Quintal Literario – XIV – O naipelo

O naipelo

Pequenas, redondas.  Preto, lonxe. Veñen, río. Río a gargalladas. Van e sinto o frío de saber que caen no baleiro.

Grande, longa, aberta. Pequenas perlas a rolar pola pel cálida dos bicos. Fala. Fala e as boliñas de carne voltan no meu vai-ven.

“Dedas”. Ela di “dedas”. Eu berro a felicidade absoluta en risadas harmónicas e discordantes.

Ismael Figueirido

Quintal Literario – XIII – 94 anos

94 anos

A miña historia é longa pero non teño tempo que perder. Nacín e morrín en Galicia, a terra amada pola natureza e mais por min. Os meus fillos son a miña vida e os netos a miña felicidade. Quero irme ó outro lado cun sorriso, tal e como foi a miña vida. Vivín ben, e morrín mellor.

Fucy

Quintal Literario – XII – Esperanza

Esperanza

-Señor detective, creo que o meu marido me engana.
-Que lle fai pensar iso, señora?
-El dime todos os días por teléfono que vai vir pola noite e nunca aparece.
-Entendo, volvo nun momento.
-A paciente segue pensando que o seu marido vive. O que me preocupa é con quen fala por teléfono todas as noites.

Fucy

Quintal Literario – XI – Vive, ama, chora, loita

Vive, ama, chora, loita

Vive para ser amado e chora para que a loita sirva para algo, nunca deixes os teus soños sen cumprir e non cerres os teus pensamentos só porque os demais non os acepten. Pensa. Loita para facerte forte, deixa ás preocupacións a un lado e forma unha muralla tan forte que non poda ser derruída por ninguén.

Fucy

Quintal Literario – X – Sentimentos consentidos

Sentimentos consentidos

Comeza unha nova batalla dos sentimentos contra a razón, onde o medo xoga unha mala pasada e o amor loita coa insatisfacción. A alegría, moi confiada,  non tarda en tornarse amargura, a envexa e os celos son encadeados pola loucura. A felicidade remata moi mal parada por confiar na tristura. Sae vitoriosa a razón pero a tregua pouco dura.

Magali Xiz

Quintal Literario – IX – O cabelo escuro

O cabelo escuro

O cabelo escuro, dun negro tan profundo que mesmo o acibeche tería envexa á súa beira. Os beizos grosos e vermellos, debuxando un tímido e insinuante sorriso. E aqueles ollos verdes que, cando se pousaban nel, eran capaces de analizar todo o seu interior, todo o seu ser.

Era a imaxe daquel ollar a que lle impedía durmir esa noite.

Cerdeira

Quintal Literario – VIII – O patrón

O patrón

-Calade todos!

O patrón petou na mesa impondo na concurrencia a urxencia de afogaren o pensamento no fondo dos chupitos de licor. Porén, sabéndose observado, relaxou o puño aniñándoo na outra man.

El, o Señorito, o de traxe, vomitou de novo a mesma orde.

-Un café.

-Non, alcalde, neste establecemento non servimos a ladróns. Póñaseme fóra e deixe de foder.

Ismael Figueirido

Quintal Literario – VII – Estatuas

Estatuas

A estatua mirábame. Pupilas pulidas en mármore que me asexaban. Afasteime, pero o magnetismo da súa inerte ollada aumentaba coa distancia. Cada vez pesaban máis as pegadas, ata que o feitizo me atrapou completamente. Fiquei quedo un intre, eterno. Un chiscar, e ao abrir os ollos vinme marchar. Pero xa non era eu. Agora eu era a estatua.

Anvidos

 

Quintal Literario – VI – Penso, logo desisto

Penso, logo desisto

Penso que che queda ben ese sorriso pero para sorrir é necesario chorar, que podo bicarte sen présa e logo para facerte o amor acelerar. Penso que non é doado o principio pero é aínda máis difícil rematar. Que por moitas veces que me tropece non podería vivir sen camiñar. Penso, logo desisto e deixo de pensar.

Magali Xiz

Quintal Literario – V – Crime perfecto

Crime perfecto

Gabeei ao castiñeiro e o que vin xeoume o sangue. Ela abalanzouse sobre o pescozo da súa vítima e, cun rápido movemento, segouno de raíz. Eu vin, horrorizado, cómo a cabeza del saía despedida…

Acababan de facer o amor.

O seu destino era só procrear e morrer.

É o que ten… ser mantis.

Rascacheira

WordPress Themes