II Quintal literario -XXXVIII- Sen comezar, sen rematar.

Non podo contarvos cando nos atopamos, o noso non tivo inicio, simplemente estivemos xuntos dende o principio das nosas vidas. Tal era a forza que nos mantiña unidos, aquel magnetismo, superior a todo aquilo que puiden coñecer, que todo evocaba a que non iamos ter un final feliz.

E así foi, porque, maila perdurar a felicidade, nunca tivemos un final.

Billie Spalding

II Quintal literario -XXXVII- 65 anos

“Ti crees saber que é o amor?. Estiven 65 anos xunto ela. 65 anos durmindo na mesma cama. 65 solsticios de verán observando o solpor da nosa vida en común. E aínda non tiven tempo de coñecela o suficiente. Agora dime, crees saber que é o amor?” Dixo mentres contemplaba o rostro da súa esposa antes de pechar o ataúde.

Billie Spalding

II Quintal literario -XXXVI- A paradóxica historia dos reencontros fortuítos

Querías ser libre, querías revelarte, facerte notar, sentir que tes voz, que vives, por e para algún fin, grandioso. Quixeron coartarte, domesticarte, que non sentiras, que ignoraras aquilo que se axitaba no teu peito e facía ás túas meixelas brillar.

Querías romper barreiras. Avanzar e nunca retornar, mais decatácheste tarde, pequena inxenua, de que a Terra é redonda, e finita.

Billie Spalding

II Quintal literario -XXXV- Moreas de causas

Os pensamentos amoreados, latentes perante a fiestra baldía, enguedellados nas maos cansadas de ter que aturar unha morea de  consecuencias que aínda están por chegar. “Volverás”, “que se volverei?” “Si, volverás?”, “Non me sexas necio, rapaz, e logo… quen pode predicir o que acontecerá?” Quixo volver, mais nunca chegou a partir.

Billie Spalding

Outra foliada máis!

O vindeiro venres, froito da colaboración entre a ESN e Trabalingua, realizarase de novo outra foliada para universitarios (e non universitarios tamén) no Café de Mario. E que é unha foliada? Pois unha festa con música tradicional galega en directo, onde ademais os participantes poden traer os seus instrumentos e tocar unhas pezas ou bailar. Todo isto de xeito espontáneo.

En primeiro lugar ás 20.00 haberá un obradoiro de baile gratuíto onde poderás aprender os puntos («pasos») básicos de bailes tradicionais galegos como a xota e a muiñeira.

E se bailar non é o teu… Temos ás 21.00 un obradoiro de canto onde poderas aprender as cinco cancións máis populares da nosa música tradicional.

Na foliada participarán os seguintes grupos:
As pandereteiras de Gargamala, As Rexoubeiras, A charanga da Benita e Os gaiteiros de Altamar.

* Para asistir aos obradoiros de baile tradicional e de canto hai que anotarse enviando un correo electrónico a asociaciontrabalingua@gmail.com

Foliada Vigo Trabalingua ESN

II Quintal literario -XXXIV- Bágoas olvidadas nun anaco de papel

Pechou os ollos e agantou a dor.

Deu un paso.

A escuridade o seu redor deixábao sen alento

Ergíu outro o outro pé.

Deu outro paso.

O sangue saíalle quente polo peito .

Costáballe moito respirar.

Non podía morrer naquela loita.

Tiña que volver o fogar.

Tiña que volver a ver ao seu fillo.

Intentou dar outro paso.

Intentouno.

Minows

II Quintal literario -XXXIII- Bonecas

Na infancia adoitaba xogar con bonecas. Illándose da realidade,  desapiadada. Aloumiñando corpos inertes e peiteando cabelos apagados, atopando acougo naqueles seres inmarcescibles. Envexábaas, existindo nese pequeno mundo eterno de cristal, con aqueles ollos endexamais pechados.

Cando medrou, seguiu xogando coas súas bonecas. Cravando nelas, frustración de soños degolados. Facendo brotar delas xugo vermello. Xogando a ser inmortal, por derradeira vez.

Billie Spalding

Así foron os Micros abertos

Vigo, xoves 16 de abril de 2015. Non é un xoves calquera, xentes do máis diverso camiñan cun destino concreto: o Café De catro a catro para citarse nos Micros abertos de Trabalingua. Algúns coñecíanse de antes, outros iranse coñecer alí. Poderían estar nas súas casas tirados nos sofás vendo algunha serie, falando por Whatsapp, ou tomando unhas cañas. Pero todos eles dicidiron compartir dúas horas da súa existencia con amigos e descoñecidos onde un partido nun bar quedou substituído pola poesía, polo teatro e pola música.

Nos Micros abertos citáronse xente do máis diversos, a maioría estudantes universitarios, pero tamén traballadores, profesores universitarios e xubilados. Alí aprendimos as consecuencias do alcol ao volante, perdímonos por dentro dun marabillosos pazo, coñecimos a grandes poetas andaluces, desfrutamos de contos infantís que tamén teñen moito que dicirnos aos adultos, afondamos no que significa o exilio ou o amor, correspondido ou non. A poesía erótica tamén estivo presente, así como o teatro ou a música. Rosalía volveu a nós a través da voz de Elisa, que recitou de memoria “Adeus ríos, adeus fontes” e “Airiños, airiños, aires” facendo que todos os presentes nos emocionaramos. Que ben recitou aquela muller! Houbo tamén un oco para os consellos dos avós, os contos de lobos, a denuncia da violencia de xénero e da fame, os microrrelatos. Tamén se recitaron clásicos internacionais, ou clásicos galegos coma Celso Emilio, Claudio Rodríguez Fer ou Cabanillas… E tantas cousas máis que non collen neste texto.

Grazas a todos os que viñestes. Agardamos que pasarades un bo serán, nós abofé que si. Ata a próxima!

IMG_20150416_201545

II Quintal literario -XXXII- Adeus

É tempo de sentir e deixarlle ó vento levar as palabras. Un pensamento escorrega entre os dedos e pousa quedo para coller folgos, a rosa do camiño asinou un pacto co demo e mostrou a espiña antes de tempo.

Hoxe só queda a lembranza, o día de onte non acouga.

Un rumor no vento. Unha promesa sen cumprir.

Adeus.

Bryan

II Quintal literario -XXXI- The leak

E entón caín.Ás profundidades do abismo. Irremediablemente,sen nada ao que atenerme,simplemente caín. Tesme exactamente onde ti querías. Entregueite todo e ti,ti que me destes a cambio? My love,estou cansada da vida na sombra… Se non eres quen de liberarme,abrireime paso eu mesma a través das altas paredes da túa prisión. Eu tamén quero brillar.

Arsonist’s lullabye

WordPress Themes