II Concurso Literario -32- Primeira e última vez

PSEUDÓNIMO: álexseis

CATEGORÍA: relato

TÍTULO: Primeira e última vez

Non sei  que ano comezaba, e menos cal era o que remataba, pero sempre  lembrarei  aquel día, e para máis aquela noite que quedará para sempre no meu recordo.

A noite de fin de ano é sempre especial  por moitas cousas, aínda que moitos digan e xuren que é como calquera outra noite do ano, ou que é a máis decepcionante incluso. Non te pasas días preparando unha noite que non sexa esa, non hai persoa que saia tan elegante coma ese día, nin aínda que queiera, e por suposto, no meu caso, non teño outro día no ano no que teña esa gran reunión familiar que remata a golpe de uva por badalada cando dan as doce da noite, e entramos noutro ano que a saber que nos deparará.

Creo que foi  a derradeira vez que ceamos todos xuntos. Era unha magoa, xa que aqueles días de fin de ano suplantaran a aqueles outros de Nadal de cando eu era máis cativo, e os maiores non o eran tanto. Daquela, eu era unha ledicia andante, que estaba impregnada pola esencia e o misterio que agochaba quedarse esperto ata horas que naqueles anos eran descoñecidas, para o día seguinte espertarse e ver os agasallos que nos deixaran debaixo da árbore.

Agora algo cambiou, el xa nunca máis estará connosco no seu sitio a cabeceira da mesa, presidindo aquel único e máxico momento do ano. El era o meu avó. El era o mellor home que coñecín, e el será o home no que eu me quero converter.

Realmente, síntome entre orgulloso e culpable, porque non chorei coa súa perda, ou máis ben non deixei que ninguén me vise chorar. Tempo despois, soltei as bagoas que estaban dentro gardadas. Cando me din conta de que no seu enterro consolei a todos, e me preocupei  por ser o máis forte. Que o meu ombreiro foi de axuda para todos, e o meu sorriso un arma tranquilizadora. Pero chegado o momento, doume conta de que eu tamén necesitaba esa aperta que non soluciona nada, pero que che fai rememorar a boa persoa que se vai; unha aperta que te impulsa a soltar dunha vez unha mestura de tristeza e rabia, por non volver a ver a esa persoa.

Foi un exemplo para min. Sempre o terei no recordo como aquel gran home que nunca me berrou, e que sempre me dicía, que o mal do mundo eran as envexas. Aquela noite de fin de ano foi a última vez que falamos e que nos vimos. As nosas derradeiras palabras resumíronse  nun ata logo pola miña parte, e a un saúdo parecido o dun capitán de mariña pola súa. A última vez que vin a meu avó, foi a mesma noite que me namorei por primeira vez.

Si. Recoñezo que esa noite, foi a primeira vez que sentín algo tan especial, sentín o que moitos lle chaman un frechazo ou amor á primeira vista. Cada un que lle chame como queira. Foi esa noite de fin de ano, na que saín da casa de festa sen ser consciente de que xamais vería ó meu gran avó, e ignorante de que me fora a pasar a min algo no que nunca crin, e que anos despois segue na miña memoria.

Recordarei ata que poida aquel intre. Eu estaba agardando a alguén cerca dos servizos do local onde transcorría a festa. Aínda non me afacía a vestir de traxe nese día e a gravata xa comezaba a afrouxar. Ante a tardanza e a soidade apoieime contra non sei moi ben o que, pode que una porta ou unha parede, solo sei que xusto enfronte, no meu campo de visión, apareceu nunha postura moi parecida a miña, unha figura que espertou en min un gran interese. Vestía de negro e aínda así iluminaba por riba de calquera. O seu cabelo era largo e dun  negro moi intenso, cuns ollos completamente comúns e castaños.

Pasaron uns segundos ata que me din conta de que as nosas miradas se estaban a cruzar. Solo atinei a sorrir coma un neno avergoñado. Sorprendeume que me devolvese un sorriso tan amable que me transmitía seguridade, e que me fixo dar un paso adiante. Fómonos acercando pouco a pouco con timidez, pero unha vez que nos achegamos parecía que nos coñecíamos de había tempo.

Presentámonos e falamos, bailamos e fixemos o pavo. O tempo pasaba  sen darnos conta e achabámonos abrazados sen saber como chegaramos ata ese punto. De repente chegou o esperado bico. Sinxelo e con cariño. Naquela sala do local podía haber máis de cincocentas persoas, pero solo contábamos dúas. Sorríamos e case se pode dicir que nos queríamos naquel largo pero fugaz momento.

Prometéramos volver a vernos o antes posible aínda que seguíamos xuntos. De súpeto, topeime con un dos meus amigos que me estaban a buscar. Tiña que marchar un momento e pronto volvía, así llo dixen a aquela moza coa que estaba. Ela asentiu e acompañoume coa mirada mentres eu ía rápido para volver axiña.

Claro que volvín en canto puiden, pero non a atopei. Xa non estaba alí. Pode ser que non buscara ben, ou que ela marchara, pode ser que pasaran moitas cousas, quen o sabe. O único q sei con certeza e que pasaron varios anos e fins de ano e que nunca nos volvemos a ver. Que a día de hoxe non recordo o seu nome, pero que aquel intre será difícil de esquecer. Nos seguintes anos volvín a aquel sitio por fin de ano, coa esperanza supoño, de que a volvería a ver e retomaríamos o que deixaramos a medias. Pasado o tempo, creo que foi mellor así, que foi un momento perfecto para ter gardado na memoria sen despedidas, e  sen saber como seguir en contacto.

Aquí, dende a cabeceira da mesa que el presidía, auto proclameime o seu sucesor, e dende o lugar en que tantas veces o vin sorrirme, escribo este meu primeiro relato. O primeiro sempre será tan especial e tan recordado como a primeira vez que me namorei.

WordPress Themes