Xa temos os gañadores do I Quintal Literario!

Foi o ano pasado nunha das asembleas de Trabalingua cando xurdiu a idea dun concurso de microrrelatos chamado Quintal Literario. A idea puido materializarse este curso e grazas a todos os participantes podemos dicir que foi todo un éxito. Chegáronnos máis de cen microrrelatos, a maioría dunha gran calidade, o que demostra o talento e a creatividade da mocidade galega.

Despois da reunión do xurado, que tivo lugar o martes 10 de xuño, temos o pracer de anunciarvos os gañadores do concurso.

1º premio para “Carrapuchiña liberada” de Ana Belén Rodríguez Rodríguez (Gala da Fraga).

1º accésit para “Que se lixe a Troika” de Antom Labranha (Tresenraia).

2º accésit para “Trío” de Marina Fernández Vigo (Eu Ter Per).

 

Velaquí reproducimos outra vez os textos:

 

Carrapuchiña liberada

Víronse nun bar. Ela levaba un móbil de carrapucha vermella. El faloulle do atallo á felicidade encamiñándoa pola calexa de firmes adoquís detrás do GADIS.

Feroz comeulle a carne e chuchoulle os xugos mentres o cazador ficaba prendado dun partido de fútbol.

Carrapuchiña, esquecida por sempre a encarga coa bruxa do asilo, ouveou de pracer.

Ana Belén Rodríguez Rodríguez (Gala da Fraga)

 

 

Que se lixe a Troika

Circunferencia viu un sombreiro acoirazado enriba dun suadoiro. Debaixo había un home. Deu un chimpo onda el e díxolle: Se non é moito preguntar…, vostede que radio ten?

Eu? _respondeulle fachendoso_ o da cabeza deste que me carreta polo mundo.

Entón faloulle ao home: Que radio ten a súa cabeza?

O malpocado respondeu: o que don Sombreiro precise para asentar!

Antón Labranha (Tresenraia)

 

 

Trío

Tres corpos. Trinta dedos áxiles percorrendo rectas e curvas, pulsando lugares que fan vibrar o corpo. Molla os beizos, no comezo dun berro de ledicia que remata nun xemido agudo, agonizante; os ollos pechados para non perder ningunha sensación mentres o corazón quere saír do peito, desbordado pola mestura de sentimentos.

Trinta dedos, un trío: contrabaixo, piano e saxo.

Marina Fernández Vigo (Eu Ter Pe)

 

Noraboa aos gañadores!

 

Tamén nos gustaría recoñecer aos escritores dos seguintes microrrelatos, pois formaron parte das preferencias dos membros do xurado e do xurado popular.

 

Doctrina XXI de Marina Fernández Vigo (Ana Crónica)

Fala de Monica Places Torrado (Chucha)

Esculca de Daniel Pereira Fernández (Dan Grushenko)

Queiros de azucre e limón de Marisol Fernández Valado (Demetrio)

Estatuas de Andrés López Blanco (Anvidos)

Esperanza de Fabián Salgueiro Barcia (Fucy)

Laio de María Rosa Fiuza Lago (Esparadrapo)

O patrón de Ana Belén Rodríguez Rodríguez (Ismael Figueirido)

Princesa de Andres Gonzalez Sanchez (Big Muff)

Un cadro familiar de Uxío Pérez Santos (Literuxío)

Soidade de Marcial Ramón Rodríguez Quintana (Svhên)

Terra de Raquel Mejuto González (Luarada)

Sen tradución de Sofía Lorenzo Paramos (Axóuxere)

Pandora de Marcial Ramón Rodríguez Quintana (Pedra)

Gaivotas de Marina Fernández Vigo (Charrán)

Os dous de sempre de Eloy Coto Alfonso (Will Williams Jones)

Soños e castelurismos de Carme Otero (OrtoGal)

Vive, ama, chora, loita de Fabián Salgueiro Barcia (Fucy)

Crack de Antonio Castroagudín Campos (decatroacatro)

Penso, logo desisto de Lara Boubeta Bamio (Magali Xiz)

As cousas cambian, eso non quere dicir que melloren de Nuria Pereira Pinto (Mónica)

As portas da catedral de Nuria Vilán Prado (Ene UvePé)

Sentimentos consentidos de Lara Boubeta Bamio (Magali Xiz)

Os paxaros do Edén de Nuria Vilán Prado (Ene UvePé)

Lóstrego de Raquel Mejuto González (Luarada)

 

A comezos do próximo curso contamos con que estean xa dispoñibles as postais coas ilustracións dos tres microrrelatos gañadores. Poderedes atopalas nas vosas facultades da Universidade de Vigo.

 

Por último, grazas a todas as persoas que contribuístes a que o Quintal Literario fose posible, ben compartindo con nosoutros os vosos pequenos relatos, ben seguindo as actualizacións do blogue para ler os textos participantes, ben dándoo a coñecer entre as vosas amizades. Moitas grazas a todos.

 

WordPress Themes