trasgo e de malicia sobrenatural que chegou a ser ditador: ditador de auto-odio, ditador de resentimento contra a choiva que tantos soños lle quitara.
Eu gosto de camiñar baixo a choiva sen paraugas, medindo a miña capacidade para protexer a miña riqueza, os meus anhelos. Sei que moi probabelmente non consiga gardalos todos, mais, polo menos, algúns aínda van permanecendo impasíbeis.
Se cadra aínda non lles chegou a hora. Tamén, se cadra, é que son indisolúbeis. Ou, tal vez, quéroos tanto que se volveron impermeábeis.
PSEUDÓNIMO: Auria
CATEGORÍA: relato
TÍTULO: sentimentos
-Interésache o perfume?
-Máis ben buscaba un sentimento, sabes onde podo atopalo?
-Bueno si me dis de cal se trata…
-É o mellor sentimento de todos, non recordo o seu nome, pero seica é vital para moitas persoas, gustariame probalo
-No terceiro andar cuarto pasillo, ali tes unha amplia gama deles
-Grazas
-Perdoe pero nese corredor non dei atopado o que buscaba, ali so atopei frascos maravillosos con un interior frio e distante, e traxedias inolvidables.
-Pero non era iso o que buscaba?
-Non, o que eu busco é ISO que esta aí en todos os momentos, que aparece cando todo semella escuro, e que aporta un sorriso a esas traxedias de frascos enganosos.
-Ah pero entón vostede busca amizade!
-ISO!
-Estaba intentando saber o que acontece aquí.
-Pois nada, este deseñador estivo a voltas varios anos con esta fragancia e agora que a ten di que lle agobia e que ás veces gustarialle utilizar outras.
-Eporque non o fai?
-Porque iso tiraria todos eses anos pola borda, e faria que esta fragancia perdese toda a sua vitalidade.
-Pero do outro xeito está a estragar o futuro.
-Tampouco é que o teña moi claro, ese home nunca supo moi ben o que queria.
-Eu penso que o que lle pasa é que lle gusta a variedade..
-Eu mais ben diria que é un neno con moitas vidas na man.
PSEUDÓNIMO: I. Natural
CATEGORÍA: poesía
TÍTULO: sen título (conxunto de poemas)
Auga da traída
Non é soño do que durme.
É noite lonxeva, que trae;
é flanela noxenta, que leva;
é penitencia…
…que trae e que leva, que trae e que leva.
Non é dono do que xurde.
É mártir, pesadelo, que trae;
é mal, amarelo, que leva;
é convivencia…
…que trae e que leva, que trae e que leva.
Non é lobo o que morde.
É fame, necesidade, que trae;
é fume, fatalidade, que leva;
é final…
…que trae, que atrae… pero que xa non leva.
Catro elementos
O segredo do lume
desata confesións nas cores.
Mágoa que chores
(queimando a bágoa que chove)
se pousan as cinzas
aínda sen rexurdir, nas voces.
É máis ben o arume do mal
o que oulea nesa áurea oriental.
Brota e separa as miñas vértebras,
esgota e se para nas túas brétemas.
O segredo da terra
destapa confesións nas cores.
Mágoa que chores
(enlamando a bágoa que chove)
se pousan as pedras
aínda sen varrer, nas voces.
Opulenta a vergoña,
acazapa a pezoña mutua.
Ríndose do que devora
réndese ó que namora.
O segredo do aire
desarma confesións nas cores.
Mágoa que chores
(ventando a bágoa que chove)
se pousan os refachos
aínda sen voar, nas voces.
Erosionan malsoantes beizos
con ciceles descoloridos;
relambendo pinceis tesos
relembrando bicos presos.
O segredo da auga
derrama confesións nas cores.
Mágoa que chores
(afogando a bágoa que chove)
se pousan as marismas
aínda sen escorrer, nas voces.
Cambia o rumbo do norte
na morte do día. É sinxelo
se mesturas desexos a partes iguais;
se tristura a parte, vertes mananciais.
Arrepentimento
Quixera perder os fíos,
cambialos por feridos;
meus e teus, seus consellos
sintomáticos perdidos.
[Desas voces protestantes
que deixan postos vacantes;
para cando o nacemento
nas miñas mortes sen sentido.
Conseguir habitar no contido;
nos textos, xestos pacíficos
sen soltar ningunha fazaña,
sen liberar ningún cumprido].
Pero só perdo os galóns
que mudan en conformismo;
o menos soberano rango
dos caprichos do destino.
Ant- agónico
Odiar é
desexar matar,
matar e morrer.
Morrer é querer
nacer sen sorrir,
e querer sorrir
é querer.
Meu corazón indefinido
Case, pero non.
Nunca.
Alguén; quizais.
Trúncao.
Algo, tal vez…
réndese ó que non escolle.
Inténtao, si.
Busca.
Alguén; quizais.
Ocúltao.
Algo, tal vez…
e así é como se encolle.