II Quintal literario -LV- Boas vibracións

De súpeto o sangue levaba vibracións percorrendo todo o corpo. Cargaban a ialma de ledicia dende o luscofusco ata a madrugada. Os seus brazos ergueitos abaneaban cun compás sorrinte mentres as puntas dos pés repenicaban a ritmo binario. O mellor osíxeno estaba dentro dun fol. A música xa non se escoita, pero as vibracións seguen ata a próxima ocasión.

Folerpa

 

II Quintal literario –LIV- Vexetando

Está alí, apoiado nas pedras: un elemento mais da paisaxe, inmóbil, vendo pasa-los días. A cortiza está torrada polo sol, e marcada polo desgaste lento e continuo da choiva; e engurras profundas coma sucos cruzan a superficie. Un can achégase a cheirar.

-Tira, Sombra -di el erguéndose e poñendo o chapeu-, que aquí non hai nada que ver.

Ana Crónica

II Quintal literario –LIII- Herexía

Unha tea con dúas cores -branco e azul- representa a súa identidade. Branco polas nubes, pola xeada no eido pola mañá, coma os seus cabelos; azul polo océano, coma os seus ollos buscando a cada marea un barco que chega. Cando morra hei de enterrala con ela, aínda que o traten de impedir: a bata de cadros da miña avoa.

Ana Crónica

II Quintal literario -LII- Améndoa amolada

Améndoa mol coñeceu amorodo moribundo. Ela adoecía dos dentes e iso dificultaba a diversión con outras améndoas, pero a carne morada do amorodo axeitábase as súas necesidades molares (non morais). O drama decidiuse ó amorodo reclamar o seu maior anhelo, pero a améndoa non se deixou anelar. Recolleu a casca que deixara no caixón cando coñeceu ó amorodo e marchou.

Ana Crónica

II Quintal literario -LI- Desamor galáctico

Coñecéronse nun evento cósmico. A atracción universal fixo o resto. Ela orbitaba en elipses, coa resignación gravitacional das masas que se atraen. Entón chegou o eclipse. Un saía de noite, o outro de día. Un satélite frío e unha estrela ardendo fitáronse por primeira vez. O sol dáballe calor. Tamén a cegaba. El tiña nictofobia. Atmosferas incompatíbeis. Non puideron ser.

Catchup

II Quintal literario -L- (D)evolución

– Bo día, en que podo axudarlle?

– Quería facer unha (d)evolución.

– Vaia, outro antisistema.

– Perdoe?

– Iso de querer avanzar é moi… revolucionario.

– Quizais… pois aí lle queda. Ata logo!

Tiña unha vontade tremenda de vivir, fervíalle o sangue nas veas coma nunca antes.Deixoulle o paquete no mostrador e marchou. Na etiqueta poñía “CONFORMISMO”.

Flavia Castelo

II Quintal literario -XLIX- Un frechazo

Olleite. Olláchesme. As nosas miradas atopáronse; o meu corpo rebulía por dentro. O corazón non deixaba de latexar.

De súpeto, decateime que xa facía tempo que estábate agardando; e agora, non había ningunha dúbida.

Non podía afastar os meus ollos dos teus. Ti rías con picardía e á vez non entendías que che estaba a ocorrer comigo.

Que dous tolos!

Literuxío

II Quintal literario -XLVIII- Asomeime agachado

…fixémoste un regalo; fora o teu cumpreanos. A miña filla entregoucho con moito agarimo. Eu, cheo de ledicia sumeime á festa. Un día que non me agardabas tan cedo; oín que discutías con alguén. Asomeime agachado. Estabas con outro home; comíalo a bicos. Á vez que lle berrabas que non tiña que vir sin avisarte.

Literuxío

II Quintal literario -XLVII- Punzada

Cheguei a miña casa. Os raios de sol aínda golpeaban no salón, con forza.

Chameite; non contestabas. Entrei na nosa habitación e un charco de sangue empapaba o teu corpo.

Unha nota deixáchesme. Dicía:”O sinto, amor, non podo máis coa dor de vivir”.

Sentín unha punzada no meu corazón. Unha rabia; unha impotencia. Unha dor infinita.

Literuxío

II Quintal literario -XLVI- Un deslice

Respirábase a ledicia de saber que iamos recuperando os nosos espacios.

Decatámonos que necesitabamos voltar a confiar. Que un deslice o ten calqueira.

Un deslice? Si. Foi unha noite que saín cos amigos…enfadouse moitísimo comigo.

Estaba arrepentido do que fixera; pedinlle perdón, que non voltaría a pasar nunca máis, supliqueille.

Díxome que me perdoaba, mais non esquecería a humillación.

Literuxío

WordPress Themes