III Quintal literario- XXVI– MÁQUINA DO TEMPO

Aí estás, á beira do meu tocadiscos, aparecendo como prometiches que nunca ías aparecer na néboa da tarde. Moito cambiamos nestes últimos anos. Perdiches o rubio do teu cabelo. Eu son menos ansioso. Sabías que cando a agulla rastrexa a superficie do disco recrea o mesmo aire de cando a canción foi gravada? A nosa propia máquina do tempo.

Tocadiscos

III Quintal literario- XXV– A BELEZA DA MORTE

Do campo brotaban estrelas que enchían dunha cor amarelenta os restos loitadores contra o inverno. El mantíñase deitado no chan, observando a maxia do ceo na súa metamorfose en bolboreta. E sorriu, con rosas vermellas saíndo do seu corpo e un sentimento de ledicia invadíndoo, cos cantos duns uniformes bailaríns mostrándolle o seu camiño mentres pasaban por riba del.

Salaio nómade

III Quintal literario- XXIV– CONTOS

Serei coma o Principito, coma Harry Potter ou coma as fantasiosas lendas do Cid. A literatura é bonita, pero é cando o libro termina cando recordamos que non é real e hai que volver ó noso mundo. Eu tardei moito en volver, e xa é tarde. Agora eu son o conto. Agora toca firmar e pechalo.

Racber

III Quintal literario- XXIII – SANGUE NEGRO

Estaba farto. A xente morría inxustamente nun réxime opresor. Ninguén se atrevía a rebelarse, pero alguén tiña que facelo. Eu fixen a munición e un amigo cedeume a súa arma, a única que daría a paz e a liberdade, que derramaría o sangue máis negra que existe. Sen temor, dispúxenme a utilizala. Acendín a imprenta.

Racber

III Quintal literario- XXII – DE TI

Acórdome das noites nas que xogabas comigo a que a nosa casa era un hotel, daquela tarde cruzando a vía do tren, dos momentos nos que só con escoitarte, mentres me contabas as túas historias, me bastaba. Acórdome dos teu ‘’todo va a saír ben’’, acórdome de min coa avoa soas, botándote de menos. Acórdome de ti, padriño.

Aga

III Quintal literario- XXI – CABALOS DE FUME

Cabaleiros de pel enferruxada, ladróns de sombra con rostros crueis, galopan en veloces corceis dende os seus miolos estrofiados. Ten a voz gastada polo alcohol que o corroe, as súas verbas non esconden a noxenta desconfianza. Cheira a tabaco,ao fume que envolve o seu ollar gris. Ollos fundidos que son o recordo daquela vez que a desconfianza tornou en demencia.

Mel

WordPress Themes