II Concurso literario -25- Verán

PSEUDÓNIMO: Dixebra

CATEGORÍA: relato

TÍTULO: Verán

Saiu dentre as árbores, un lóstrego, logo escuridade. Primeira pinga, cóxegas do ceo na area, balbordo, barullo; pasa un lucecú entre os toxos, as chorimas molladas; chuvia, logo sarabia, a calor do lar, a luz do candil, madeira de breixo queimada polo lume, borralla, cinsa; enrugas nas bochechas laianme das lembranzas, lendas nosas ciscadas no ar, cuspidas dos beizos alleas ao acougo; Lóstrego; trono, estoupido das nubes, furia do ceo; silencio. Asubían as árbores… escoitase a auga do arroio; un xabaril, un carballo, landras… Namentres, unha raiola de sol… abur nubes. Albiscase o ceo morado, achégase o solpor. Laranxa, vermello, violeta, escuridade… unha cadela ladra…

Primeiras raiolas de sol… Alborada alén do mar, buxainas arrolando, arroutadas ondas con xenreira; sons, murmurios… auga bate nas rochas… percebes, caramuxas; area engulida; refugallos, porcallada na costa. Na ría, unha batea; cunchiñas, centolas…. Agora o sol quenta, agasallo do ceo!

En terra, na herba, unha xoaniña, arume vermello con pintiñas negras; carapuchiña brincadeira, meniña inqueda, camisola de colorinchos, arco de vella, pelo louro, faísca de ledicia. Un paxariño piador, un verme de seda, bolboreta, metamorfose…

Unha aperta, marchar, até o verán (se isso…). Amoriñarse, encariñarse, terlle agarimo, engaiolarse daquel rapaz. Derradeiro día do obradoiro, biscoito de améndoa, unha cunca de cacao, o gume cortando outro anaco; ler mil e unha vez o papeliño, bágoas… despedirse do sapoconcho; no taboleiro, con xiz vermella, debuxo das derradeiras sensacións; ceibar ao ar un pardal como cada ano.


Mediodía; bágoas… olladas.. un abur silandeiro

WordPress Themes