Homenaxe a Bal y Gay

O pasado sábado 14 de decembro os amigos da nave das ideas argallaron unha homenaxe coma Deus manda ao musicólogo, compositor e axitador cultural Jesús Bal y Gay.  No Bar Hipólito xuntaronse unhas seis decenas de persoas para lembrar a vida de Bal y Gay da man do profesor Carlos Villanueva, e de saborear as melodías que compuxo e das que se alimentou o lucense da man de Paula Ríos, Samuel Diz e Abe Rábade.

Homenaxe a Bal y Gay - Vigo

Aquí vos deixamos un poema que escribiu o noso compañeiro Tato para a homenaxe. Nel fala das viaxes que fixeron Bal y Gay e Torner durante varios veráns por Galicia para recoller material para elaborar o Cancioneiro galego.

HOMENAXE A BAL Y GAY

Polos camiños camiñan

Torner e Bal y Gay,

na man papel e pluma

pra gardar a música do pobo

en inmortais partituras.

 

Ei van!

Polas corredoiras avanzan,

os mozos Torner e Bal y Gay,

alegrando á xente con contos e cantares.

Aló van!

 

Verán tras verán, seguindo os pasos de Pidal

van polos camiños da vida, con alegría, sen parar.

Aló van, eles dous gozando da grata compañía

daqueles que no bico un cantar levan, unha melodía.

 

Un pan e un compango, e unha boa compaña,

esa si que é regalía compañeiro!

Un socio, un amigo, percorrendo os camiños,

indo cara adiante ollando para atrás,

anotando do que escoitan aquilo que os fai gozar.

 

El e Torner poñendo música e letra en papel,

colectando nun cancioneiro as melodías do pobo galego.

Aló ían, Torner e Bal y Gay, sen sequera albiscar,

que o frío da longa ditadura enterraría moitas das cancións que oíran.

 

Bal y Gay,

o músico e compositor da patria,

que esbozou en cancións

as melodías da alma

desta nosa matria!

 

Bal y Gay,

ben puideran dicirche captador,

da música da alma,

da alma da xente

dos pobos da Terra.

Aí o vai,

o noso amigo Bal y Gay,

coas partituras na man!

 

El e Torner aló van, anotando sen parar,

nota tras nota, cantiga tras cantiga,

sen sospeitar sequera que en xullo do 36

o diaño da maldade, da xenreira e da envexa

apagaría o cantar dos corazóns na súa terra, Galicia.

 

Eles dous xa foron,

e ti que aínda es, compañeiro,

que queres ser?

 

Eles dous xa fixeron,

e ti irmán,

que vas facer?

 

Eles dous aló van,

e ti amigo,

cara onde vas?

 

Polos camiños camiñan

Torner e Bal y Gay,

na man papel e pluma

pra gardar a música do pobo

en inmortais partituras.

 

Ei van!

Polas corredoiras avanzan,

os mozos Torner e Bal y Gay,

alegrando á xente con contos e cantares.

Aló van!

 

E para inmortalizar aquel instante a seguinte fotografía, só falta a nosa querida Chorima Lucecú.

Homenaxe a Bal y Gay - Bar Hipólito Vigo

 

WordPress Themes