III Quintal literario- XI – VIAXES

Encantáballe viaxar.

Estivera en praias desertas, onde a branca e fina area acariciaba os seus pes ao camiñar. Perdérase miles de veces nos bosques verdes e frondosos, e alí atoparíase a sí mesma outras tantas. As montañas nevadas gardaban os seus segredos.

Nº 9310 sempre foi libre. A súa imaxinación nunca deixara de selo.

Sakura

III Quintal literario- X – SAN VALENTÍN

Xa rematara a cea romántica en parella deste San Valentín, á que só asistín eu.

Baixei ao bar coa alma aos pes e sentei na barra. -“Camareiro, deme o máis forte que teña”- dixen.

Notei unha bágoa correr pola miña meixela cando aquel home, serio e robusto, me deu unha aperta.

Sakura

III Quintal literario- IX – MILAGRE

Quedaban uns segundos e só lles levaban un punto de vantaxe.  Leo lanzou o balón ao outro lado da pista nun impulso de desesperación e…

PIIIII! Canasta! Gañaron!

Erguinme dun salto con bágoas nos ollos, pero sorprendeume que, en vez de mirar ao heroe do equipo, ollaban para min. Supoño que a cadeira de rodas fixo un estrondo ao caer.

Sakura

WordPress Themes