Category: Actividades

Presentación das postais do Quintal literario

PRESENTACIÓN DAS POSTAIS DO QUINTAL LITERARIO

Trabalingua presenta en público os microrrelatos gañadores do concurso o Quintal literario e as postais que o ilustran na Facultade de Filoloxía e Tradución. Ademais impartirase unha conferencia sobre a creación literaria onde se ofrecera a perspectiva dun antropólogo e dunha escritora.

A Asociación Trabalingua celebrará un acto de presentación dos gañadores do Quintal Literario. O Quintal literario é un concurso de microrrelatos cuxos gañadores e gañadoras foron agasallados cun premio en metálico e a creación dunha postal inspirada no seu relato grazas á colaboración do estudantado da Facultade de Belas Artes do Campus de Pontevedra.

O próximo mércores 22 de Outubro ás 12.00 presentaranse as postais e os gañadores e gañadoras nun acto no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. A presentación será encetada polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. O acto ten un carácter multidisciplinar, pois acompañarase dunha conferencia-coloquio na que o antropólogo Manuel Mandianes e a escritora Carme Blanco ofrecerán dúas perspectivas diferentes do fenómeno da creación literaria. Todo isto será acompañado por un un recital con música en directo.

Cartaz quintal literario Trabalingua

Celebración do Día das Letras Galegas

Este ano o Día das Letras Galegas dedícaselle ao poeta de Guitiriz Xose María Díaz Castro. Dende a asociación Trabalingua queremos homenaxealo coa seguinte actividade.

Consistirá na proxección do documental O instante eterno, de X. Antón Cascudo, que se estreará en Vigo. O documental servirános para achegarnos á figura de Díaz Castro antes de comezar co recital aberto a toda a cidadanía.

Para esta actividade contamos coa colaboración das asociacións Xermolos e A nave das ideas.

Ánimate e vén a recitar connosco.

Lugar: Café De Catro a Catro (rúa Gerona, 16. Vigo).
Data: mércores 19 de marzó ás 20.00 horas.

Díaz Castro, Trabalingua, Xermolos, A nave das ideas

Homenaxe a Bal y Gay

O pasado sábado 14 de decembro os amigos da nave das ideas argallaron unha homenaxe coma Deus manda ao musicólogo, compositor e axitador cultural Jesús Bal y Gay.  No Bar Hipólito xuntaronse unhas seis decenas de persoas para lembrar a vida de Bal y Gay da man do profesor Carlos Villanueva, e de saborear as melodías que compuxo e das que se alimentou o lucense da man de Paula Ríos, Samuel Diz e Abe Rábade.

Homenaxe a Bal y Gay - Vigo

Aquí vos deixamos un poema que escribiu o noso compañeiro Tato para a homenaxe. Nel fala das viaxes que fixeron Bal y Gay e Torner durante varios veráns por Galicia para recoller material para elaborar o Cancioneiro galego.

HOMENAXE A BAL Y GAY

Polos camiños camiñan

Torner e Bal y Gay,

na man papel e pluma

pra gardar a música do pobo

en inmortais partituras.

 

Ei van!

Polas corredoiras avanzan,

os mozos Torner e Bal y Gay,

alegrando á xente con contos e cantares.

Aló van!

 

Verán tras verán, seguindo os pasos de Pidal

van polos camiños da vida, con alegría, sen parar.

Aló van, eles dous gozando da grata compañía

daqueles que no bico un cantar levan, unha melodía.

 

Un pan e un compango, e unha boa compaña,

esa si que é regalía compañeiro!

Un socio, un amigo, percorrendo os camiños,

indo cara adiante ollando para atrás,

anotando do que escoitan aquilo que os fai gozar.

 

El e Torner poñendo música e letra en papel,

colectando nun cancioneiro as melodías do pobo galego.

Aló ían, Torner e Bal y Gay, sen sequera albiscar,

que o frío da longa ditadura enterraría moitas das cancións que oíran.

 

Bal y Gay,

o músico e compositor da patria,

que esbozou en cancións

as melodías da alma

desta nosa matria!

 

Bal y Gay,

ben puideran dicirche captador,

da música da alma,

da alma da xente

dos pobos da Terra.

Aí o vai,

o noso amigo Bal y Gay,

coas partituras na man!

 

El e Torner aló van, anotando sen parar,

nota tras nota, cantiga tras cantiga,

sen sospeitar sequera que en xullo do 36

o diaño da maldade, da xenreira e da envexa

apagaría o cantar dos corazóns na súa terra, Galicia.

 

Eles dous xa foron,

e ti que aínda es, compañeiro,

que queres ser?

 

Eles dous xa fixeron,

e ti irmán,

que vas facer?

 

Eles dous aló van,

e ti amigo,

cara onde vas?

 

Polos camiños camiñan

Torner e Bal y Gay,

na man papel e pluma

pra gardar a música do pobo

en inmortais partituras.

 

Ei van!

Polas corredoiras avanzan,

os mozos Torner e Bal y Gay,

alegrando á xente con contos e cantares.

Aló van!

 

E para inmortalizar aquel instante a seguinte fotografía, só falta a nosa querida Chorima Lucecú.

Homenaxe a Bal y Gay - Bar Hipólito Vigo

 

No día das artes galegas, Trabalingua lembra a Bal y Gay

O colectivo A Nave das Ideas pensa, con acerto, que é posible celebrarmos un día das Artes Galegas, para o que escolleron o día 14 de decembro. Nós estamos de acordo, e por iso vos convidamos a asistir ao acto de homenaxe ao artista que este ano merece recoñecemento especial, o músico e intelectual Bal y Gay. A súa actividade no campo da música centrouse principalmente en dous aspectos: a composición de música clásica e a musicoloxía, orientada principalmente cara ao estudo da tradición musical galega, mais tamén da obra doutros compositores, como Chopin e Debussy.

Na súa faceta de compositor, escribiu obras para diferentes orgánicos instrumentais: clarinete, canto, piano, orquestra de cordas, orquestra sinfónica… Algunhas delas foron estreadas en México, onde se tivo que exiliar a partir de 1936, por razóns ben coñecidas por todos. Por dar unha idea da súa obra, podedes escoitar o Adagio do seu Concerto Grosso (1953), unha obra en homenaxe a J.S. Bach en que reinterpreta o estilo Barroco deste autor «a través das lentes de Stravinsky», como salientaba o consello da Cultura Galega.

O seu estilo persoal, como se observa, achégase á tradición dos grandes compositores anteriores, aínda que, como recorda Carlos Villanueva, sempre «predicou o achegamento á música de vangarda e a ruptura co folclorismo» que caracterizaba a maioría de composicións que se facían a principios de século no Estado.

Podedes escoitar unha obra dun carácter diferente, a súa Pastoral, que Samuel Diz interpreta á guitarra nestoutro vídeo

 Antes da década dos 60, con todo, interrompe a súa actividade neste ámbito, algo que explica así, nas súas palabras: «deixei de compor hai moitos anos por falta de ganas, por falta de necesidade, pola mesma razón pola que cada vez que compuxen fíxeno por necesidade imperiosa e insoslaiábel de expresarme». Aínda así, nas décadas próximas mantivo o contacto coa música culta e, por exemplo, foi profesor dos recoñecidos cursos de Música en Compostela. Durante toda a súa vida mantivo contacto con recoñecidos compositores da súa época, como Manuel de Falla ou o ruso Stravinsky, con quen aparece na foto.

No ámbito da música tradicional, elaborou, xunto co asturiano Eduardo Martínez Torner, o primeiro cancioneiro recollido integramente no rural galego. O libro, porén, non se publicou até 1973.

Moitas agrupacións musicais galegas, tanto do mundo da música puramente tradicional como do folk empregaron as melodías recollidas no cancioneiro. Probablemente vos soen Auga das bailadeiras, interpretada por Milladoiro, o Alalá de Vilalba, na versión de Susana Seivane, ou calquera das que podedes escoitar nesta ligazón. Todas estas melodías populares, e outras moitas máis podédelas descubrir no cancioneiro, que foi reeditado recentemente pola Fundación Barrié de la Maza.

En fin, como vedes Bal y Gay é un intelectual galego que ben vale a pena lembrar… Esperámosvos a todos no Hipólito, na conmemoración que organiza A Nave das Ideas.

San Teleco 2013

Dende a Asociación Trabalingua gustaríanos informarvos de que o vindeiro 2 de outubro e coincidindo coa celebración de san Teleco, imos colaborar coa Delegación de alumnos de Teleco e realizaremos xogos tradicionais galegos: billarda e tres en raia humano. Para realizar a actividade de billarda contaremos coa presenza da Liga Sur, que desenvolverá un obradoiro e despois un aberto de billarda onde calquera poderá participar. Ademáis, o xogo do tres en raia humano terá premios para aqueles que resistan máis dun número determinado de partidas, e serán premios acordes á festividade que nos ocupará!

Animádevos a participar!

Cartaz San Teleco

Homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O pasado 4 de marzo celebrouse na Universidade de Vigo o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, o seu 1.º Doutor Honoris Causa. A Asociación Trabalingua, xunto co presidente da Fundación Penzol, Zulueta de Haz, coa irmá do homenaxeado, Ana M.ª Fernández del Riego, co vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas e mais cos Comités, participamos nunha homenaxe na que se descubriu unha placa conmemorativa a carón do pradairo que se plantara hai dous anos, cando finou Don Paco.

O presidente da Asociación Trabalingua, Anxo Tato Arias, pronunciou durante o acto estas acertadas e emotivas palabras:

Benqueridas amigas e amigos:

Hai dous anos, un gran home, Don Francisco Fernández Del Riego, deixaba este mundo e un pradairo na súa honra comezaba a botar raíces no CUVI. Raíces que, como hoxe vemos, son tan fondas como a pegada que Don Paco, deixou no noso pobo.

O estudantado da Universidade de Vigo, non quere esquecer a súa persoa e todo que fixo pola nosa nación. Así, as persoas que formamos a asociación Trabalingua, igual que aquel mércores 23 de marzo axudabamos cunha pa a transplantar a este pradairo, aquí estamos outra vez para render homenaxe a este ilustre galeguista, a este bo e xeneroso.

E aínda que non o coñecemos persoalmente, dirémoslle Don Paco. Porque coa semblanza que Malores Villanueva fixo deste home naquela homenaxe, púxolle rostro coñecido e alma a aquel nome e fixo que Del Riego formase parte de todos nós.

Don Paco pertenceu aos intelectuais do grupo Nós, traballou no Seminario de Estudos Galegos e foi membro do Partido Galeguista. Despois da guerra xunto con outros, como Xaime Illa e Ramón Piñeiro, fundou a Editorial Galaxia. El foi tamén o inventor de algo tan noso como o Día Das Letras Galegas, e ocupou o cargo de presidente da Real Academia Galega ata finais de 2001.

Nesta data tan emotiva quixera destacar de Don Paco a súa ilusión, o seu entusiasmo e optimismo, e a súa vontade de conciliación e o seu exemplo galeguizador.

Don Paco é exemplo dese entusiasmo que nunca se debe abandonar. Que grande sería a ilusión deste home da xeración Nós para mantela viva aínda despois da guerra civil!

Don Paco é exemplo de esperanza. Así, cando o golpe fascista do 36 lles segou a vida e soños a tantos amigos seus, non perdeu a esperanza e con optimismo axudou a prender un facho. Naquela longa noite de pedra, uns poucos valentes e visionarios prenderon un facho de luz e lume, que deu en chamarse Galaxia. Alí se xuntaron os vellos galeguistas e, baixo o seu paraugas, conseguiron transmitirlle aos máis novos o vello soño de Galiza. Desta maneira, eles lograron que o galeguismo non esmorecese.

E por último, Don Paco é tamén exemplo de conciliación. De unión entre todos os que levamos a Galicia no corazón, de unión para participar xuntos na construción do noso país.

Para rematar, igual que seguramente diría o noso estimado Francisco, queremos lembrarvos a todos vós o que nos une. Nestes tempos de incerteza, de descomposición social, hai tantas e tan variadas ideoloxías e posturas ante o momento que nos tocou vivir, que a veces semella que non temos nada en común e así é que se ven nalgúns escenarios loitas fratricidas. E iso non é certo. Lembremos que aínda con ideas distintas, ti e máis eu somos galegas e galegos, somos herdeiros dunha longa tradición, dunha cultura con séculos de historia. Só tendo claro eses lazos, o noso pobo poderá afrontar con éxito os avatares deste novo século.

Que quede nos nosos corazóns a memoria de Francisco Fernańdez del Riego, e a de toda esa romaría infinda de homes e mulleres que axudaron a construír este país.

Saúde.

Recital de Rosalía

Este ano cúmprense 150 anos da publicación da obra “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Ademais, o domingo día 24 de febreiro celébrase o aniversario do nacemento desta importante escritora da nosa lingua.

Os Comités e Trabalingua coa colaboración da Universidade de Vigo convidámosvos a un recital de Rosalía o próximo 28 de febreiro ás 20:30. Será no bar Cabiria (rúa Afonso XII, 32) (http://goo.gl/maps/9vGpv).

Animádevos a recitar e homenaxear a Rosalía!

Ti informas, Trabalingua denuncia.

Seguro que máis de un de vós xa está canso de ver letreiros que deberían estar en galego e non o están (ou intentan estalo pero ó único que se achegan é ó castrapismo).

En Trabalingua non queremos pasar isto por alto e propoñémonos denuncialo. Como? Pois mediante esta pegatina:

Cada vez que atopemos algún cartaz, letreiro ou documento que non estea en galego, alí irá a nosa pegatina para reclamar “E EN GALEGO?”.

Por iso precisámo-la túa colaboración! Cada vez que vexas algo que non debería ser e inda non estea denunciado por nós, avísanos e farémolo de inmediato! Anímate!

Podes contactar connosco a través das redes sociais, comentando no blogue ou  a través do correo electrónico (asociaciontrabalingua@gmail.com).

 

Algunhas das denuncias que xa fixemos son:

 

Retranca en tempos de crise

Xa se sabe que o mellor xeito de sobreleva-la crise é poñerlle á vida unha miguiña de humor…

Pois velaquí vos presentámo-la vindeira actividade da asociación Trabalingua! En que consiste?

En primeiro lugar, contaremos coa actuación de Candido Pazó, que nos deleitará cun dos seus monólogos. A seguir, dará uns consellos para a seguinte parte da actividade: micrófono aberto-concurso de monólogos en galego. Tódolos que vos animedes, poderedes subir ó escenario e facernos rir co voso enxeño. Así que… ide dándolle ós miolos!

Haberá premio para o gañador, que sairá escollido por votación do público!

Todo isto será o xoves 12 de abril ás 18:30 no salón de actos da escola de Peritos, Torrecedeira.

P.D.: En canto teñades claro que vaiades participar podédesvos ir apuntando mandándono-los vosos datos a asociaciontrabalingua@gmail.com. Escribide e enviade tamén unhas poucas liñas sobre vós mesmos para que vos poidamos presentar con tódolos honores! Agardámosvos!

 

Retranca en tempos de crise

COMBATE D’A HOSTIA EN VERSO!!

Damas e cabaleiros! Señoras e señores!

A asociación Trabalingua ten o pracer de anunciarlles que o próximo mércores 14 as 16:30 os incomparables poetas d’A Hostia en Verso estarán no bar Universitas da Praza Miralles para pelexarse nun combate sen igual!

Será un combate dialéctico onde as puñadas serán os versos de cada un dos poetas!!

Ante a expectación que estamos espertando en todos vós, deixarémosvos coas ganas e próximamente revelaremos a temática e os poetas que combatirán nel.

Agardamos vervos a todos no Universitas!

WordPress Themes