Imos de foliada!

O próximo venres 27, froito da colaboración entre a ESN e Trabalingua, realizarase unha foliada para universitarios (e non universitarios tamén). Será no Café de Mario. E que é unha foliada? Pois unha festa con música tradicional galega en directo, onde ademais os participantes poden traer os seus instrumentos e tocar. Todo iso de xeito espontáneo.

Ademais, haberá un obradoiro de baile, gratuíto para os universitarios, onde poderás aprender os “puntos” (pasos) básicos de bailes tradicionais galegos como xota e muiñeira.

Na foliada participarán os seguintes grupos:

  • As pandereteiras de Gargamala
  • As Rexoubeiras
  • A charanga da Benita.

Nota. Para o obradoiro de baile tradicional hai que anotarse enviando un e-mail a asociaciontrabalingua@gmail.com . As persoas que non sexan estudantes universitarios teñen que aboar 3€.

Foliada Trabalingua ESN

Visita á Fundación Penzol

Visita gratuíta á Fundación Penzol

Unha vez máis Trabalingua organiza para a comunidade universitaria unha visita guiada á Fundación Penzol. E ti… non sabes o que é?

A Fundación Penzol é un arquivo-biblioteca, fundada por Fermín Penzol e polo grupo Galaxia, no ano 1963, co obxecto de prestar servizos de arquivo e biblioteca aos investigadores e estudos de temas galegos. A súa documentación está especializada en fondos referidos a Galicia e a súa cultura. Posúe 45.000 títulos de libros e máis de 150 metros lineas de arquivos de documentos. O documento máis antigo é un pergameo do ano 1135 e o libro é do 1500.
Pódese dicir que é a biblioteca-arquivo do galeguismo. Aquí están depositados fondos de Otero Pedrayo, Xohán Vicente Viqueira, Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Castelao, etc.

A data da visita é o martes 24 de febreiro ás 18.30. Quedaremos diante do edificio que está na praza da Princesa (xunto ao Sireno).

Como ese día é o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro faráselle unha pequena homenaxe recitando algúns dos seus poemas, e alí expoñeranse as primeiras edicións dos seus libros e un documento autógrafo dela.

Se queres asistir envíanos un correo a asociaciontrabalingua@gmail.com ou mándanos unha mensaxe polo Facebook.

Penzol

WordPress Themes