III Quintal literario- VI – ÁFRICA, DIN QUE SE CHAMA

Chora bágoas sucias, escuras, secan na súa pel. Ansía a morte, descansar e esquecer tanta dor. Arrólaa o vaivén da guerra, pecha as pálpebras e os seus beizos murmuran pobreza. Fúndese o abrigo do seu mundo estéril mentres escoita a nana das balas.

Miren, poderosos señores de impune sorriso, durmiu a nena, o cansazo venceuna. Conseguírono, agora non molestará.

Mel

III Quintal literario- V – DE VIAXE

Subiu ao barco dun chimpo. Comezou a correr dun lado a outro. Devecía por oír o son que viña dos recentemente estreados zapatos ao petar na cuberta do barco. Ao levantar a cabeza tivo que pechar os ollos pola luz cegadora do sol mediterráneo. Virou a mirada e topouse coa da nai. Estremeceuse. “-Tamén hai lama onde nos levan agora?”.

Descinguida

III Quintal literario- IV – MANTO DE ESPIÑAS

Non sei, desas cousas que me fan reafirmar o bonitos que son os toxos. As mozas só queren roseiras; para min esas son as flores da xente rica. Os toxos son do monte, de sempre. A miña avoa cantábame: “o meu toxiño ten gardado baixo o seu manto de espiñas, un corazón dourado que agroma como a flor da chorima”.

Aurea

III Quintal literario- III – VELAÍ O MITO

Nun mundo onde a mitoloxía é base da esscultura, da pintura, da historia e da literatura, e que de máis está dicir que se conservan dela numerosas referencias tanto en construccións gubernamentais e eclesiásticas coma públicas, non é un erro afirmar que se non fose polos Deuses o noso mundo sería distinto.

Galiopea

WordPress Themes