II Quintal Literario – I – A vida das palabras

Unha palabra de odio. Catro pasos irados cara a diante. Un paso arrepentido cara a atrás.

Media volta.

Unha mirada vidrosa fronte a unha mirada de terror. Un berro esgazando os límites do espazo-tempo engole unha freada desesperada.

Bágoas de cristal escarlata bañan o recipiente baleiro de todas aquelas palabras que quedaron sen dicir.

Le Revenant

Conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución

O xoves 26 de marzo, ás 13:00h, impartirase no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución (aula B3) una conferencia a cargo do profesor Dr. Xosé Henrique Costas, titulada “As linguas minorizadas de Europa: entre o ecolingüismo e o lingüicidio”.

Dende a Asociación Trabalingua convidámosvos a asistir e participar con todas as cuestións que queirades propoñer no debate posterior, así como na asemblea aberta da asociación que terá lugar despois.

Agardámosvos!

 

 

Cartel Conferencia

II Quintal literario

cartel trabalingua1.2

Volve o concurso de microrrelatos Quintal literario.  Lembrádelo?

 

A extensión das obras debe estar entre as  50 e as 60 palabras e o tema é á vosa escolla.
Pero,  por que “Quintal Literario”? Por que entre 50 e 60 palabras? O quintal era unha medida tradicional de peso (por desgraza xa en desuso) que, segundo a zona, oscila entre os 50 e 60 quilos. E velaí o noso quintal!
 

Así que xa sabedes, participade! 50 palabras non son nada!
Tedes ata o 30 de maio do 2015 para mandarnos os vosos quintais, que iremos publicando no noso blogue a medida que os recibamos. Consultade as bases do certame en  http://trabalingua.blogaliza.org/quintalliterario/  e non dubidedes e consultarnos calquera dúbida que vos xurda.

 

Trabalingua busca voluntarios

TRABALINGUA BUSCA VOLUNTARIOS

Quen somos

Unha asociación aberta de mozos e mozas da Universidade de Vigo que pretenden poñer en valor a cultura e lingua galegas. Trabalingua é unha asociación independente, sen dependencia de ideoloxías ou doutras organizacións de calquera índole. Centramos as nosas actividades en defender e promover o uso de galego en tódolos ámbitos e, en especial, na Universidade, por ser a nosa realidade máis inmediata.

Perfís de voluntarios que buscamos

  • Deseñador gráfico: deseño de carteis, folletos e banners para as redes sociais.

  • Community manager: xestión dos nosos perfís nas redes sociais.

  • Deseñador web: para facer máis vistoso o noso blogue, que usa a tecnoloxía WordPress de Blogaliza.

  • Un grupo de persoas para rodar unha curta: sería necesario que tivesen acceso a un equipo de gravación de alta calidade e coñecementos de edición e posprodución de vídeo. (Preferiblemente, pero non necesario, xente de Teleco especialidade de Imaxe e Son ou de Comunicación Audiovisual).

  • Persoa con coñecementos de Marketing e altas doses de creatividade para deseñar e desenvolver unha campaña de comunicación da asociación de cara a conseguir novos socios e ser máis coñecidos na UVigo.

  • Persoas con ganas de organizar actividades que sirvan para promover o uso da lingua galega entre a mocidade, reflexionar sobre a situación da lingua, difundir a cultura galega entre os mozos…

Como pedir información e poñerse en contacto connosco

Mediante o correo asociaciontrabalingua@gmail.com (poñer en copia a voluntariado@uvigo.es)

Por que buscamos voluntarios

Cando comezou a asociación había bastantes persoas que colaboraban activamente pero a medida que os socios antigos deixaban a universidade non fomos quen de conseguir un relevo xeracional. Agora a maioría dos socios remataron os seus estudos ou van rematalos este ano. Se queremos que Trabalingua siga adiante na UVigo precisamos xente nova.

Requisitos

  • Preferiblemente ser estudante da Universidade de Vigo.

  • Compartir os nosos valores e obxectivos.

Que ofrecemos

  • Oportunidade de desenvolver capacidades e habilidades (traballo en equipo, comunicación, organización, xestión de proxectos, relación con outras asociacións e coa prensa, xestión de subvencións…) non presentes nos plans de estudo e que son moi demandadas polas empresas. Esta é a oportunidade para diferenciar o teu currículo do resto dos teus compañeiros de promoción!

  • Oportunidade de facer realidade as túas ideas e proxectos que encadren dentro dos obxectivos da asociación. Ti pos a idea e coordinas a súa realización e nós poñemos máis xente para axudarche, medios materiais e difusión da mesma.

  • Traballo a distancia, na maioría dos casos, e flexible en canto a horarios.

  • Un certificado explicando que actividades realizaches para acreditalo como experiencia para o teu currículum.

  • Créditos ECTS segundo o número de horas traballadas.

  • O pracer de poñer o teu grao de area para que a nosa lingua teña mil primaveras máis!

Máis sobre Trabalingua

Trabalingua foi creada na primavera do 2009 por estudantes de todos os ámbitos (Filoloxía e Tradución, Ciencias Xurídicas, Económicas, Ciencias, Enxeñaría) cando descubrimos que moitos de nós compartiamos a mesma visión sobre a situación actual da lingua. Sabiamos que o futuro do galego está na man da mocidade, pois somos nós quen temos o deber e a responsabilidade de transmitirlles o idioma ás próximas xeracións, ao igual que os nosos pais e avós fixeron con nós.

Tamén, todos nosoutros, querémonos implicar de xeito activo na cultura, realizando actividades novas e participando das que xa hai. De nós depende concienciar á mocidade sobre a situación dramática do idioma para conseguir pequenos cambios a mellor. Como por exemplo, que a mocidade reflexione sobre a situación do galego e a súa actitude cara o idioma; que os galegofalantes se sintan máis orgullosos da súa lingua e non se avergoñen dela; que as persoas que falan galego só en escasas situacións se lancen a usalo con normalidade en toda a súa vida; que as persoas que non falan galego habitualmente si o teñan en estima e que nas nosas actividades atopen un nicho para falar galego sen vergoña…

WordPress Themes