II Quintal literario -XLV- Testemuño dun esquecido.

O tempo fuxía das presas, afogando co tictac do reloxo.

Namorara da quietude tan pouco presente no cotío. Loitaba nunha gaiola invisíbel, pedía socorro sen resposta. En van.

O tempo era demasiado efímero para que alguén se decatase da súa súplica. “Acougade!”, berraba con mágoa.

Pero era inútil.

Ninguén tiña tempo para o tempo.

Zvarri

II Quintal literario -XLIV- Grazas, poesía

Se fose máis sinxelo ordenar os pensamentos, se o amor e a tristeza carecesen de palabras, non existirían os poetas cheos de folgo, nin a arte, que ata en outono combate as treboadas.

Grafito que transcribes o meu pensar, sexa pranto, saudade ou paixón: eu sigo fiel á terra, aire e mar, albiscando horizontes sempre cheo de ilusión.

Dani

II Quintal literario -XLIII- Soliño e Lúa

– A noite é o mellor que lle pode pasar ao día – pensou Soliño mentres ollaba unha fotografía de Lúa.

Soliño era un rapaz loiro, moi brillante e alegre que alumeaba coa súa presenza.

Lúa era diferente. Ela, era de face esbrancuxada e máis reservada e misteriosa, mais tamén irradiaba unha luz lene.

E quedaban ao luscofusco.

Kike Estévez

Visita ás exposicións de Álvarez Blázquez e Mario Granell

Para este venres organizamos unha visita a dúas exposicións. Por unha parte iremos á exposición sobre o poeta Xosé María Álvarez Blázquez que hai na Fundación Penzol. Por outra parte visitaremos a exposición do pintor Mario Granell que hai na Pincateca Francisco Fernández del Riego.
Se che apetece vir vente connosco. Vémonos o venres 15 ás 18.00 diante da Casa Galega da Cultura.

Alvarez Blazquez - Mario Granell

Alvarez Blazquez – Mario Granell

II Quintal literario -XLII- Magnetismo

O contacto entre os nosos ollos era violento, como una descarga de electricidade que provoca un fogo imposible de apagar. Como se un lazo invisible aparecese da nada cando as nosas pupilas conectaban desde a distancia. E nós, receosos pero, aínda así, conscientes do poder das nosas miradas entrelazadas, intentabámolo evitar.

Remi

II Quintal literario -XLI- Tímidos declarados

Un cruce de miradas o primeiro día que ti chegaches xa o dicho todo. Os días sucedíanse co noso particular xogo de olladas. Unhas mirabas para min disimuladamente, ou iso crías. Outras, eu deixábame distraer para che botar de cando en cando olladas, estudándote. Unha batalla de dous tímidos declarados.

Remi

II Quintal literario -XL- O espertar

Ó espertar, o dinosauro xa non estaba alí. Buscou algo recoñecible naquela paraxe mais xa non quedaba nada de Nunca Xamais ou da planta das fabas máxicas. Ó seu arredor todo estaba ermo.

Ó lonxe escoitou voces:

– Bautista, teña o Rolls Royce aceso, vou espertar á miña Bela Durminte.

Despois do bico, finxiu que seguía a durmir.

Ciúmes

II Quintal literario -XXXIX- A caverna

O Ser amenceu canso, movido polo absurdo da rutina. Farto de ser e non ser nada sentiuse sen forzas conforme pasaban por el imaxes espelladas dunha parcial realidade. Un ollar ó outro lado, unha pulsión, un arrebato. Regresar ó territorio do intersticio da súa episteme e dar o paso. Deixar de cargar co peso da imposta existencia; non- sendo, ceibe.

Iacovous

WordPress Themes