No día das artes galegas, Trabalingua lembra a Bal y Gay

O colectivo A Nave das Ideas pensa, con acerto, que é posible celebrarmos un día das Artes Galegas, para o que escolleron o día 14 de decembro. Nós estamos de acordo, e por iso vos convidamos a asistir ao acto de homenaxe ao artista que este ano merece recoñecemento especial, o músico e intelectual Bal y Gay. A súa actividade no campo da música centrouse principalmente en dous aspectos: a composición de música clásica e a musicoloxía, orientada principalmente cara ao estudo da tradición musical galega, mais tamén da obra doutros compositores, como Chopin e Debussy.

Na súa faceta de compositor, escribiu obras para diferentes orgánicos instrumentais: clarinete, canto, piano, orquestra de cordas, orquestra sinfónica… Algunhas delas foron estreadas en México, onde se tivo que exiliar a partir de 1936, por razóns ben coñecidas por todos. Por dar unha idea da súa obra, podedes escoitar o Adagio do seu Concerto Grosso (1953), unha obra en homenaxe a J.S. Bach en que reinterpreta o estilo Barroco deste autor «a través das lentes de Stravinsky», como salientaba o consello da Cultura Galega.

O seu estilo persoal, como se observa, achégase á tradición dos grandes compositores anteriores, aínda que, como recorda Carlos Villanueva, sempre «predicou o achegamento á música de vangarda e a ruptura co folclorismo» que caracterizaba a maioría de composicións que se facían a principios de século no Estado.

Podedes escoitar unha obra dun carácter diferente, a súa Pastoral, que Samuel Diz interpreta á guitarra nestoutro vídeo

 Antes da década dos 60, con todo, interrompe a súa actividade neste ámbito, algo que explica así, nas súas palabras: «deixei de compor hai moitos anos por falta de ganas, por falta de necesidade, pola mesma razón pola que cada vez que compuxen fíxeno por necesidade imperiosa e insoslaiábel de expresarme». Aínda así, nas décadas próximas mantivo o contacto coa música culta e, por exemplo, foi profesor dos recoñecidos cursos de Música en Compostela. Durante toda a súa vida mantivo contacto con recoñecidos compositores da súa época, como Manuel de Falla ou o ruso Stravinsky, con quen aparece na foto.

No ámbito da música tradicional, elaborou, xunto co asturiano Eduardo Martínez Torner, o primeiro cancioneiro recollido integramente no rural galego. O libro, porén, non se publicou até 1973.

Moitas agrupacións musicais galegas, tanto do mundo da música puramente tradicional como do folk empregaron as melodías recollidas no cancioneiro. Probablemente vos soen Auga das bailadeiras, interpretada por Milladoiro, o Alalá de Vilalba, na versión de Susana Seivane, ou calquera das que podedes escoitar nesta ligazón. Todas estas melodías populares, e outras moitas máis podédelas descubrir no cancioneiro, que foi reeditado recentemente pola Fundación Barrié de la Maza.

En fin, como vedes Bal y Gay é un intelectual galego que ben vale a pena lembrar… Esperámosvos a todos no Hipólito, na conmemoración que organiza A Nave das Ideas.

WordPress Themes