Micros abertos_29/10/16

Este xoves 29 de outubro ás 20:00h Trabalingua volve ao Café Catro a Catro (Rúa Gerona, 16, Vigo) cunha nova sesión de micros abertos.

Escribes, recitas, cantas ou simplemente queres contar algo? Agardámoste!

Nós poñemos o micro e ti a voz.

logo.microaberto

 

Xa temos as gañadoras do II Quintal Literario!

É xa a segunda edición do concurso (como pasa o tempo) e podemos dicir que, grazas a todos e todas as participantes, volveu ser un éxito. Desta vez recibimos máis de de cincuenta microrrelatos que non llo puxeron nada fácil ó xurado, o que indica que a xente que participa séguelle a poñer ganas e talento. Dende a asociación estámosvos moi agradecidos pola vosa participación, xa que sodes o motivo polo que esta iniciativa segue adiante.

O xurado, composto por unha profesora e un profesor da Universidade de Vigo e dous membros de Trabalingua, reuniuse o mércores 7 de outubro. Hoxe, día 8, temos o pracer de comunicarvos a súa decisión.

O primeiro premio é para “Améndoa amolada, de Marina Fernández Vigo (Ana Crónica).

O primeiro accésit é para “Desamor galáctico, de Noemí Giráldez Pérez (Catchup).

segundo accésit (votación popular) é para Testemuño dun esquecido, de Paula Rodríguez Álvarez (Zverri).

 

A continuación reproducimos de novo os textos:

Améndoa amolada

Améndoa mol coñeceu amorodo moribundo. Ela adoecía dos dentes e iso dificultaba a diversión con outras améndoas, pero a carne morada do amorodo axeitábase as súas necesidades molares (non morais). O drama decidiuse ó amorodo reclamar o seu maior anhelo, pero a améndoa non se deixou anelar. Recolleu a casca que deixara no caixón cando coñeceu ó amorodo e marchou.

Ana Crónica (Marina Fernández Vigo)

Desamor galáctico

Coñecéronse nun evento cósmico. A atracción universal fixo o resto. Ela orbitaba en elipses, coa resignación gravitacional das masas que se atraen. Entón chegou o eclipse. Un saía de noite, o outro de día. Un satélite frío e unha estrela ardendo fitáronse por primeira vez. O sol dáballe calor. Tamén a cegaba. El tiña nictofobia. Atmosferas incompatíbeis. Non puideron ser.

Catchup (Noemí Giráldez Pérez)

Testemuño dun esquecido

O tempo fuxía das presas, afogando co tictac do reloxo.

Namorara da quietude tan pouco presente no cotío. Loitaba nunha gaiola invisíbel, pedía socorro sen resposta. En van.

O tempo era demasiado efímero para que alguén se decatase da súa súplica. “Acougade!”, berraba con mágoa.

Pero era inútil.

Ninguén tiña tempo para o tempo.

Zverri (Paula Rodríguez Álvarez)

Noraboa, rapazas!

Nos próximos meses agardamos ter dispoñibles as postais coas ilustracións dos tres microrrelatos gañadores. Poderanse atopar nas facultades da Universidade de Vigo.

De novo, grazas ós e ás participantes polo voso tempo e creatividade. E tamén, por suposto, a todas aquelas persoas que, se ben non participaron, contribuíron a difundir e promover esta iniciativa. Motísimas grazas a todas e todos.

 

 

WordPress Themes