II Quintal literario -XXIV- Estou viva

Despois de estar tres meses sen ver a súa familia, volveu á súa casa. Mirouse no espello e sentíuse orgullosa dela mesma. As súas costelas estaban ocultas e as súas clavículas xa non sobresaían. Xa pasara. Estaba viva, superara a enfermidade, gañáralle a batalla aos seus demos e a guerra aos espellos. Para ela xa non existían os estereotipos.

Ina

II Quintal literario -XXIII- Misterio

A noite cubriu as túas pálpebras. Miles de anos que pasaron en micro segundos. O ceo caeu sobre as nosas testas e deixamos de poder adiviñar o futuro. Quizais ti o pasaras mal, quizais eu o pasara demasiado ben. Quen sabe, quizais foi a miña culpa, ou quizais simplemente pechei os ollos e deixeiche facer.

Dune.

II Quintal literario -XXII- Anguria

– Ábreme Anxo!

– Anxo!! Abre!

– Me cajo no máis grande, Anxoooo…!

O avión baixaba con máis velocidade a cada instante. Chegaba o fin. Ía morrer sendo eu o piloto e sen poder facer nada. Puto Anxo.

Espertei.

– Papá! Abre a porta que non chego á escola.

Quedara durmido sentado no váter.

Cebola

II Quintal literario -XXI- Toque de queda

Díxolle que por mais que buscaba non encontraba un motivo para quedarse. Que necesitaba un, tan só un e xamais marcharía. Tan só unha aperta, un bico, un quérote que non fora consecuencia do viño. O silencio del acompañouna ata a porta. Pero alí sentiu as súas mans. Tocouna, tocouna e quedouse.

Lolaila

II Quintal literario -XX- Volve

Un día especial. Para moita xente era un día calquera, pero para min era especial. Había un ano, seis meses e catorce días da última vez que falaramos, pero eu necesitaba quedar con el, falarlle, facerlle ver que todo ía ben, como antes. Contámonos novas, e ao final díxenlle que daría calquer cousa porque el volvese estar vivo.

Zanahoria

II Quintal literario -XIX- Que fermosa é!

Ten ollos verdes, un sorriso enorme, alegra a calquera, é amistosa, gústalle o campo e sobretodo o mar porque é mariñeira, moi mariñeira. Pode estar soleada e ós dez minutos nublarse. Nunca vin algo tan fermoso coma ela. É a miña terra, Galicia, a Galicia do norte de España, a nosa Galicia.

Aga

II Quintal literario -XVIII- Unha última oportunidade

Mamá achégase e dáme o billete. O billete que me dará a liberdade, a ilusión… unha nova vida. Non temos nada e ese nada déronmo para fuxir desta vida, da fame, da suciedade. Doulle un bico e unha aperta. Collo a bolsa coas poucas pertenzas que teño e marcho.

Sentado na patera, visualizo a nova vida. Unha última oportunidade.

Nurius.

II Quintal literario -XVII- A miña terra

Namorei do mar, namorei do vento. Sentín a dor e sentín incertas paixóns; pasei da felicidade á tristeza,caín ao chan mais aquí estou ergueito.

Vin pasar a neve, a chuvia e os raios do infinito sol.

Namorei, claro que namorei, de ti, Galicia, da túa beleza, da túa diversidade,da maxia que te envolve.

Chiné

II Quintal literario -XVI- Harmonía

Frida Khalo pintaba “unos piquetitos, no más”, mentres Maruxa na súa cociña asaba a pa de porco que xantaría con suma exquisitez. Chamaron a porta, os policías informáronlle que non tiñan novas sobre o asasinato do seu home. Ela convidounos a xantar e gozaron xuntos das viandas saborosas, mentres Maruxa ollaba o óso da pa con profundo agradecemento.

Arroz con leite

II Quintal literario -XV- Ilusións

Abriu o conto da princesa pola primeira páxina. Na segunda mudou a historia. Non había vestidos, non era fermosa, nin loira, non había príncipes nin bruxas. Alí comezou outra historia nun laboratorio entre telescopios, fórmulas, bacterias e teorías. Ela soñou con ser científica, con ter cura para as desigualdades. Lonxe, moi lonxe, das barbis ou das cancións de Violeta.

 

Arroz con leite

WordPress Themes