Quintal Literario – XCIII – Un soño

Un soño

Toca madrugar! Ningún problema, imos alá!

Día agardado para calquera afeccionado despois de quilómetros andar, por fin toca escoller o axeitado lugar. Xa a piques de comezar, escoito os coches chegar que me fan imaxinar, que algún día eu poderei acadar o meu soño de pilotar. “É un soño por cumprir que del non podo vivir”.

Biela

Quintal Literario – XCII – Herdanza

Herdanza

Levaban xeración queixándose dos sendeiros que escollía o líder da manada para chegar os prados onde pastaban. Queixábanse tamén da calidade do pasto e por suposto, das condicións nas que tiñan que inxerir aquelas herbas. Pero nunca propuxeron alternativa algunha porque entón os seus futuros fillos non terían de que queixarse.

Misántropa

Quintal Literario – XCI – Polas mañás

Polas mañás

Ela era bonita. Bonita no sentido de perderte nos seus ollos durante un período indeterminado de tempo sen que nin sequera poidas darte conta do que está acontecendo o teu redor e sen ter a mínima percepción de que o tempo está pasando. Entón dinme conta de que volvera perder o autobús.

Misántropa

Quintal Literario – XC – Sementando liberdade

Sementando liberdade

Un asubío de esperanza. Un berro ao vento. Unha mensaxe ao futuro. Antonio voou sobre o vento chiando un canto á liberdade. As súas palabras choveron sobre Vigo animando á rendición da tiranía. Pero so foi iso, un berro. A vitoria do sublevados na Galiza xa era unha realidade. Pero non foi en balde, hoxe medra a semente.

Fou

Quintal Literario – LXXXIX – Treboada

Treboada

Navego por unha sociedade onde prima o poder económico, a hipocrisía e o engano. Os ventos sopran feroces e ao fondo achégase unha tempestade onde a crise económica e social fará a miña pequena gameliña cambalear. Alcúmanme “O Pirata”, sabedes por qué?. Porque os meus tres tesouros máis prezados son: o amor, a serenidade e a liberdade. 

O Pirata

Quintal Literario – LXXXVIII – O cemento armado

O cemento armado

Sentas ante o cemento armado. Ábrelo, desentráñalo, absórvelo.

Tralos sucios cementos armados, grises cementos armados ameazan con máis cemento armado.

Encendes o derradeiro cemento armado e inhalas o suave cemento armado.

No inexorable cemento armado final, repartido con indolencia polo cementucho armado de turno, vomitas todo o cementado.

Regresas ó teu frío e innóspito cemento armado.

O anónimo home gris

Quintal Literario – LXXXVII – Verde-esperanza

Verde-esperanza

Non podía crer o que vían os seus ollos, pero a descripción coincidía co que relataban os libros de historia. Era verde, pequerrechiña, e o que lle saían do pé tiñan que ser, cómo era o nome…follas! Comezaba a faltarlle o escaso osíxeno que lle proporcionaba a botella que levaba ó lombo. Pero ahí estaba a salvación… unha pranta.

Axóuxere

Quintal Literario – LXXXVI – Laio

Laio

Hoxe non teño nada claro, vello. Só percibo prosa hipócrita que me quenta a boca.

Na miña casa nunca para de chover. Os bardos morreron, os tempos pasaron. A costa é gris e os rumorosos arden. Imbéciles e escuros reinan no pobo de meu pai, que nunca amaron.

Esquecida a inxuria, fogar en coma profundo, esperta. Saúde e terra.

Esparadrapo

Quintal Literario – LXXXV – Princesa

Princesa

Non ía ser unha noite tranquila para Xesús. Nunca lle fora sinxelo gañar unhas moedas no casco vello. Pero qué outra opción tiña? As drogas cada día estaban máis caras e levaba meses sen traballo. Armándose de valor, Xesús vestiuse cos mellores zapatos de tacón que tiña e maquillouse como súa mai lle ensinara.

Parecía unha princesa.

Big Muff

Quintal Literario – LXXXIV – Complexos

Complexos

No espello véxome mal, teño o nariz enorme, sóbranme quilos, teño estómago, son baixiña.

De súpeto dor nas pernas, fállanme. Ó médico: hai que operar, é conxénito. Quedo nunha cadeira de rodas meses, os nenos pequenos. ¿O meo soño?, camiñar. Xa non me vexo gorda nin nariz longo, quero camiñar, soñar, criar os meus nenos… Xa camiño, son feliz.

Agradecida

WordPress Themes