Quintal Literario – XXXVI – Carrapuchiña liberada

Carrapuchiña liberada

Víronse nun bar. Ela levaba un móbil de carrapucha vermella. El faloulle do atallo á felicidade encamiñándoa pola calexa de firmes adoquís detrás do GADIS.

Feroz comeulle a carne e chuchoulle os xugos mentres o cazador ficaba prendado dun partido de fútbol.

Carrapuchiña, esquecida por sempre a encarga coa bruxa do asilo, ouveou de pracer.

Gala da Fraga

Quintal Literario – XXXV – Fogar antiadherente

Fogar antiadherente

Vivo nun mundo de deterxente concentrado. Cada día as paredes da tixola son máis e máis altas. Botan, quentan e revolven. Afánanse por nos xuntar. Todo remata. As gotas de aceite se espallan para bater contra as paredes da tixola antiadherente.

-Cala, escoita.

Xa chegou… é o momento de saltar!

Paduche

Quintal Literario – XXXIV – Crack

Crack

-Serás un crack -dicíanme polo meu talento xogando ao fútbol.
Crack. Así soou o meu xeonllo ao romperse.
Crack.  Foi o que comecei a fumar tras saber que non podería seguir xogando.
Crack. Foi o ruído que fixo o meu corazón tras deixarme a miña moza por drogadicto.
Crack. Fixo a cela ao cerrarse
A miña biografía resumida nunha palabra.

decatroacatro

Quintal Literario – XXXIII – Un cadro familiar

Un cadro familiar

Ela atendendo a súa filla; a miña filla xogando coa súa filla; a súa nai na cociña e eu no soportal ollando a escena. O resultado, para a miña sorpresa, era un cadro familiar. Tiven unha sensación estraña. Eu sentía que aquel cadro era o segredo máis íntimo que nunca contara a ninguén.

Literuxío

Quintal Literario – XXXII – Coniunctis viribus

Coniunctis viribus

A gota de choiva caeu nunha folla de castiñeiro. ¿Qué pode facer unha pinga? Sen embargo, esvarou para precipitarse no regacho que, coa chuvia do outono volvera á vida. O río acolleu a aquel regato e tamén a outros moitos, crecendo e rebordando polas beiras. A forza da auga arrastrou terra, polas e pedras, ata perderse na inmensidade do mar.

O moucho pensante

Quintal Literario – XXXI – Baixando da peaña

Baixando da peaña

Pasaba o día na solaina da casa, mirando ó lonxe e vendo ás nubes pasar; ó Sol saír e ocultarse tralo horizonte; ás árbores agromar, murchar e espirse. Unha mañá decidiu baixar e ser protagonista daquela vida, en vez de limitarse a ser observador. Dende entón, as nubes, os crepúsculos e as árbores lle pareceron moito máis fermosos que antes.

O moucho pensante

Quintal Literario – XXX – Triste lembranza

Triste lembranza

Sempre se lembraba de ela ó pasar por diante daquela tenda: dos seus ollos verdes, da súa voz tenra, do seu sorriso temesiño. Non era quen de esquecer o día en que, alí mesmo, na beirarrúa, lle dixo que a aquela vida non lle atopaba sentido. Decidiu que non podía vivir con aquel recordo e deixou de pasar por alí.

O moucho pensante

Quintal Literario – XXIX – Trío

Trío

Tres corpos. Trinta dedos áxiles percorrendo rectas e curvas, pulsando lugares que fan vibrar o corpo. Molla os beizos, no comezo dun berro de ledicia que remata nun xemido agudo, agonizante; os ollos pechados para non perder ningunha sensación mentres o corazón quere saír do peito, desbordado pola mestura de sentimentos.

Trinta dedos, un trío: contrabaixo, piano e saxo.

Eu Ter Pe

Quintal Literario – XXVIII – Gaivotas

Gaivotas

Nena de interior, sempre soñara con ser unha gaivota transatlántica,  ave viaxeira  que cruza azuis océanos polo ceo infinito; pero cando cheguei á costa descubrín que as gaivotas de agora viaxan nos camións do peixe que van a Madrid.  Contentareime con ser gaivota bandoleira, alíxera Robin Hood que rouba comida nas terrazas dos ricos para darlla ós pobres.

Charrán

WordPress Themes