II Concurso Literario -33- Visións Manuelantoniás

PSEUDÓNIMO: Vltava

CATEGORÍA: poesía

TÍTULO: Visións Manuelantoniás

“ENCHERÉMO-LAS velas
coa luz náufraga da madrugada”,
aquela na que se agochan
as praias perdidas das illas sen nome,
e os cons, e as profundidades mariñas,
e os voos dos paxaros que migran.

Eu sei construír barcos e pombas de papel.
Os barcos pecorren as inmensidades ou os
adentros do mar ou o baleiro
e séntese vertixe nas súas marxes.
“Eu sei un himno xigante e estraño
que anuncia na noite da alma unha aurora,
e estas páxinas son dese himno
cadencias que o ar dilata nas sombras”.
Eu sei imaxinar e escribir en páxinas de papel.
Os cadernos en branco serven para trazar,
con anacos do meu interior,
un ou outro leit-motiv.
As pombas de papel non son pombas.
Non son sentimentos as palabras abandonadas
ou extraviadas nos poemas.

Quixera errática, profunda, desfreadamente.
Quixera que estiveses comigo
sen ter preciso de ler nin de ver,
de ser nin de ter.
Quixera non precisar vistas coma
as das abas sobre os ríos Sar, Ser e Sor.
Os homes pescando e cazando,
os homes cultivando a terra,
achandando os montes e devastando as fragas.
Os homes escribindo poemarios sobre as mulleres,
sobre o mar e sobre a morte
so o ceo e sobre a terra.
Os homes coas mulleres ou cos homes.

O poemario é un álbum, lectora ou lector,
unha rede, un atlas, unha crónica,
un almanaque, unha trémula memoria
de sabotaxes e rescates
entre o principio e a fin.
Urxe desprenderse das lembrazas.
Curioso, encadealas unhas tras outras
coma segredos ou declaracións.
Trazar benvidas, dicir adeuses entre ondas,
ventos, sombras e coma torsos estradas
case sempre a ningures.
Os minuteiros e os compases guiándonos
coma timoneis ou volantes
(versións perfectas dos guiadores).

As planicies dos reloxos contendo
os meus minutos e os teus minutos,
as ecuacións resolvendo os nosos saberes.
Os ollos, captándoo todo.
Escuma de océano nos cabelos,
friaxe do norte e nocturna nos ósos,
ilusións e certezas no sangue derramado
polas feridas exteriores e interiores.

Unha vela ou unha antena guiándome
na tormenta e na travesía,
un título para un libro
impreso e cosido clandestinamente.
As luces, os sons, as cores, os misterios
e os planetas da vía láctea existindo para min ou
para nós, compañeiriña ou compañeiriño.
As liñas verticais e negras no espectro
de luz saíndo do prisma.
A luz, con frecuencia, saíndo dos átomos.
O mundo para nós nesta volta
e nas seguintes a pesares das eclipses.
Iguais nós aos planetas,
ás estrelas, aos satélites e á luz.

Ondadas e refoladas de todos os elementos
pola proa e pola popa, polos puntos cardinais,
por babor e por estribor.
O monótono e o diverso nunha rúa
e en todas as rúas de Rianxo
e de todas as vilas mariñeiras galegas.

Que vou querer senón as imposibles
exactitudes da ciencia e da lóxica
sempre en evolución,
as premisas e as conclusións?
Que máis ca razón, co físico e co metafísico?
Que máis cós números e as letras
e as súas combinacións?
Que vou querer máis ca captar os mesmos
obxectos cós telescopios ou cós microscopios?
¿Que máis, pois, ca loitar ata a extenuación
e vencer a suicida escuridade das noites
e as cansas sombras dos días?

… O teu corazón onda o meu.

WordPress Themes