III Quintal literario- XI – VIAXES

Encantáballe viaxar.

Estivera en praias desertas, onde a branca e fina area acariciaba os seus pes ao camiñar. Perdérase miles de veces nos bosques verdes e frondosos, e alí atoparíase a sí mesma outras tantas. As montañas nevadas gardaban os seus segredos.

Nº 9310 sempre foi libre. A súa imaxinación nunca deixara de selo.

Sakura

III Quintal literario- X – SAN VALENTÍN

Xa rematara a cea romántica en parella deste San Valentín, á que só asistín eu.

Baixei ao bar coa alma aos pes e sentei na barra. -“Camareiro, deme o máis forte que teña”- dixen.

Notei unha bágoa correr pola miña meixela cando aquel home, serio e robusto, me deu unha aperta.

Sakura

III Quintal literario- IX – MILAGRE

Quedaban uns segundos e só lles levaban un punto de vantaxe.  Leo lanzou o balón ao outro lado da pista nun impulso de desesperación e…

PIIIII! Canasta! Gañaron!

Erguinme dun salto con bágoas nos ollos, pero sorprendeume que, en vez de mirar ao heroe do equipo, ollaban para min. Supoño que a cadeira de rodas fixo un estrondo ao caer.

Sakura

Outra foliada!

Foliada Trabalingua ESN Café de Mario Vigo

III Quintal literario- VIII – IDOMENI.0

Non tiven tempo de celebrar un ano máis de vida. Faltoume respiración. Faltaron mans que me tirasen daquela frialdade da lama, da miña fame, da humidade dos días e noites. Non fun quen de saltar aquel valado internacional feito de grandes escrúpulos.

Só son unha víctima máis que habita na conciencia de alguén. Faltou corazón. Sobrou ineficacia. Así morrín.

Marquesa de Trobos

Wikimaratón en Teleco

Queres saber máis sobre como funciona a Wikipedia? Queres colaborar editando artigos da Galipedia sobre as telecomunicacións?

Achégate o mércores 20 de abril, ás 13.00 h, á conferencia (salón de graos) e/ou participa na Wikimaratón a partir das 15.00 h (laboratorio AS01).

O vindeiro mércores 20 de abril o alumando da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coñecerá como funciona a Wikipedia e poderá colaborar con ela escribindo artigos relacionados coas Telecomunicacións en galego na Wikimaratón.

Ás 13.00 haberá unha conferencia no salón de graos onde colaboradores e administradores da Galipedia, como son Miguel Anxo Solla Portela e Adrián Estévez Iglesias, falarán do funcionamento da Wikipedia, de como se organizan os colaboradores, das tecnoloxías web que utilizan, de como loitan contra o vandalismo, etc e farán un introdución á edición de artigos.

Pola tarde, de 15.00 a 20.00 estará o laboratorio AS01 da torre A aberto para a Wikimaratón. Calquera persoa que queira colaborar editando artigos da Wikipedia en galego relacionado coas Telecomunicacións poderá achegarse en calquera momento da tarde ao laboratorio. Alí terá a guía dos de Miguel e Adrián que o axudarán en todo o proceso.

Esta actividade está organizada por varias entidades: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a súa Delegación de Alumnado e a Asociación Trabalingua e conta ademais coa colaboración da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Un dos obxectivos da Wikimaratón é animar aos estudantes da UVigo a que se fagan colaboradores da Galipedia e contribúan escribindo ou traducindo artigos relacionados cos seus estudos. Desta maneira, futuros estudantes e a sociedade galega en xeral poderán acceder a máis artigos da enciclopedia en galego sen teren que recorrer a ler os artigos noutras linguas.

Esta actividade servirá de antesala a un concurso de artigos da Galipedia que se realizará o vindeiro curso académico.

Pantalla Wikimaratón Teleco

III Quintal literario- VII – PENUMBRA

Noite luminosa cegaba sen piedade, nesgando as almas dos moribundos.  Día escuro contemplaba, rindo a gargalladas.

As ánimas, desesperadas tentado fuxir, caían nas redes de Noite. Sen esperanza.Unha tras outra, contábanse por millóns.

No leito final os espectros conciliaban soño e pesadelo, mentres Día texía a lista da seguinte xornada e Noite imaxinaba unha realidade diferente que nunca chegaría.

Akara

III Quintal literario- VI – ÁFRICA, DIN QUE SE CHAMA

Chora bágoas sucias, escuras, secan na súa pel. Ansía a morte, descansar e esquecer tanta dor. Arrólaa o vaivén da guerra, pecha as pálpebras e os seus beizos murmuran pobreza. Fúndese o abrigo do seu mundo estéril mentres escoita a nana das balas.

Miren, poderosos señores de impune sorriso, durmiu a nena, o cansazo venceuna. Conseguírono, agora non molestará.

Mel

III Quintal literario- V – DE VIAXE

Subiu ao barco dun chimpo. Comezou a correr dun lado a outro. Devecía por oír o son que viña dos recentemente estreados zapatos ao petar na cuberta do barco. Ao levantar a cabeza tivo que pechar os ollos pola luz cegadora do sol mediterráneo. Virou a mirada e topouse coa da nai. Estremeceuse. “-Tamén hai lama onde nos levan agora?”.

Descinguida

III Quintal literario- IV – MANTO DE ESPIÑAS

Non sei, desas cousas que me fan reafirmar o bonitos que son os toxos. As mozas só queren roseiras; para min esas son as flores da xente rica. Os toxos son do monte, de sempre. A miña avoa cantábame: “o meu toxiño ten gardado baixo o seu manto de espiñas, un corazón dourado que agroma como a flor da chorima”.

Aurea

WordPress Themes