Quintal Literario – XLVII – Polos opostos

Polos opostos

Sempre me dixeron que non debía acercarme á fronteira, que el non eran coma nós. A xente pensaba  que éramos como a auga e o aceite,  polos totalmente opostos. Realmente iso era o que tanto me atraía.  Meus pais dicían que el non pertencía o meu mundo, pero eles non sabían que o meu mundo era el.

Leis

Quintal Literario – XLVI – Realización das ideas

Realización das ideas

No bookcrossing da biblioteca atopei un atlas do corpo humano, A interpretación dos soños de Froid, O libro magno de san cipriano, O retorno dos bruxos, O mundo imaxinario, A luz dos desnortados, Meta-relatos, Tratado do amor universal e A sabedoría do TAO. Ela escolleu un libro de ilustración hiperrealista de animais e deixou un que se titulaba: Visualización creativa.

Vaidade Agarro

Quintal Literario – XLV – As cousas cambian, eso non quere dicir que melloren

As cousas cambian, eso non quere dicir que melloren

As cousas cambian, o tempo corre intrépido e indiferente ao que ocorre o seu arredor. Tic, tac, sen apenas darche conta o teu mellor amigo é un descoñecido, tic, tac, sen intuílo quedaches sen tempo para soñar.

Aseguran que o tempo todo o arranxa, por desgraza, non sempre é así xa que o cambio non sempre significa melloría.

Mónica

 

Quintal Literario – XLIV – No gume do coitelo

No gume do coitelo

E quen resiste, día a día, saltando dunha baldosa para outra na orde establecida? De cando en vez racha unha… e amolouse o conto. Que miña nai, a túa, están no hospital? Para alá vou eu, sen sangue nas veas, por se hai que doar sangue. Non só por iso, vou para chorar, porque chorar é o que máis necesito.

Estevinho

Quintal Literario – XLIII – Malik e Ana

Malik e Ana

O suave movemento do vagón pechou os seus ollos.

Falaron.

Instintivamente votou a man ao bolso.

Chovera.

As moedas se espallaron ruidosas pola rúa.

Cando levantou a vista xa era tarde.

Facía sete anos que saíra do pobo.

De neno sentábase á sombra daquela árbore e deixaba voar a imaxinación ollando o ceo infinito.

Paduche

Quintal Literario – XLII – Berros

Berros

Afastáronna de súa nai. Ela ficou dentro do carro bruando o nome da súa filla, aterrorizada. Barrufaron o seu carro dun líquido noxento; prendéronlle lume. A súa filla, esgazada pola separación; choraba desconsolada. Correu cara á súa nai, mais, non chegou a tempo: unha bala acadou a súa cabeza.

Literuxío

Quintal Literario – XLI – Refugallos

Refugallos

As cascas das pipas ao lado das latas de olivas con antxoa e os bricks de zume baleiros. Tan baleiros e exprimidos coma min, como a miña capacidade para comprender. Inaproveitables, inservibles, consumidos. Refugallos que conservan a estrutura pero que non conteñen NADA.

(Hai panos de papel ciscados polo chan e todos gardan bágoas co teu nome)

Orballo

Quintal Literario – XL – Ecofeminismo

Ecofeminismo

Nin Reis Magos, nin Papá Noel nin Apalpador. Eu creo nas Sereas. Sereas con maiúsculas. Non por seren medias mulleres valen a metade que eses homes barbudos que nin nadar saben. Unha Serea salvou o meu avó ao caer da chalana, alimentouno do seu lombo e devolveuno a porto. Decidido. De vello, quero ser Serea… pero de auga doce.

Denantes…

Quintal Literario – XXXIX – Non ao desaloxo!

Isto é vida! Quentiño, con comida a fartar e música de dentista. Que máis podo pedir!

Din que xa é hora, que a lúa está en non sei que fase e que foron nove meses durísimos para ti.

Non quero cortar esa tripa umbilical que nos une. Decidido, vou deseñar as pancartas, grandes e con maiúsculas fosforescentes: NON AO DESALOXO!

dádá

Quintal Literario – XXXVIII – Loanza aos desaparecidos

Loanza aos desaparecidos

Desaparecidos coma se vos tivesen comido, esfumados de súbito entre as brétemas que recorrentemente vos envolven para purificarvos… Vós, que fielmente ata entón nos teriades servido, que sufridos e incansables nos teriades abrigado, que paso tras paso, día tras día, nos teriades acompañado… Decídeme, os meus esvaecidos calcetíns tras o lavado, onde demos vos metestes?

Hashire

WordPress Themes