Obradoiro de regueifa e concerto de Espido

Mañá, mércores, pola tarde o mundo da música tradicional, do pop e do hip-hop fusionaranse no CUVI.

No marco das Xornadas sobre a música e o audiovisual galegos que organiza a Asociación Trabalingua, a tarde do mércores estará cargada de música, de tradición e de modernidade.

Ás 16.00 os regueifeiros Bieito Lobariñas e Pinto d’Herbón da Asociación ORAL levarán a todos os asistentes ao mundo da improvisación oral en verso, a regueifa, a través dun obradoiro-actuación. Estarán acompañados de Aíd (Aida Alonso Iglesias, estudante da Uvigo, e popular rapeira de Valladares-Vigo).

A tarde rematará co concerto de Guadi Galego (voz) e Guillerme Fernández (guitarra) que traerán o proxecto ESPIDO á Universidade de Vigo. ESPIDO, unha caste de fusión por roce melódico-armónico de dous músicos, unha mestura de creatividade que da lugar a un traballo, como o seu nome suxire, que se ispe de abalorios: tan só unha guitarra e unha voz dan forma a dez temas de composición propia, e dúas adaptacións tradicionais.

O obradoiro e o concerto serán na sala I do Edificio Miralles. A entrada será de balde (terán prioridade os incritos nas Xornadas).

Mércores 6 de abril
16:00 Obradoiro de regueifa: Bieito Lobariñas, Pinto d’Herbón, Aíd
17.45 Concerto: Guadi Galego e Guillerme Fernández (ESPIDO)
LUGAR: Sala I do Edificio Miralles. CUVI
ORGANIZA: Asociación Trabalingua
COLABORAN: Universidade de Vigo (Extesnión Universitaria) e Concello de Vigo (Concellería de Xuventude e Igualdade)

WordPress Themes