Galeguismo e mocidade: pasado, presente e futuro

Dende a asociación cultural Trabalingua coidamos que todo pobo debe, e máis ten o dereito, de ser coñecedor da súa propria historia. Saber de cada milílitro de suor e cada pinga de sangue derramado polos nosos antergos é fundamental pra valorarmos o que somos, pra a normalización da nosa cultura; así como pra mantermos a entrega de coñecementos dunha xeración á seguinte, co obxectivo de non truncar a nosa evolución como sociedad…e. É necesario restaurarmos a memoria pra podermos soster o presente e construír o futuro.

Así é que coa intención de esculcar no pasado, analizar no presente e proxectar no futuro deseñamos unha actividade co seguinte programa :

10:00-10:50 1ª Poñencia : Xusto Beramendi: As mocidades galeguistas durante a II República
10:50-11:00 Descanso
11:00 – 11:50 2ª Poñencia : Uxío Breogán Diéguez: “O nacionalismo xuvenil na II República: Ultreya”
11:50 – 12:00 Descanso
12:00 – 12:45 Homenaxe a Francisco Fernández del Riego.
Plantarase un pradairo en homenaxe a Del Riego mentres un dúo de gaita e clarinete tocan o himno galego.
Intervirán:
Malores Villanueva, filóloga e amiga de Don Paco
Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo
Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria
12:45 -13:00 Descanso
13:00 -14:00 Palestra : Representantes de movementos de mocidade políticos.
-Paulo Carlos, Mocidade Nacionalista Galega
-Pablo Millán, Xuventude Socialista Galega
-Marcos Fernandez Lema, Converxencia XXI

Agardamos a vosa participación neste acto e desexamos que lle saquemos todos proveito.

Rosalía 21: concerto no CUVI

Concerto de Abe Rábade, Guadi Galego e Anxo Angueira

Ligazón:
http://extension.uvigo.es/extension_gl/contenido/eventos/musica/Evento_0010.html

Hora: 18.30 horas
Lugar: Teatro Vidal Bolaño

O Teatro Vidal Bolaño acollerá o proxecto Rosalía 21, unha revisión da poetisa galega asina polo escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Anxo Angueira, e que conta coa presenza de Abe Rábade, máximo representante do jazz galego, e a voz de Guadi Galego.

II CONCURSO LITERARIO -19- RECOÑECEMENTO

PSEUDÓNIMO: Sopra nordés

CATEGORÍA: relato

TÍTULO: Recoñecemento

Á volta de trinta anos a cidade seguía con aquela enfeitizante enxebreza, coma sempre, con sabor antigo de seu. Mesmo semellaba que non houbera unha longa paréntese entre os seus tempos de estudante en Compostela e aquel venres outonal. Eran as doce da mañá e principiara a caer un feble orballo, mais el non fixo por  protexerse e deixou compracido que aquela auga maina o mollase. Paseaba agora devagar pola engaiolante rúa do Vilar, lembrando aquelas inesquecibles noites de troula e libros da súa mocidade. De socate ficou inmóbil, engoumado. “Non, non pode ser”. Cara a el camiñaba un home vello; ía apoiado nun caxato e os seus pasos curtos amosaban o cansazo da idade. Malia que aínda se atopaba lonxe del, decatouse axiña, a figura imitábase moito á de alguén que coñecera. “Non, isto ten de ser un soño, serían case cen anos… e non creo eu que estea vivo”. Comezou de novo a andar sen deixar de ollar ao ancián, que aos poucos ía chegando onda el. De cabaleira e barba branquísimas, miúdo de corpo e agora un pouco corcovado, vestía gabardina gris e uns anteollos grosos e escuros agochábanlle a mirada. “Pois vai ser que si, aí o está… o mesmiño!”, exclamou malia estar só. Mais acreditou sen dubidar que si o era cando viu o que levaba suxeito coa man debaixo do sobrazo esquerdo. “Un libro e mais un diario de prensa, coma sempre”. Non daba creto, mais si, era don Xosé, o eterno catedrático de “dereito natural”, con aquela aura de sabedoría de seu que parecía arrodealo.

-Un bo avogado xamais se rende e loita… malia dificultades e atrancos, por moi duros que estes parezan –espetoulle sen dubidar non ben estivo onda el, facendo súa aquela frase que lle escoitara unha chea de veces.

O profesor sacou os anteollos e os seus ollos espelidos estudaron axexantes a face do outro, mais ao facelo non amosaron estrañeza ningunha.

-Vaites! Vostede, meu, ten de ser alumno dos anos… setenta, non si? –case afirmou, na vez de preguntar.

-Licenciatura de 1980, Lois Iglesias. É un pracer atopalo –dixo con aceno ledo, e estendeu a man dereita, que o outro aceptou satisfeito.

-Iglesias Ventureira Lois Antón. Era moi intelixente… mais non tan estudoso segundo a miña acordanza. Se non estou nun erro, matinaba decote brincadeiras na aula. É ou non é? –ditou sentenza o mestre.

-Déixame vostede verdadeiramente abraiado. Ben, cabaleiro, convídoo a un café e falamos un anaquiño. Fai?

O egrexio xurista pousou a man engurrada e tremente no ombreiro do seu discípulo e as bágoas abrollaron dos seus ollos.

-Desculpa, é a emoción, alédame moito o teu detalle de saudarme. Respóndeme a isto, fai o favor. Cando cres ti que acredita de verdade un docente que soubo facer ben o seu traballo? –agora atuouno, xovial.

-Vostede ten a quenda de palabra, cabaleiro, que á fin e ao cabo é o ensinante… –díxolle Lois cheo de interese.

-Pois cando ao cabo dos anos alguén é quen de recoñocelo na rúa… e ten a atención de falarlle como ti o fixeches hoxe.

-É merecente diso, don Xosé, e de moito máis. Lémbroo a vostede como mestre de tantas e tantas cousas…

-Grazas. Eu sabía do meu, é certo… –dixo o catedrático.

-Abofé que sabía de todo! Eu propio fun testemuña diso, era un libro aberto rebordante de coñecementos –retrucou o alumno.

-Non tal!

-E máis aínda… Non todo era “dereito”. Falábanos tamén de Castelao, Rosalía, Dieste, Cunqueiro, Fole e… tantos outros. Ten vostede moita culpa de que a miña maior afección sexa a literatura galega.

-Apráceme de vez nesta altura da vida… escoitar iso dos beizos dun meu discípulo de antano –ao dicir isto, don Xosé xa non foi quen de conter o pranto.

-Acougue, home. Vai logo o café?

-Vai. Tomo decote macela e poexo por consello dos doutores, mais hoxe que sexa café, que por mor do noso encontro é este un día fermoso de seu… mais de verdade. En calquera caso, Lois, acepto a túa invitación… mais ten de ser cunha condición –respondeu o ancián con xesto retranqueiro.

-Vostede dirá…

-Que me atúes o mesmo que estou a facelo eu contigo, pois o noso pode ser… unha boa amizade, non si? –propuxo o xurista.

-Se é o seu desexo, perdoa… o teu desexo, para min é un verdadeiro honor e un afago –afirmou compracido o máis novo.

-Imos logo ao Derby?

-Imos…. Xosé.

E colleron pola praza do Toural, a aquela hora ateigada de xente, cara á rúa das Orfas e camiño do vello café compostelán. Ían paseniño, sen présa, ambos os dous satisfeitos de terse atopado… E parolaban rebordantes de ledicia, botando man da acordanza, verbo dos tempos antigos mentres deixaban, ai non, que a ingrávida poalla de Santiago, cómplice testemuña, os mollase de xeito agarimoso…

II CONCURSO LITERARIO -18- POEMAS VARIOS

PSEUDÓNIMO: Dixebra

CATEGORÍA: poesía

TÍTULO: poemas varios

Muller

Muller, muliere ;

muller, criatura;

muller, natureza;

muller, humana;

Muller, persoa;

muller, rostro;

muller, face;

muller, ollos;

muller, boca;

muller, beizos;

muller, nome;

muller, compañeira;

muller, muller;

muller, libre;

muller, independente;

muller, liberada;

muler, persoa;

MULLER!!

—————————————–

Dous meses, un dia e doce horas

Hai dous meses, un día

e doce horas…

estaba nun faiado…

Hai dous meses, un día

e doce horas…

chorando…

Hai dous meses, un día

e doce horas..

entre os teus brazos…

—————————————–

Follas

Follas dun libro..

Follas de outono…

Follas verdes

Follas secas…

follas baleiras..

Follas de palabras..

Follas de cores..

Follas do xornal…

Follas de vida..

Follas de morte..

Follas de antiquário..

Follas de Preescolar..

Follas novas..

Follas vellas..

Follas sen nome…

—————————————–

Palabras de revolución..

palabras de independencia..

palabras de subversión..

palabras de igualdade…

palabras do pobo…

palabras de proletarios..

palabras de estudantes..

palabras de folga..

palabras de berros..

palabras de lume…

palabras de loita..

palabras de conflicto…

palabras de combate..

palabras de azul…

palabras de vermello..

palabras de morado…

palabras de palabras…

…sarbalap ed sarbalap

—————————————–

Soñar soñando, soñando soñar

Soñar cos ollos abertos.

Soñar cos ollos pechados..

Soñar cos ollos verdes..

Soñar cos ollos marróns..

Soñar co futuro…

Soñar cun mañá…

Soñar con alguén…

Soñar con soñar…

Soñar esperta..

Soñar dormida.

SoñarañoS.

II CONCURSO LITERARIO -17- UNHA SOA PEL

PSEUDÓNIMO: XKS

CATEGORÍA: poesía

TÍTULO: Unha soa pel

Unha soa pel

Mesturábanse entre remuíños de sabas
dous corpos espidos compartindo unha pel
explorándose a quentura das almas
e adaptando entre bicos
as formas da moza e máis del.

Regresaban á orixe percorréndose todos
bebendo aloumiños entre beizos de mel
embotado o sentido e sabéndose tolos
compasados, cinguidos,
os corpos da moza e máis del.

Marcaban os dedos o camiño dos beizos
debuxando feituras coma se fose un pincel,
percorrendo coa lingua o ventre e os peitos
arrincando suspiros
das sombras da moza e máis del.

Doentes de vida, mortas de amor,
non falaban de amigos as mans de aquel,
enlazados os sexos, desprendendo calor,
liberando xemidos
de dúas formas,
de dous corpos
e de dúas sombras…
pero dunha soa pel.

II CONCURSO LITERARIO -16- ANDAINA

PSEUDÓNIMO: Dixebra

CATEGORÍA: relato

TÍTULO: Andaina

A luz da lúa colábase pola xanela. Inundaba de amábel ambiente o corredor. Percorríao até chegar ás escaleiras. Ao pisar dos pés nos peldaños ía atenuándose até esvaecerse. Mais ao xirar na curva, volvía inundar a casa filtrándose pola porta de entrada, que ficara antes aberta. No seu percorrido batía con trabas. A luz da lúa chocaba na parede. Parábase todo en seco. A luz da lúa morría afogada en pintura avellentada e humidades nunha casa abandonada había xa tempo.

II Concurso Literario -15- Gris irrealidade

PSEUDÓNIMO: I. Natural

CATEGORÍA: relato

TÍTULO: Gris Irrealidade

O coñecemento pertence ó descoñecemento. El é dono e señor deste xogo social que é a vida, no que habitan circunstancias tanto propias como alleas, e o mellor exemplo disto obsérvase na forma que temos de afrontar os diversos destinos accesorios que a recrea. Aleatoria ou non, a mesma percepción de onte e mañá será hoxe o noso credo incuestionable ós ollos do empirismo sentimental (amor, odio e outras variantes nacentes no noso interior) en canto a relacións humanas se refire, e así prefire a nosa tímida razón pasar desapercibida entre a verdade e a mentira, ambas cambiantes ante a temporalidade do punto de vista. A reacción fronte á acción obséquianos con diversos matices atendendo a variables incontrolables lurpiando un estado de ánimo que rolda a utopía do axioma máis certeiro pero sen posibilidade algunha de chegar a tocalo; como a escala de grises, nacendo e morrendo na ambigüidade. Algo chamado realidade.

II Concurso Literario -14- Somentes ti e mais eu

PSEUDÓNIMO: Dixebra

CATEGORÍA: Poesía

TÍTULO: Somentes ti e mais eu


Somentes ti e máis eu, un xigantesco microsmos…

Somentes ti e máis eu, unha aperta silandeira…

Somentes ti e máis eu, un beixo apaixonado…

Somentes ti e máis eu, unha ollada luxuriosa…

Somentes ti e máis eu, un pasado futuro…

Somentes ti e máis eu, unha realidade aceda..

Somentes ti e máis eu, un todo soñado…

Somentes ti e máis eu, unha doce amargura…

Somentes ti e máis eu, somentes eu e máis ti…

ll Concurso Literario -13- a nena que non tiña bochechas

PSEUDÓNIMO: Dixebra

CATEGORÍA: Relato

TÍTULO: A nena que non tiña bochechas

Nunha terra onde imperaba o verde, os nenos medraban fortes e sans coma carballos e unha bágoa percorría o rostro dunha cativa, agromaba dos seus ollos de cor da améndoa e esbaraba cara o seu queixo reflexo do seu queixume, do seu laio, do seu choro.

Nesa fermosa terra verde a meniña non era feliz. Os demais cativos mofábanse dela “Ah, mirade, a nena que non ten bobochechas!” dicían, e ela sentiase mal. Todos os demais nenos tiñan bochechas, e nariz, e ollos, e orellas, e lingua… ela tiña ollos cos que ollar nun espello as súas orellas, o seu nariz e a súa lingua, pero por máis que movera o espello ou se movera ela nada, non había maneira, seguía sen ter bochechas….

A súa nai dicíalle que non se preocupara, que as bochechas non eran importantes, mais para ela si que o eran, era o único que verdadeiramente quería ter e non tiña… o seu tesouro da fin do arco da vella, a súa maior arela…

Un día chegou a esa terra unha nena que non tiña lingua… A nena que non tiña bochechas comprendeu entón que había persoas ás que lle faltaban cousas máis importantes que as bochechas, e fíxose axiña amiga súa e, mediante debuxos, a nena sen bochechas puido saber que a súa nova amiga arrebataranlle a lingua cando era moi pequeniña, que ela quería recuperar a lingua para saber que se sentía, mais que ela soa non era capaz… A nena sen bochechas propúxose axudala e pasiño a pasiño foille ensinando cousas da súa lingua… Ata que un día a nena sen lingua acertou a dicir “ola!”, e ao día seguinte logrou dicir “quero leite”, e ao seguinte preguntoulle a súa avoa “ onde está a cadeliña, avoa?” e unha bágoa percorreu o rostro da avoa agromando dende os seus velliños ollos e esbarando cara o seu queixo, reflexo da súa felicidade, da súa ledicia, da súa alegría. E por fin alcanzou a dicir “ vai no xardín” cando a nena sen bochechas apertou a nena (agora) con lingua e do leda que estaba as bochechas inflaronselle para sempre nun sorriso.

A súa amiga recuperara ese gran tesouro que é a lingua, e ela, por fin leda naquela verde e fermosa terra, recuperara as bochechas, xa non eran a nena sen bochechas e nena sen lingua, eran Uxía e Lúa.

IIConcurso Literario -12- Outra oportunidade

PSEUDÓNIMO: Lady Gadian

CATEGORÍA: Relato

TÍTULO: Outra oportunidade

Para eles foi unha bendición, como un milagre, como un desexo cumprido, como un sono feito realidade. Milagrosamente quedara embarazada. Un ano máis tarde de que o seu médico lles dixese a ela e o seu marido  que xamais poderían ter fillos, o lograran. Ían ter un fillo propio, sangue do seu sangue. O pouco de coñecer tan boa noticia o home morreu nun grave accidente de tráfico. A muller tivo que pasar o embarazo ela soa, pero iso era o único que a animaba a seguir vivindo. Pasaron os nove meses e naceu unha pequena e doce nena preciosa. A súa nai adorábaa e coidábaa con moita dozura. Pero un día algo tráxico sucedeu.

Unha noite ela espertou para ir ao baño, pero antes decidiu ir a ver a súa filla para comprobar que durmía pracidamente. Cando entrou no cuarto e se achegou ao berce, onde descansaba o bebé de apenas tres meses, decatouse. A criatura non respiraba. Rapidamente colleuna e puido comprobalo con total certeza. Aquel pequeno ser perdera a vida. Chamou a unha ambulancia a pesar de que xa non se podía facer nada pola nena. Os médicos chegaron e confirmaron o que ela xa confirmara minutos antes. Leváronse ese pequeno corpo e ela quedou tirada no chan da súa casa envolvida en bágoas e co corazón totalmente roto. Non podía deixar de chorar. Acababa de perder ao que máis quería no mundo. Perdera a súa única filla, ao único ser sangue do seu sangue. Non comprendía como o deus, ao que tanto adoraba, fora capaz de arrancarlle das mans o seu maior tesouro. Non podía soportar tanta dor. Meses atrás perdera ao seu amado, a persoa coa que tivera a aquela nena e agora lle estaba a arrebatar das súas mans ao único motivo polo que ela fora capaz de continuar. A muller non deixaba de preguntarse porqué o deus que lle brindou tan fermosa oportunidade se a arrebataba de tal xeito.

Os días pasaron e ela continuaba chorando. Pasábase as horas no cuarto, que fora do bebé, abrazada a un boneco que pertencera á súa doce filla. Co tempo a loucura apoderouse dela e fixo que empezase a crer que aquel boneco era a súa filla. Perdera completamente a cabeza e trataba a aquel anaco de plástico igual que a un ser vivo. Finxía darlle de comer, falaba co boneco, a chamaba igual que á súa filla, dicía oíla chorar, cambiáballe os cueiros e saía con ela á rúa. Paseábaa no carro de bebé que comprara para a súa verdadeira filla.

Un día saíu á rúa co carriño de bebé que contiña ao boneco dentro. Como cada tarde levou a que ela boneca que era a súa filla ao parque. Colocouna nun bambán  e xogou con ela durante horas. Mentres balanceaba a aquel xoguete, escoitou uns choros tras unha árbore próxima. De pronto esqueceu a súa pequena boneca naquel bambán  e dirixiuse ao lugar de onde procedía aquel triste son. Mirou tras a árbore e sorprendeuse. Tombado no chan, ao pé daquel carballo encontrábase un bebé, envolvido nunha manta e sen deixar de chorar. Colleuno nos brazos e rapidamente foise con el ao hospital máis próximo. Pediu axuda a un médico e esperou ata que comprobaron que aquela criatura do señor estaba en bo estado e sen ningún problema de saúde. Mentres esperaba na sala do hospital, recobrou a cordura e decatouse de que o ser ao que estivera a columpiar tan só era un boneco e por fin admitiu que a súa filla morrera. Pero outro milagre sucedéralle, encontrárase un bebé abandonado e faría todo o posible para conseguir ser a súa nai legal. O médico entregouno ao neno, un neno de apenas un mes de idade. Levouno á casa e alí coidouno. Ela fixo todo o necesario para conseguir a custodia daquela criatura. Non era sangue do seu sangue, pero agora volvía ser nai e trataríao coma se ela mesma o houbese parido. Se o seu deus lle brindaba esa oportunidade de novo, non podía volver fallar. Non podía permitir perder unha vez máis a un fillo.

O tempo pasou e ela xa é unha pobre anciá que goza de boa saúde e dun fillo de trinta e tres anos que a coida. Non perdeu o neno e conseguiu crialo ela soa. Agora é el o que coida dela e do que agradece a Deus que a súa nai o encontrase ao pé daquel carballo. Milagrosamente o señor brindou outra oportunidade a unha nova nai que caera na loucura por perder a súa filla.


WordPress Themes