Votación do Quintal Literario

Queda aberta a votación popular para elixir os gañadores do Quintal Literario!

Tedes desde este momento ata o próximo domingo, 25 de maio, ás 23.59. Premede nesta ligazón e accederedes directamente ao cuestionario en liña.

Lembrade que podedes ler todos os textos na categoría Quintal Literario para dar o voso veredito. (Si, sabemos que non é nada fácil). Logo, a vosa opinión unirase a do xurado físico do xeito que se indica nas nosas bases.

Por último, só nos queda dicirvos que podedes votar cantos textos queirades, pero recomendamos que non votedes o mesmo quintal varias veces para que a votación sexa máis xusta. Moitas grazas por participardes!

Boa lectura e sorte a todos os concursantes!

Quintal Literario – CII – Os paxaros do Edén

Os paxaros do Edén

Coma o paxaro que regresa ao xardín que abandonara un día e pregunta ao tempo se hibernara na súa ausencia. Se deixara as ramas espidas, envoltas na caduca nudez do outono. Se as follas agardaran, murchas e alfombradas, musitando o seu nome.

Coma o paxaro, volvín ao Edén da nosa lembranza, debullando baixo as árbores o amor que soterrara.

Ene Uvepé

Quintal Literario – CI – Ás portas da catedral

Ás portas da catedral

De un tempo a esta parte non pido máis que devir en pedra e asentarme entre eses muros que ao teu arredor alzaches. Quixese ser tempo e clausura na catedral de quimera que habitas, ollar o mundo tras as vidreiras da túa soidade e xogar, silente, coas túas tebras.

Se puidese, sería pórtico nesas cinzas que o teu porvir abafan.

Ene Uvepé

Quintal Literario – C – A matanza dun limón

A matanza dun limón

Con cada pinga do meu zume que caía no vaso sentíame máis seco, máis arruinado, máis débil, máis desesperanzado, máis desesperado, máis frustrado, máis vengativo,  máis enfadado, mentres o meu asasino exprimía todo o meu ser e o mesturaba con azucre e auga. Morrín a mans dun depravado que nin sequera rematou de beber as miñas entrañas.

SaraCenoria

Quintal Literario – XCIX – Onde vai o que perdemos

Onde vai o que perdemos

Atopábame mergullado en todos aqueles calcetíns e esperanzas perdidas, nas chaves e o tempo que alguén deixou marchar, nas bufandas e as palabras que nunca volverán. Estaba a piques ir polo sangue nutrindo o corpo do monstro que nos comera a tódolos perdidos.

Pero había no estómago un coitelo preto do corazón que cun último impulso podía rematar con todo…

SaraCenoria

 

Quintal Literario – XCVIII – Terra

Terra

Pecho os ollos e respiro, encho os pulmóns de morriña. Ule a sal, chuvia e monte.

Soan as badaladas dunha fermosa catedral, ó norte un faro ilumina aos mariñeiros; percorro no maxín a muralla e as pontes doutra civilización; o meu corpo é acariciado pola area dunhas máxicas illas.

Pecho os ollos e respiro, encho os pulmóns de ti, Galicia.

Luarada

Quintal Literario – XCVII – Lóstrego

Lóstrego

Chove intensamente no canal. O caudal crece con forza. E entón, o comprendo.

Non son eu quen debe caer, senón ti. A auga levarase a túa rabia, lavará as miñas feridas, borrará os teus golpes e enxordecerá a túa voz. A última das miñas bágoas queda naquel recuncho de inverno.

Os meus ollos nunca máis che regalarán gotas de chuvia.

Luarada

Quintal Literario – XCVI – Punto final

Punto final

Noite. Silencio. O ruído do casco dunha bala; a última bala.

Un río de sangue vermello sobre as lastras. Unha rosa branca ao lado do corpo, unha mofa da flor ca vítima acostumaba agasallar.

Eran tempos difíciles. Crime político, dirían.

A verdade agochada: rematar ca vida do dono do seu único anhelo, o corazón dunha muller, tan bela como republicana.

Luarada

Quintal Literario – XCV – Soños e castelurismos

Soños e castelurismos

Naquela carretera enxerguei un calamar xigante apoltronado nunha silla. Nun tentáculo, unha escoba. Noutro, un tenedor. Faltáballe un tornillo.

-Só é un sono sen corrector ortográfico! -acordei aliviada.

Naquela estrada enxerguei unha lura xigante apoltronada nunha cadeira. Nun tentáculo, unha vasoira. Noutro, un garfo. Faltáballe un parafuso.

-Ou unha fervura! -matizou o cefalópodo co dicionario noutra ventosa.

OrtoGal

Quintal Literario – XCIV – Esculca

Esculca

Observou o seu rostro con atención e notou que algo mudara. Os seus beizos xa non tiñan a tensión de outrora. As súas pálpebras, lixeiramente caídas, outorgábanlle á súa face un halo de cansazo. Era o maior experto do mundo na materia e xulgaba con consciencia. Espetoulle: “Ti xa non me queres”. Ela fitouno coma se quedara espida de súpeto.

Dan Grushenko

WordPress Themes