Trabalingua busca voluntarios

TRABALINGUA BUSCA VOLUNTARIOS

Quen somos

Unha asociación aberta de mozos e mozas da Universidade de Vigo que pretenden poñer en valor a cultura e lingua galegas. Trabalingua é unha asociación independente, sen dependencia de ideoloxías ou doutras organizacións de calquera índole. Centramos as nosas actividades en defender e promover o uso de galego en tódolos ámbitos e, en especial, na Universidade, por ser a nosa realidade máis inmediata.

Perfís de voluntarios que buscamos

  • Deseñador gráfico: deseño de carteis, folletos e banners para as redes sociais.

  • Community manager: xestión dos nosos perfís nas redes sociais.

  • Deseñador web: para facer máis vistoso o noso blogue, que usa a tecnoloxía WordPress de Blogaliza.

  • Un grupo de persoas para rodar unha curta: sería necesario que tivesen acceso a un equipo de gravación de alta calidade e coñecementos de edición e posprodución de vídeo. (Preferiblemente, pero non necesario, xente de Teleco especialidade de Imaxe e Son ou de Comunicación Audiovisual).

  • Persoa con coñecementos de Marketing e altas doses de creatividade para deseñar e desenvolver unha campaña de comunicación da asociación de cara a conseguir novos socios e ser máis coñecidos na UVigo.

  • Persoas con ganas de organizar actividades que sirvan para promover o uso da lingua galega entre a mocidade, reflexionar sobre a situación da lingua, difundir a cultura galega entre os mozos…

Como pedir información e poñerse en contacto connosco

Mediante o correo asociaciontrabalingua@gmail.com (poñer en copia a voluntariado@uvigo.es)

Por que buscamos voluntarios

Cando comezou a asociación había bastantes persoas que colaboraban activamente pero a medida que os socios antigos deixaban a universidade non fomos quen de conseguir un relevo xeracional. Agora a maioría dos socios remataron os seus estudos ou van rematalos este ano. Se queremos que Trabalingua siga adiante na UVigo precisamos xente nova.

Requisitos

  • Preferiblemente ser estudante da Universidade de Vigo.

  • Compartir os nosos valores e obxectivos.

Que ofrecemos

  • Oportunidade de desenvolver capacidades e habilidades (traballo en equipo, comunicación, organización, xestión de proxectos, relación con outras asociacións e coa prensa, xestión de subvencións…) non presentes nos plans de estudo e que son moi demandadas polas empresas. Esta é a oportunidade para diferenciar o teu currículo do resto dos teus compañeiros de promoción!

  • Oportunidade de facer realidade as túas ideas e proxectos que encadren dentro dos obxectivos da asociación. Ti pos a idea e coordinas a súa realización e nós poñemos máis xente para axudarche, medios materiais e difusión da mesma.

  • Traballo a distancia, na maioría dos casos, e flexible en canto a horarios.

  • Un certificado explicando que actividades realizaches para acreditalo como experiencia para o teu currículum.

  • Créditos ECTS segundo o número de horas traballadas.

  • O pracer de poñer o teu grao de area para que a nosa lingua teña mil primaveras máis!

Máis sobre Trabalingua

Trabalingua foi creada na primavera do 2009 por estudantes de todos os ámbitos (Filoloxía e Tradución, Ciencias Xurídicas, Económicas, Ciencias, Enxeñaría) cando descubrimos que moitos de nós compartiamos a mesma visión sobre a situación actual da lingua. Sabiamos que o futuro do galego está na man da mocidade, pois somos nós quen temos o deber e a responsabilidade de transmitirlles o idioma ás próximas xeracións, ao igual que os nosos pais e avós fixeron con nós.

Tamén, todos nosoutros, querémonos implicar de xeito activo na cultura, realizando actividades novas e participando das que xa hai. De nós depende concienciar á mocidade sobre a situación dramática do idioma para conseguir pequenos cambios a mellor. Como por exemplo, que a mocidade reflexione sobre a situación do galego e a súa actitude cara o idioma; que os galegofalantes se sintan máis orgullosos da súa lingua e non se avergoñen dela; que as persoas que falan galego só en escasas situacións se lancen a usalo con normalidade en toda a súa vida; que as persoas que non falan galego habitualmente si o teñan en estima e que nas nosas actividades atopen un nicho para falar galego sen vergoña…

WordPress Themes