Quintal Literario – XXIV – Verdade que non?

Verdade que non?

-De verdade que non o entendo . Eu non sei que teima ten todo o mundo co mesmo. Estarán todos na miña contra? Non mo explico… Só te teño a ti. Así que dime: verdade que non estou tolo?

Só se escoitou o rubir do vento. A árbore coa que estaba falando non contestou.

decatroacatro

Quintal Literario – XXIII – Presaxio vermello

Presaxio vermello

Era unha noite fría e silenciosa, a lúa colgaba do ceo cun brillo avermellado, case coma se tratase de advertirme do que ía pasar.

Por suposto estou a falar da noite na que tiven que deixar á miña familia, para ir en busca de opurtunidades e diñeiro que ofrecían outra clase de homes. 

Volvín rico, rico en sangue e dor.

Lóbrego

Quintal Literario – XXII – Amor de supermercado

Amor de supermercado

Nos pementos, no brick de leite e na bandexa de porexpán coa carne morta, rozan eles a morna pel das mans.

El a esquencer o regueiro de malhumorados clientes. Ela a perder os adolescentes ollos azuis nos agarimos do sorriso adulto, afouto, orgulloso da conquista, que el lle adica.

Cambian moedas. Cambian desexos en saloucos calados pola megafonía.

Fran Hermida

Quintal Literario – XXI – Recortes

Recortes

A última imaxe grabada na súa retina: Lola.

Lola, feble, calva, demacrada, vestida cunha saia hippy e unha blusa de nena a lle danzar nos ombreiros.

Lola, húmedas as máns co quecer do sangue dela, da doutora da mutua. Da doutora Recorte.

Lola, fitándoa cunha forza perdida e bisbándolle ao ouvido “agora as dúas pasamos os nosos últimos días traballando”.

Irene Lamas

Quintal Literario – XX – Segredo de familia

Segredo de familia

Estaba de aniversario e levou os colegas de merenda á fraga. A lúa chea fixo que a festa se alongase más do debido. Cerca da media noite, o anfitrión desapareceu. De alí a pouco, ouveou o lobo. Os amigos, asustados, fuxiron sen agardar por el. Foron avisar ós pais, e non entenderon a resposta:

-Xa volverá cando abra o día…

Lúa

Quintal Literario – XIX – Non

Non

Non é máis ca presente. Perdeu polo camiño un pasado inmenso e descoñece que algunha vez tivo futuro. Non distingue entre soños e realidade, nin o solpor do amencer. Come por obrigación, máis menciñas ca alimentos. Non recoñece a filla que a coida nin a súa casa de sempre. Simplemente, vive. Porque non quere ou non sabe marchar.

Vida

Quintal Literario – XVIII – Metamorfose frustrada

Metamorfose frustrada

Primeiro apareceu o amargor na boca, insoportable. Os especialistas e as probas médicas máis sofisticadas non deron co mal. Despois foi a caída do cabelo e, no seu lugar, brotaron saramagos. Coas primeiras flores amarelas da cabeza, o corpo foise ensumindo, ata converterse nunha manchea de raíces enmarañadas que buscaban terra. E atopárona, pero despois da autopsia.

Saramago

Quintal Literario – XVII – Queiros de azucre e limón

Queiros de azucre e limón

Asustado, arrimoulle un anaco de pan con marmelo e saíu. Lambía o iogur como un canciño. Camiño ó río, o vello non atopou con ninguén para falar do fedorento que se lle metera na cociña. De volta, viuno diante da súa porta. Entón, colleu a escopeta e disparou. O animal ferido e doente achegouse: -Desculpe, meu señor, pero xa marchaba.

Demetrio

Quintal Literario – XVI – O home dos zapatos rotos

O home dos zapatos rotos

O home dos zapatos rotos quedou atrapado dentro dun pantalón. A onde o levarían eses pantalóns e qué aventuras lle depararían? Soamente esperaba non volver a atoparse coa xente das camisas grises. Entón agarrouse a unha estrela, colléndoa pola punta dos dedos. E viaxou mil lugares e miles de mundos.

Mórtimer

Quintal Literario – XV – Importante conversa

 Importante conversa

-Ti ámasme?
-Claro.
-Que serías capaz de facer por min?
-Non volver a verte xamais, non parar de facelo, coidarte, desprotexerte, amarrarte, soltarte, quererte, odiarte, subir, baixar, abrazarte, golpearte, axudarte e prexudicarte.
-Todo iso?. Estás segura?
-Si, fillo, agora sae do meu ventre, por favor.
-Vale mamá, falaremos outra vez nuns anos.

Fucy

WordPress Themes