III Quintal literario- XX – PRESENTE HISTÓRICO DO VERBO TEMER

Fixéronlle moito dano á ultima vez e agora non quería volver probar. Tivera consecuencias espantosas que lle metían o medo no corpo soamente con pensalo. Quizais moitos o precisaban para vivir pero el apañábase ben. A súa filla acabara nunha cadeira de rodas por conducir bébedo. Agora non tiña coche nin cervexa en casa. Só necesitaba perdoarse e seguir adiante.

Panem et circenses.

III Quintal literario- XIX – IMAXINACIÓNS DUN MARXINADO MÁXICO

Subiría e asubiaría para que me mirases mais razoo máis do que aparento. Retírome a tempo, antes de caer da calor que creas en canto entras vestida de Entroido e núa de complexos. Partiría ese partido de fútbol infernal que quenta a xente máis que un forno de ferro só por posuírte sen berros que afoguen os teus abafantes sotelos.

Panem et circenses.

III Quintal literario- XVIII – CRIMES INXUSTIFICABLES

Agachou os medos nunha bufanda, tapándolle media cara e o tic nos beizos. Camiñou rápido pero o frío escusábaa, nun día de novembro que sabía a xaneiro, cunha tenda aclimatada que sabía a arrefriado. E unha alarma soando. Tivo que soltar a comida que roubara para a nai enferma e entregarse. Á policía, á xuíz, á cárcere, á morte familiar.

Panem et circenses.

III Quintal literario- XVII – CAMPO DE BATALLA

Corpos mutilados, vómitos noxentos, sangue por todas partes. As persoas da cidade morreran desde dentro, estoupando nunha base de bile e excrementos.

A bomba caera no centro e espallárase con rapidez, sen importar a declaración de paz ou o proxecto de desarme.

Un neno riuse entre os cascallos; facíanlle graza os movementos convulsivos da súa nai mentres morría electrocutada.

Panem et circenses.

III Quintal literario- XVI – O VENTO

O vento zoaba con forza por entre as fiestras. Acerqueime rápido a pechalas para que estas non se partiran en mil anacos. A pechadura era vella e desgastada. Custaba manipulala pero o final cedeu, ou iso crin nese intre, pois en canto a liberei das miñas mans súas, volveu abrir como dicindo: ¡nesta casa mando eu!

Rachel

III Quintal literario- XV – MORRIÑA

Tombeime na beira do río. Escoitaba a súa auga baixar estrepitosa mentres outros cantos me envolvían.As follas abrigábanme do sol abrasador e deixaban pasar por entre elas uns raiolos que me sabían a gloria. Respirei fondo e recorrín o pensamento de ledicia de estar neste intre aquí, e o de non volver deixala miña terra, a miña Galiza, endexamais.

Rachel

III Quintal literario- XIV – MANUELA

Manuela espertaba cunha dor de cabeza terrible. Quíxose erguer pero doíalle moito o corpo. Se fora máis nova pensaría que tiña maniotas, pero xa nin sequera lembraba se as tivera antes de estar así.

-Bos días Manuela!- saudarona.

-Quén é Manuela?- preguntou- Non sei quen é…

-Si que o sabe, pero non lle acorda- dixolle bicándoa a súa filla.

Rachel

III Quintal literario- XIII – ACCIÓN, REACCIÓN

Sempre quixen cambialo mundo. Non era cousa doada, a verdade. Decidín empezar polos que me rodeaban e levei unha decepción, pois non o conseguín. Un día pensei que se cambiaba eu, se cadra os demáis me seguirían…

Eso tampouco o logrei, pero o que sí fora toda unha sorpresa e que sen querer, os demáis tratábanme diferente.

Rachel

III Quintal literario- XII – A CHAMADA

Mandáranme só unha cousa: que estivera preto do teléfono para cando soara. Separeime del un intre, o tempo que me levaba ir a cociña e volver. Merecíao despóis de estar tres días agardando a chamada sen comer, sen beber, sen durmir… Pero non serviu para nada, en canto soou e cheguei a coller, era demasiado tarde, xa colgaran.

Rachel

WordPress Themes