Trasnada 11.1 punto de encontro para tradutores de software libre

A Asociación Proxecto Trasno organiza mañá sábado a Trasnada 11.1.

A trasnada é o evento que reune aos tradutores de software libre ao galego. Celebrado por primeira vez en Ordes e despois outra vez na cidade das Burgas, desta volta a súa terceira edición celebrase na cidade olívica. Alí daremonos cita para fixar terminoloxía e expor ao público o noso traballo.

 

En que consiste?

 

A trasnada serve de punto de encontro para tradutores de software libre, aqueles que traballamos baixo o paraugas do Proxecto Trasno. O evento serve de sesión de traballo. Estando enfocados en producir calidade, o tema de debate fundamental será a terminoloxía no ámbito da tradución. Por outra banda, serve de escaparate ao público que queira coñecer o proxecto, a xente que o conforma e como punto de aprendizaxe para todos os interesados en colaborar na localización.

 

Cando e Onde?

 

A trasnada 11.1 terá lugar este 12 de Novembro nunha sala cedida por Amigos da Terra, na Cidade de Vigo, rúa Policarpo Sanz, 17, na entreplanta, xusto en fronte do Centro Social de Novacaixagalicia.

+info: http://www.trasno.net/trasnada111

Cafés-teatro científicos

GOZA DA CIENCIA DUNHA FORMA DIFERENTE este venres 4 de Novembro ás 20:30 horas na cafetaría “ Tras do Marco” en Vigo.

Que son os cafés-teatro científicos?

Un grupo de docentes da Universidade da Coruña importou hai uns anos a fórmula do café científico de tradición anglosaxoa, e adaptouna á cultura galaica.
Os cafés científicos comezaron a desenvolverse en Galicia na Semana da Ciencia de 2006. Nese ano o persoal investigador do grupo NEUROcom, Casto Rivadulla e Xurxo Mariño, puxeron en funcionamento esta iniciativa co obxectivo de achegarlle o coñecemento científico a todo o mundo, dun xeito atractivo e divertido mais sen perder o rigor.
En palabras do propio Xurxo Mariño: «O noso espírito é de emboscada. En lugar de pedirlle á xente que veña vernos, imos nós a un bar popular e céntrico onde sempre hai xente».

En Vigo estarán Castro Rivadulla Fernández (Profesor da UDC), Pablo Arias Rodríguez (Investigador Grupo de Neurociencia) e César Goldi (actor)  falando sobre o cerebro. Agardámoste!

Os Cafés-teatro científicos tamén se realizarán en:
-Ourense – Xoves 17 de novembro – Cafetaría Auriense – 21.00 h
-Pontevedra – Xoves 10 de novembro – Pousada Indiana – 21.00 h

Organizan:
-Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo
-Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo
-Asociación Trabalingua

WordPress Themes