Category: Actividades

Última foliada do curso!

Trabalingua despide as actividades deste curso 2016/2017 coa última foliada.

Ata despois do verán!

Foliada de maio

Despois dun pequeno parón volven as foliadas de Trabalingua. Desta volta con algúns cambios, ESN deslígase da súa organización e o local pasa a ser a Tetería Rosalinda.

Agardámosvos!

Xenerais do Ulla nos próximos micros abertos

Mañá terá lugar un acontecemento único en Vigo. Os Xenerais da Ulla da parroquia de San Vicenzo de Bama (Touro) cruzarán o río Ulla e levarán consigo unha mostra do noso Entroido tradicional rural á cidade de Vigo.

Tomas Duro Valiño, David Suarez e máis Anxo Tato (membro de Trabalingua) farán un alto ou atranco, un tipo concreto de regueifa, para abrir os micros abertos. Despois, coma sempre, o escenario e o micro estará agardando por quen queira compartir algo connosco: poesía, música, maxia, danza, rap, teatro, reflexións… Non quedes calado, o último xoves de cada mes tes a oportunidade de falar e de que te escoiten!

Será mañá, xoves 23 de febreiro, no Café de Catro a Catro ás 20.00 nos Micros abertos mensuais que organizamos dende hai tempo a Asociación Trabalingua.

Queremos agradecer á Área de Normalización Lingüística da UVigo o seu apoio nesta actividade por facer que estes mozos xenerais non teñan que pagar do seu peto o desprazamento ata Vigo.

Veña, deixade o Celta e vinde ver algo diferente e único!

Foliada

A semana que vén volven as foliadas de Trabalingua e ESN. Aprende a bailar xota e muiñeira coa nosa compañaeira Marina nun obradoiro gratuíto dunha hora (previa inscrición en asociaciontrabalingua@gmail.com). E despois foliada! Trae o teu instrumento, a túa gorxa e ven facer música para que outros gocen e bailen. Todo isto no Café de Mario o venres 4 de novembro a partir das 21.30.Foliada Vigo ESN Trabalingua

Volven os micros abertos!

cartel_micros_abertos

Wikimaratón en Teleco

Queres saber máis sobre como funciona a Wikipedia? Queres colaborar editando artigos da Galipedia sobre as telecomunicacións?

Achégate o mércores 20 de abril, ás 13.00 h, á conferencia (salón de graos) e/ou participa na Wikimaratón a partir das 15.00 h (laboratorio AS01).

O vindeiro mércores 20 de abril o alumando da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coñecerá como funciona a Wikipedia e poderá colaborar con ela escribindo artigos relacionados coas Telecomunicacións en galego na Wikimaratón.

Ás 13.00 haberá unha conferencia no salón de graos onde colaboradores e administradores da Galipedia, como son Miguel Anxo Solla Portela e Adrián Estévez Iglesias, falarán do funcionamento da Wikipedia, de como se organizan os colaboradores, das tecnoloxías web que utilizan, de como loitan contra o vandalismo, etc e farán un introdución á edición de artigos.

Pola tarde, de 15.00 a 20.00 estará o laboratorio AS01 da torre A aberto para a Wikimaratón. Calquera persoa que queira colaborar editando artigos da Wikipedia en galego relacionado coas Telecomunicacións poderá achegarse en calquera momento da tarde ao laboratorio. Alí terá a guía dos de Miguel e Adrián que o axudarán en todo o proceso.

Esta actividade está organizada por varias entidades: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a súa Delegación de Alumnado e a Asociación Trabalingua e conta ademais coa colaboración da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Un dos obxectivos da Wikimaratón é animar aos estudantes da UVigo a que se fagan colaboradores da Galipedia e contribúan escribindo ou traducindo artigos relacionados cos seus estudos. Desta maneira, futuros estudantes e a sociedade galega en xeral poderán acceder a máis artigos da enciclopedia en galego sen teren que recorrer a ler os artigos noutras linguas.

Esta actividade servirá de antesala a un concurso de artigos da Galipedia que se realizará o vindeiro curso académico.

Pantalla Wikimaratón Teleco

·SILUETAS FURTIVAS I CERTAME CICLOXÉNICO DE ILUSTRACIÓN E VIDEOCREACIÓN·

Comezamos o ano con ganas!

Trabalingua, BööMDïäS e ANL ligados polo proxecto Cicloxénese Cultural Ca ViVan Lois! 2016 presentan ·SILUETAS FURTIVAS I CERTAME CICLOXÉNICO DE ILUSTRACIÓN E VIDEOCREACIÓN· para celebrar o nacemento do poeta Lois Pereiro e pasear a súa ·Silueta Furtiva· arredor do mundo.

Cal é a túa ·Silueta Furtiva· para Lois Pereiro?
Achégate á obra de Lois, escolle o que máis che guste/horripile/perturbe/atraia, tradúceo á túa ilustración ou videocreación e compártea co mundo!

– As ilustracións non poderán exceder o tamaño A3 (420 x 297 mm) e deberán presentarse en formato PDF, JPG ou PNG. As videocreacións deberán ter unha duración inferior a 4 minutos e presentarse en formato MPG, MP4 ou MPEG.

-As obras de ambas modalidades deberán ser enviadas ao enderezo: siluetasfurtivas@gmail.com antes do 31 de xaneiro de 2016 ás 00h, baixo o asunto “I Certame Cicloxénico” xunto cos seguintes datos: referencia ao fragmento seleccionado, título da creación, pseudónimo, nome e apelidos da persoa autora, teléfono de contacto, enderezo electrónico e postal.

LOIS NOT DEAD! DIFUNDE E PARTICIPA!

 

 

12418784_1540096852973228_3126297248607337482_o

12469629_1540097849639795_6524665752187977361_o

 

 

Os proxectos presentados serán expostos no pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución, proxectados nas pantallas da cafetería durante a semana que duren as actividades e posteriormente trasladados á UCLA, Vancouver, Connecticut, Grecia… e moitas máis sorpresas!

 

Unídevos á treboada!

Visita ás exposicións de Álvarez Blázquez e Mario Granell

Para este venres organizamos unha visita a dúas exposicións. Por unha parte iremos á exposición sobre o poeta Xosé María Álvarez Blázquez que hai na Fundación Penzol. Por outra parte visitaremos a exposición do pintor Mario Granell que hai na Pincateca Francisco Fernández del Riego.
Se che apetece vir vente connosco. Vémonos o venres 15 ás 18.00 diante da Casa Galega da Cultura.

Alvarez Blazquez - Mario Granell

Alvarez Blazquez – Mario Granell

Conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución

O xoves 26 de marzo, ás 13:00h, impartirase no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución (aula B3) una conferencia a cargo do profesor Dr. Xosé Henrique Costas, titulada “As linguas minorizadas de Europa: entre o ecolingüismo e o lingüicidio”.

Dende a Asociación Trabalingua convidámosvos a asistir e participar con todas as cuestións que queirades propoñer no debate posterior, así como na asemblea aberta da asociación que terá lugar despois.

Agardámosvos!

 

 

Cartel Conferencia

Visita á Fundación Penzol

Visita gratuíta á Fundación Penzol

Unha vez máis Trabalingua organiza para a comunidade universitaria unha visita guiada á Fundación Penzol. E ti… non sabes o que é?

A Fundación Penzol é un arquivo-biblioteca, fundada por Fermín Penzol e polo grupo Galaxia, no ano 1963, co obxecto de prestar servizos de arquivo e biblioteca aos investigadores e estudos de temas galegos. A súa documentación está especializada en fondos referidos a Galicia e a súa cultura. Posúe 45.000 títulos de libros e máis de 150 metros lineas de arquivos de documentos. O documento máis antigo é un pergameo do ano 1135 e o libro é do 1500.
Pódese dicir que é a biblioteca-arquivo do galeguismo. Aquí están depositados fondos de Otero Pedrayo, Xohán Vicente Viqueira, Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Castelao, etc.

A data da visita é o martes 24 de febreiro ás 18.30. Quedaremos diante do edificio que está na praza da Princesa (xunto ao Sireno).

Como ese día é o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro faráselle unha pequena homenaxe recitando algúns dos seus poemas, e alí expoñeranse as primeiras edicións dos seus libros e un documento autógrafo dela.

Se queres asistir envíanos un correo a asociaciontrabalingua@gmail.com ou mándanos unha mensaxe polo Facebook.

Penzol

WordPress Themes