Revista Trabalingua

Xa logo se cumpren catro meses desde que a Asociación Trabalingua presentámo-la nosa revista. Para aqueles que aínda non tivestes ocasión de botarlle unha ollada ou simplimente queredes volvela repasar, hoxe traémosvola en formato dixital.

Botádelle un ollo tamén ó artigo que se publicara no DUVI

Homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O pasado 4 de marzo celebrouse na Universidade de Vigo o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, o seu 1.º Doutor Honoris Causa. A Asociación Trabalingua, xunto co presidente da Fundación Penzol, Zulueta de Haz, coa irmá do homenaxeado, Ana M.ª Fernández del Riego, co vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas e mais cos Comités, participamos nunha homenaxe na que se descubriu unha placa conmemorativa a carón do pradairo que se plantara hai dous anos, cando finou Don Paco.

O presidente da Asociación Trabalingua, Anxo Tato Arias, pronunciou durante o acto estas acertadas e emotivas palabras:

Benqueridas amigas e amigos:

Hai dous anos, un gran home, Don Francisco Fernández Del Riego, deixaba este mundo e un pradairo na súa honra comezaba a botar raíces no CUVI. Raíces que, como hoxe vemos, son tan fondas como a pegada que Don Paco, deixou no noso pobo.

O estudantado da Universidade de Vigo, non quere esquecer a súa persoa e todo que fixo pola nosa nación. Así, as persoas que formamos a asociación Trabalingua, igual que aquel mércores 23 de marzo axudabamos cunha pa a transplantar a este pradairo, aquí estamos outra vez para render homenaxe a este ilustre galeguista, a este bo e xeneroso.

E aínda que non o coñecemos persoalmente, dirémoslle Don Paco. Porque coa semblanza que Malores Villanueva fixo deste home naquela homenaxe, púxolle rostro coñecido e alma a aquel nome e fixo que Del Riego formase parte de todos nós.

Don Paco pertenceu aos intelectuais do grupo Nós, traballou no Seminario de Estudos Galegos e foi membro do Partido Galeguista. Despois da guerra xunto con outros, como Xaime Illa e Ramón Piñeiro, fundou a Editorial Galaxia. El foi tamén o inventor de algo tan noso como o Día Das Letras Galegas, e ocupou o cargo de presidente da Real Academia Galega ata finais de 2001.

Nesta data tan emotiva quixera destacar de Don Paco a súa ilusión, o seu entusiasmo e optimismo, e a súa vontade de conciliación e o seu exemplo galeguizador.

Don Paco é exemplo dese entusiasmo que nunca se debe abandonar. Que grande sería a ilusión deste home da xeración Nós para mantela viva aínda despois da guerra civil!

Don Paco é exemplo de esperanza. Así, cando o golpe fascista do 36 lles segou a vida e soños a tantos amigos seus, non perdeu a esperanza e con optimismo axudou a prender un facho. Naquela longa noite de pedra, uns poucos valentes e visionarios prenderon un facho de luz e lume, que deu en chamarse Galaxia. Alí se xuntaron os vellos galeguistas e, baixo o seu paraugas, conseguiron transmitirlle aos máis novos o vello soño de Galiza. Desta maneira, eles lograron que o galeguismo non esmorecese.

E por último, Don Paco é tamén exemplo de conciliación. De unión entre todos os que levamos a Galicia no corazón, de unión para participar xuntos na construción do noso país.

Para rematar, igual que seguramente diría o noso estimado Francisco, queremos lembrarvos a todos vós o que nos une. Nestes tempos de incerteza, de descomposición social, hai tantas e tan variadas ideoloxías e posturas ante o momento que nos tocou vivir, que a veces semella que non temos nada en común e así é que se ven nalgúns escenarios loitas fratricidas. E iso non é certo. Lembremos que aínda con ideas distintas, ti e máis eu somos galegas e galegos, somos herdeiros dunha longa tradición, dunha cultura con séculos de historia. Só tendo claro eses lazos, o noso pobo poderá afrontar con éxito os avatares deste novo século.

Que quede nos nosos corazóns a memoria de Francisco Fernańdez del Riego, e a de toda esa romaría infinda de homes e mulleres que axudaron a construír este país.

Saúde.

Homenaxe a Fernández del Riego no seu centenario

Dous anos hai daquela homenaxe na que participou Trabalingua e na que se plantou un pradairo para Fernández del Riego. Agora ese pradairo, rexo e forte, levará un placa para lembrar ao insignie galeguista.

“No centenario do seu nacemento e en plena celebración do Ano Francisco Fernández del Riego, a Universidade súmase á conmemoración coa organización dunha homenaxe coa que lembrar a súa figura. Será o vindeiro luns e incluirá o descubrimento dunha placa ao pé do pradairo plantado na súa honra en 2010 nos xardíns do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, CACTI, e a mesa redonda Lembranza e semblanza de D. Paco del Riego.”

“Organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Fundación Penzol, o acto de homenaxe contará coa participación de Alfonso Zulueta de Haz, presidente da Fundación, e o vicerreitor Xosé Henrique Costas, aos que máis tarde se unirán para participar na mesa redonda a catedrática de Filoloxía Galega, Camiño Noia; a profesora de Lingua Galega da Universidade de Barcelona, Malores Villanueva; a irmá de Don Paco, Ana Mª Fernández del Riego; e o director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez. Ademais, contarase tamén coa colaboración de representantes das asociacións de estudantes Comités e Trabalingua “un bo xeito de que quede representada a cadea xeracional que non racha”, subliña Costas, en referencia á cadea xeracional Zulueta-Costas-alumnado.”
Nova do Duvi

Aquí vos deixamos para o recordo, o vídeo daquela mañá soleada de hai dous anos, no que un pradario foi plantado no CUVI para honra do 1º doutor honoris causa da Universidade de Vigo

Homenaxe Paco del Riego from trabalingua on Vimeo.

WordPress Themes