Quintal Literario – IV – Os dous de sempre

Os dous de sempre

Eran dous sempre xuntos: el e ela, ela e el. Queríanse, amábanse, adorábanse. Sempre querían e sempre estaban xuntos, sempre eran el e ela, sempre eran ela e el.

Certo día ela, ou el, decidiu, deixalo todo, marchou sen dicir nada sen dar explicacións. E xa nunca máis foron el e ela, e xa nunca máis foron ela e el.

Will Williams Jones

Quintal Literario – III – Resilencia galega

Resilencia Galega

Non debo renderme non podo caer no seu xogo é perder non sobrepoñerme é iso sempre o  fixen sexualidade clase lingua nación sempre o fixemos porque eu tamén son nós si iso é si hai xente que espera nada remata aquí.

Engole dous dentes con vontade de os recuperar e cospe á terra sangue.

Espantallo

Quintal Literario – II – Amúo

Amúo

Eu estaba amuada, convencida de que non ía a saír na foto, celosa das nenas que estaban a carón da mestra. Case formando parte do marco pero saín, reflectíndose na miña faciana a inxustiza que estaba a padecer. Os meus ollos, vestidos de sinceridade, fitaban ao fotógrafo. A miña mente tomaba conciencia do sitio ao que me querían levar.

Marica de Gondelle

Quintal Literario – I – E as flores chegaron ó día seguinte

E as flores chegaron ó día seguinte

Onte fun visitar a Maruxa Riveiro. Sentín curiosidade ó vela pois, a pesar da miña mala fama, acolleume cos brazos abertos. Non estaba anoxada pola miña presenza senón máis ben algo molesta pola miña tardanza. Por primeira vez sentín que alguén levaba tempo na miña procura: “Despois de 20 anos en coma xa era hora de que chegaras, Morte” dixo.

Pipistrello

WordPress Themes