Cada semana un recurso: o bUSCatermos

Hoxe en día é moi común oír falar de crowdfunding, branding e un longuísimo etcétera de plabras inglesas. Mais por que as imos usar cando hai expresións xa acuñadas na nosa lingua para designa-la mesma realidade? Hoxe presentámosvos unha ferramenta esencial para solucionar este problema: o bUSCatermos.

O bUSCatermos é unha base de datos terminolóxica que recolle multitude de vocábulos pertencentes ás máis variadas áreas de especialización, desde a botánica ata a informática. Para cada concepto hai súa ficha (preme para ver un exemplo) na que se dá conta da área temática á que pertence e as diferentes expresións equivalentes que se poden utilizar clasificadas por lingua (galego, catalán, español, portugués, inglés, francés, italiano etc.). A expresión marcada en azul, o encabezamento da ficha, correspóndese coa opción de uso preferente en galego e as estrelas que aparecen ó lado son unha marca de valoración, é dicir, do seu grao de uso e aplicación. Tamén se inclúen as fontes das que se extraen as expresións galegas e, en certos casos, mesmo unha definición do concepto.

Hai dous sistemas de busca: a simple e a avanzada. Con respecto á busca simple só cómpre dicir que se pode introducir na pantalla de busca calquera expresión, estea na lingua que estea. Ademais, pódese usa-lo asterisco para substituír unha ou máis letras cando non estamos seguros de como se escribe a palabra en cuestión (p. ex. cr*funding). En calquera dos dous casos, apareceranos unha lista de fichas que gardan correspondencia coa palabra ou termos que introducimos.

A busca avanzada permite refina-la busca para que os resultados se axusten o máximo posible ó que esperamos. Non hai que encher tódolos campos, é suficiente con só uns cantos, por exemplo, os máis importantes: lingua, área temática e denominación. Nalgúns casos pode ser útil tamén a de «tipo de palabras», en casos en que un verbo e un substantivo teñan a mesma forma e só nos interese o substantivo.

Xa para rematar, comentámosvos que esta ferramenta tamén aposta polas novas tecnoloxías e xa está dispoñible para dispositivos móbiles (GooglePlay e iTunes). Animámosvos a que a descarguedes e descubrades tódalas posibilidades que ofrece a nosa lingua nos campos temáticos máis diversos. Abur!

WordPress Themes